O cóndor pasa...

Nas pasadas semanas co gallo do 11 de setembro, foron moitos os medios  que lembraron a figura de Salvador Allende, presidente de Chile, deposto polo golpe militar de Augusto Pinochet en 1973. É coñecida a intervención dos EEUU neste golpe militar, e a presenza da CIA no Chile, organizando grupos terroristas que atacaban infraestruturas vitais. 

Allende quería conseguir non soamente unha sociedade máis igualitaria para os máis desfavorecidos do país, senón tamén unha recuperación das fontes de materias primas, para así conquistar a tan ansiada independencia económica de Chile. “O control do Estado sobre as materias primas e as industrias fundamentais son o medio para o desenvolvemento industrial dos nosos países e para a liberación económica dos pobos de América Latina” (Salvador Allende).

Entre as medidas impulsadas polo seu goberno estiveron a nacionalización da gran minería do cobre, aceleración da reforma agraria, aumentos dos salarios dos traballadores e conxelación dos prezos das mercancías.

Tales proxectos e medidas como é obvio foron combatidos dende os países que controlaban os recursos naturais de América Latina; entre eles de xeito moi importante EEUU que impulsou dende a sombra o boicot e posterior derrocamento do presidente. Engadido a isto, os EUA non podían permitir un goberno socialista no seu patio traseiro, coa ameaza da URSS en plena Guerra Fría.

O novo réxime golpista de Pinochet en Chile foi recoñecido de xeito rápido polos EEUU e recibiu importantes axudas económicas.  Os servizos secretos de Chile estaban controlados por Manuel Contreras que pasou a ser un axente ao soldo da CIA que organizou escuadróns da morte que tiveron como misión  asasinar a opositores políticos (de esquerdas) en Latinoamérica, Europa e EEUU. Polos arquivos desclasificados da CIA, sabemos que Manuel Contreras, xefe da DINA en Chile, foi convidado en 1975 ao cuartel Xeral da CIA en Langley durante 15 días. Despois desa visita, Contreras apareceu como "creador" da Operación Cóndor.

O xornalista e investigador Cristopher Hitchens indica a Henry Kissinger como ideólogo de dita operación. Conformouse pois unha rede de coordinación  que incluía aos gobernos dereitas de Chile, Arxentina, Perú, Ecuador, Bolivia, Paraguai e Brasil máis a CIA; que asasinaron a máis de 13.000 disidentes incluso fora das súas fronteiras, e centos de miles foron recluídos en campos de concentración entre os anos 1970 e 1980. O fin de operación era rematar coa disidencia política de esquerdas. O goberno de EUA ademais de achegar cartos e persoal nesta operación permitiu a rede de comunicación “clandestina” entre os membros desta, tal e como revelaron os papeis desclasificados durante o goberno de Clinton. Os EE.UU. foron un membro clave, sempre "proporcionado a organización, a intelixencia e medios  tecnolóxicos de asistencia financeira”. Entre as vítimas máis famosas desta rede estivo Orlando Letelier diplomático chileno do goberno de Allende asasinado en Washington, moi crítico coa colaboración dos EUA co goberno golpista de Pinochet.

Arxentina foi a seguinte cun similar “modus operandi” sufrindo  unha aterradora guerra sucia durante o goberno do xeneral Videla contra os esquerdistas que durou dende 1976 ata o 1983, na que desapareceron entre 9000 e 30000 persoas.

Nicaragüa foi outro exemplo da participación dos EEUU no derrocamento de gobernos democráticos e de esquerdas en América Latina, e da súa asistencia á ditaduras de corte fascista. O 17 de xullo de 1979 unha rápida acción militar do FSLN acabou coa ditadura de Somoza. O ditador fuxiu a EEUU levándose 20 millóns do erario público. Foi o final dunha ditadura cruel e corrupta, na que os asasinato de líderes de esquerda era algo común. Entre 1977 e 1978 o goberno de Somoza recibiu dos EEUU axuda militar e económica por valor aproximado duns 14 millóns de dólares.

O FSLN sobe ao poder en 1979 no marco dun país afogado pola Guerra Civil e a débeda exterior. En 1984 tiveron lugar as eleccións nas que Daniel Ortega é elixido presidente da república con maioría absoluta. Unha presidencia que ten que facer fronte a problemas internos; entre eles a guerrilla ARDE dirixida por Edén Pastora (ex- membro do FSLN), pero tamén ao FDN guerrilla composta esencialmente por ex- membros da Garda Nacional somocista, sustentada económica e militarmente por EEUU e asesorada pola  CIA.

Pero o goberno de EEUU non soamente deixou aí a súa loita contra Daniel Ortega, xa que a partires do ano 1985 cando asume a presidencia Ortega, o presidente Reagan decreta o embargo ao comercio estadounidense con Nicaragüa e a suspensión do tráfico marítimo e aéreo, todo isto acompañado de amplas axudas aos contrarrevolucionarios  que estaban a facer atentados e asasinatos por todo o país, xerando unha situación insostible que fixo caer o Goberno. Convocadas unhas novas eleccións gañou Violeta Chamorro candidata tutelada por EEUU.

Os antecedentes deste tipo de “intervencionismo” nos países de América Latina, son as chamadas Banana´s Wars, unha serie de operacións militares desenvoltas polos EUA a principios do século XX en todo o Cono Sur, na defensa dos seus intereses económicos e dos de multinacionais como a United Fruit Company. Esta empresa foi a que tivo maior peso nesta situación con intereses financeiros importantes na produción de bananas, tabaco e caña de azucre e outros produtos agrícolas en Centroamérica e rexións do norte de Sudamérica.  Esas Guerras Bananeiras constaron dunha serie de ocupacións, accións policiais e intervencións nestes países nas que estivo involucrado os EEUU.

O coronel Smedley Butler que participou nestas operacións, despois de abandoar o Corpo de Marines no ano 1935, tras conseguir as máis altas honras militares, escribiu o seu discurso A GUERRA É UN LATROCINIO (War Is a Racket) no que denunciaba o uso das forzas armadas dos EEUU para a ganancia de Wall Street. Un texto do máis revelador: “O problema é que cando o dólar estadounidense gaña apenas o seis por cento, aquí se poñen impacientes e van ao estranxeiro para gañarse o cento por cento. A bandeira segue ao dólar e os soldados seguen á bandeira. [...] Servín durante 30 anos e catro meses nas unidades máis combativas das forzas armadas norteamericanas. Teño o sentimento de ter actuado durante todo este tempo de bandido altamente cualificado ao servizo dos grandes negocios do Wall Street e o seus banqueiros.  Nunha palabra, fun un cuadrilleiro ao servizo do capitalismo. De tal xeito, no 1914 afirmei a seguridade dos intereses petroleiros en México, Tampico en particular. 

Contribuín a transformar a Cuba nun país onde a xente do National City Bank podían roubar tranquilamente os beneficios. Participei na "limpeza" de Nicaragua, de 1902 a 1912, por conta da sinatura bancaria internacional Brown Brothers Harriman. En 1916, por conta dos grandes azucreiros norteamericanos, aportei á República Dominicana a "civilización". En 1923 "enderecei" os asuntos en Honduras en interese das compañías froiteiras norteamericanas. En 1927, en China, afiancei os intereses da Standard Oil."

Unhas verbas realmente rechamantes que ilustran de xeito xenuíno como foi e como é actualmente a política exterior norteamericana; revestido dun halo de “democratización” intervén militarmente naqueles puntos de interese económico. Noutros lugares apoia a “oposición” ou “financia economicamente” golpes de Estado. Democracia MADE IN EEUU.

“Estas son as miñas últimas palabras. E teño a certeza de que o meu sacrificio non será en vano; teño a certeza de que polo menos, será unha lección moral que castigará a felonía, a covardía e a traizón” (Salvador Allende, Radio Magallanes 9:10 a.m.)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.