O concepto marxista de nación

CC-BY-SA Praza Pública

O marxismo do século XX considerou a nación como un “problema” ou “cuestión” que tiña que se resolver teórica e politicamente. Urxencia que se agudizou nos momentos de grandes cambios históricos. Nas postremos anos do pasado século e inicios do século XXI, a partir da Caída do Muro de Berlín primeiro e dunha globalización galopante despois, o “problema nacional” rexorde con enorme forza e maior complexidade.

En ciencias sociais a fórmula de referencia é agora “identidade nacional”, que o marxismo presente é quen de asumir polo que significa. O Dicionario da Lingua Española e outros noutras linguas (non así o DRAG, polo de agora), contén entre as acepcións da palabra “identidade”, tanto “trazos propios dun individuo ou dunha colectividade que os caracterizan fronte aos demais” como a “conciencia que unha persoa [ou colectividade] ten de ser ela mesma e distinta ás demais”, que lembra dalgunha forma a “cousa en si” e a “cousa para si” de Hegel e Marx. O bo de transitar da “cuestión nacional” á “identidade nacional” é que pasamos do problema á procura dunha solución: un concepto de nación que abrangue o obxectivo e o subxectivo do fenómeno nacional, que neste momento non ten historicamente fin.

Os fundadores do marxismo tiveron que facer fronte no Manifesto comunista (1848) á crítica de que “os comunistas querían abolir a patria, a nacionalidade”, responderon con tres afirmacións concatenadas1 : 1) “Os obreiros non teñen patria”. 2) “O proletariado debe elevarse a clase nacional, construírense a si mesmo en canto nación”. 3) O proletariado “é nacional, aínda que de ningún xeito no sentido que lle dá a burguesía”. Resposta complexa que compatibiliza internacionalismo e nacionalismo obreiro. Aprema restituírmos este enfoque dialéctico actualizándoo no tempo presente, mediante unha lectura máis detallada das súas obras, indo máis alá da simplificación do seu pensamento, entre os seus adversarios e os seus partidarios.

O punto de partida para recuperarmos un concepto orixinalmente marxista de nación é, sen dúbida, a noción de condicións de produción, usada profusamente por Marx e Engels de maneira xeral ou particular tanto para teorizar sobre o modo de produción, as forzas produtivas ou as relacións de produción, como para definir ámbitos espaciais e comunitarios interclasistas como a nación e outros termos sinónimos ou afíns (país, pobo, patria). 

Mediante o termo condicións os creadores do marxismo introducen un tempo e un espazo, en concreto, entre os conceptos fundamentais e abstractos do materialismo histórico, salientando, como non, as condicións de produción . Dentro das cales, distinguen tres tipos: condicións estritamente económicas, condicións naturais e condicións históricas, que actúan sobre as primeiras, e viceversa. Posto que a variedade da condicións naturais e históricas, inciden sobre os modos, as forzas, os medios e as relacións de produción, xerando a diversidade nacional. Podemos falar logo de condicións nacionais de produción como a base material e histórica do feito nacional, segundo Marx e Engels. 

De forma que o modo de produción “abstracto e xeral” orixina as clases sociais e as “concretas” condicións de produción as nacións, e non se poden entender as unhas sen as outras, por moito que as clases sexan máis universais que específicas e as nacións máis específicas que universais. O modo de produción procrea a loita de clases, e a loita espacial e histórica polas condicións de produción dá lugar ás loitas entre as nacións. Da economía xorden as clases mentres que a sociedade civil divídese en nacións, constituídas á súa vez por clases sociais. 

O marxismo fundacional aplica o termo nación e afíns a todas as épocas históricas. Fan xurdir as nacións, xunto coas clases sociais, no tránsito da prehistoria á historia, do modo comunitario de produción á familia, a propiedade privada e o Estado. Escribiu Engels en 1883: “en certas comarcas, tribos que fosen parentes na súa orixe e separadas despois, reuníronse de novo en federacións permanentes, dando así o primeiro paso para a formación da nación”2

Unha mentalidade nacional verdadeiramente abstracta, “indiferente” ás relacións de clase e tendente á longa duración, onde os homes se abstraen das súas situacións individuais tomando conciencia dos seus intereses comúns fronte a terceiros, só pode ser unha realidade completa nun modo produción (capitalista) no que os homes figuren como iguais sendo desiguais.

Atopamos moitas referencias, implícitas e explícitas, de Marx e Engels sobre o feito nacional en textos teóricos e metodolóxicos como Ideología alemana (1849), Introducción de 1857, Grundisse (1857), Capital (1867), Dialéctica de la naturaleza (1875-76), Anti-Dühring (1878)..., que contrastamos con artigos xornalísticos publicados en Nueva Gaceta Renana (1848-1849) e New York Daily Tribune (1851-1852) e outros impresos “efémeros”, xunto con cartas a terceiros que, tanto Marx como Engels, cultivaron até o final das súas vidas. Escritos que contribuíron, empiricamente, á elaboración e evolución do seu concepto materialista da nación, que inspirou de maneira subxacente as súas análises de actualidade. 

Os creadores do marxismo trataron de forma específica os procesos nacionais vividos no seu tempo: a formación de Francia, a unificación de Alemaña, a restitución de Polonia, a liberación de Irlanda, a colonización de India e China, así como os avatares dos pobos eslavos (Engels). Adoitaban argumentar en cada caso a súa toma de posición política, inmediata, entrelazando maxistralmente condicións económicas, naturais e históricas, xerais e particulares, previas e resultantes -posteriores á acción humana-, internas e externas, aventurando conclusións a miúdo audaces sobre a viabilidade ou inviabilidade dos diferentes proxectos nacionais e xustificando, dende o punto de vista do proletariado como “clase nacional” e “clase internacional”, as súas propostas para a liberación nacional das nacións oprimidas ou a promoción daquelas nacións máis progresistas, combatendo de continuo ás nacións máis reaccionarias. Conclúese do estudo destes textos de ocasión, tres cousas: a temporalidade do fenómeno nacional, a nación como unha totalidade concreta, e que non se pode entender o concepto sen a combinación das dimensións obxectiva e subxectiva de cada historia nacional, xunto co seu variable contexto internacional. 

O problema nacional estivo omnipresente a principios do século XX na Rusia zarista. A partir da Revolución de 1905, o Imperio ruso vive “o espertar do nacionalismo nas nacións oprimidas”3, o que reclama a atención do nacente POSDR (bolchevique). Escribe sobre o tema V. I. Uliánov Lenin (Notas críticas sobre la cuestión nacional, 1913; El derecho de las naciones a la autodeterminación, 1914), dende un punto de vista político e oposto ao nacionalismo gran ruso. Tamén Stalin (El marxismo y la cuestión nacional, 1913), con pretensións máis teóricas. Aínda que o máis madrugador foi Ber Borojov (La cuestión nacional y la lucha de clases, 1905), ucraíno, marxista e sionista de esquerda, quen ulteriormente ingresou co seu partido (Poale Zion) no Partido Bolchevique: participa na Revolución de Outubro e morre de enfermidade en decembro de 1917 aos 36 anos. O seu maior mérito é dar certa continuidade ás achegas teóricas de Marx e Engels sobre o feito nacional a partir do concepto condiciones de produción

Borojov, a pesar de non chegar a coñecer obras esenciais para o tema que nos ocupa como a Ideología alemana, os Grundisse ou a Dialéctica de la naturaleza, ademais de artigos e cartas, resume á súa maneira, didacticamente, as posicións dos fundadores do marxismo: 1) “A humanidade está dividida en sociedades”; 2) “No concepto de condicións de produción temos un firme punto de partida para construír unha teoría puramente materialista da cuestión nacional”; 3) “Unha sociedade dada... necesita, ampliando a esfera das súas condicións de produción, conquistar condicións alleas... uns anhelan conquistar, outros buscan defender... ten lugar unha loita nacional"4

A achega conceptual de Stalin xira ao redor dunha definición de nación, pensada para xustificar o dereito ou non á libre determinación, baseada nunha breve e limitada definición que fixa os trazos necesarios para que unha nación sexa considerada como tal: "Nación é unha comunidade humana estable, historicamente formada, xurdida sobre a base da comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada esta na comunidade de cultura”. Só a presenza conxunta de todos os trazos distintivos forma a nación” 5. O último pecha a posibilidade de aprehender a variabilidade do feito nacional na historia, e exclúe á nación xudía que non terá territorio propio até 1948 en Palestina.

No cadro da renovación do marxismo occidental con posterioridade a Maio do 68, retómanse pois diversos aspectos do marxismo fundacional no relativo ao status teórico da nación. Pierre Vilar, entre outros, recobra a nación como categoría presente en todas as épocas históricas, non soamente durante a Idade Contemporánea e ligada ao capitalismo ascendente, como defendía Stalin 6. Tamén o último Nicolás Poulantzas que utiliza ademais sen nomealo o concepto de condicións de produción e de reprodución: “a nación non se identifica coa nación moderna e o Estado nacional, tal como aparece na emerxencia do capitalismo en Occidente. Hai ‘algo’ que se designa baixo o termo de nación, é dicir, unha unidade particular de reprodución do conxunto de relacións sociais, moito antes do capitalismo” 7. Botamos en falta nos anos 80, con todo, unha recuperación cabal das achegas de Marx e Engels, inspirados na intuición de Borojov, que tentamos levar a bo porto, en 1985, con motivo do I Centenario da morte de Karl Marx8

Século e medio despois de Marx e Engels precisamos da súa metodoloxía e enfoque nacional/internacional para afrontar con éxito o “desenvolvemento da cousa mesma”, aplicado ao feito nacional, que adquire unha maior complexidade e pluralidade en comparación cos tempos da Estado-nación e inicios do Imperialismo que eles viviron. 

O formidable salto das forzas produtivas como consecuencia da revolución da ciencia e a técnica entre o século XX e o século XXI, causou unhas relacións supranacionais para a produción, a comunicación e o comercio nunca vistas, que vimos denominando globalización e afecta a todas as dimensións da existencia humana, obrigándonos a reformularmos os vellos conceptos de clase, nación e Estado, entre outros. 

As novas condicións globais de produción do século XXI orixinaron tres tipos de fenómenos nacionais: 1) nacionalidades medievais e etnias pre-coloniais que renacen por efecto da mundialización; 2) Estados-nacións hoxe en declive, despois de dominar as Idades Moderna e Contemporánea; 3) novos e incompletos fenómenos macronacionais produto directo dos inéditos ámbitos transnacionais de cooperación, integración e comunicación, ao calor da globalización económica, social e cultural, como a Comunidade Europea e a mesma Comunidade Mundial, en diferentes niveis de institucionalización e soberanía política. 

A concomitancia dialéctica da unificación / diversificación nas novas condicións xerais de produción fai agora que os fenómenos nacionais desenvólvanse en círculos inclusivos. 

O normal no século XXI é que unha nación sexa un subconxunto doutra comunidade maior de tipo así mesmo nacional. A superposición de diferentes tipos de comunidades nacionais trae como consecuencia a dobre ou a tripla nacionalidade do individuo, proceso unificador-diversificador está aínda nos seus comezos. Ao que debemos engadir que a presente universalización de valores tende a recoñecer, paralelamente, a diversidade étnica e nacional como parte capital do patrimonio colectivo histórico, cultural e político mundial.

 

1 Manifiesto comunista, OME, 9, pp. 154-155.

2 ENGELS, El origen de la familia, la propiedad privada, y el Estado, Madrid, 1972, p. 94.

3 LENIN, El derecho de las naciones a la autodeterminación, 1914 (https://www.marxists.org/espanol/lenin/obras/1910s/derech.htm)

4 BOROJOV, “Los intereses de clase y la cuestión nacional”, Nacionalismo y lucha de clases, México, 1979, pp. 57-63.

5 STALIN, El marxismo y la cuestión nacional, Madrid, 1976, p. 25.

6 P. VILAR, La Cataluña en la España moderna, Barcelona, 1978, p. 47.

7 Nicos POULANTZAS, Estado, poder y socialismo, Madrid, Siglo XXI, 1978, p. 109.

8 Carlos BARROS, "A base material e histórica da nación en Marx e Engels", Dende Galicia: Marx, A Coruña, 1985, pp. 139-207 (trad. español en https://cbarros.com/la-base-material-e-historica-la-nacion-marx-engels/).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.