O conflito de Venezuela

O goberno dun país econpmicamente disfuncional, endebedado, cunha desigualdade crecente, vítima da corrupción sistémica, incapaz de garantir dereitos básicos e cerca do colapso ecolóxico e territorial non ten mellor ocurrencia que tomar novamente partido no conflicto político en Venezuela.

A decisión de Rajoy de non recoñecer a elección da Asemblea Constituinte de Venezuela é un paso arriscado pero previsible tendo en conta a traxectoria do Partido Popular e dos seus apoios socioeconómicos respecto a Venezuela (a ETA do século XXI para a agitprop pepera).

A decisión de Rajoy de non recoñecer a elección da Asemblea Constituinte de Venezuela é un paso arriscado pero previsible tendo en conta a traxectoria do Partido Popular e dos seus apoios socioeconómicos respecto a Venezuela

Sucede que a posición non só é torpe senón que resulta incoherente e perigosa. Por unha banda, é incoherente non recoñecer o resultado da elección da Constituinte e darlle amparo ao referéndum do 16 de xullo convocado pola Asemblea Nacional, carente das máis elementais garantías (destrucción inmediata de votos e rexistros, entroutras rarezas). Se o proceso da Constituinte non é lexítimo nin verificable, como parece entender o Partido Popular, a actuación da Asemblea Nacional non parece cumprir tampouco cos mínimos esixibles.

Doutra banda, a utilización do goberno de España para apoiar á oposición venezolana lexitima toda unha serie de comportamentos que trasladados ao ordenamento español estarían reflectidos nuns cantos artigos do Código Penal. A oposición venezolana a través dos seus representantes na Asemblea Nacional estivo en aberta rebeldía fronte a diversas resolucións xudiciais e foi declarada en desacato. Cal sería a reacción do PP se en España acontecese o mesmo?

A oposición venezolana amparou a violencia nas súas manifestacións e considera loitadores pola liberdade a grupos armados que atacan non só ás forzas de seguridade senón tamén a civís (caso de Orlando Figuera, quemado vivo o 20 de maio por un grupo de manifestantes antigubernamentais en Chacao). Certo é que se argumenta que sería unha forma de defensa contra a violencia do goberno, mais resulta difícil crer que o PP e os medios que o amparan xustificasen eses comportamentos en España. Se nunha manifestación en Madrid grupos de encapuchados atacasen aos antidisturbios, se estoupasen bombas ao paso de motocicletas da policía, a reacción dos medios mainstream sería pouco menos que esixir a saída dos tanques ás rúas, e o goberno estaría tentado de facelo de non ser polo caro que resulta.

Que o PP empregue a cuestión venezolana como unha cortina de fume para os problemas internos de España non pode levar a enganos: Venezuela ten problemas e o seu goberno é mellorable, pero a oposición non é mellor e suma tantos partidarios como detractores acérrimos

Tampouco debería esquecer o goberno que a súa posición pode levar a Venezuela e outros estados a empregar medidas de retorsión que sigan a estela da actuación española e teñan unha relevancia interna. As medidas poden ser moi diversas, pero dada a situación política non sería descartable un hipotético recoñecemento da independencia de Cataluña no caso de que sexa proclamada. Non servirá afirmar que é unha intromisión nunha cuestión interna, porque a propia España entrométese en cuestión internas de terceiros países.

Que o PP empregue a cuestión venezolana como unha cortina de fume para os problemas internos de España non pode levar a enganos: Venezuela ten problemas e o seu goberno é mellorable, pero a oposición non é mellor e suma tantos partidarios como detractores acérrimos. Moitos venezolanos lembran que os problemas estructurais do país foron creados polos sectores sociais e políticos que durante décadas gobernaron excluindo a amplos sectores da poboación, explotando as rendas petroleiras e pondo o país ao servizo de intereses alleos. Eses sectores que agora conforman a oposición e que non entenden como poideron perder o poder fronte a uns descamisados, representan a parte dos venezolanos, pero non a todos, e tomar partido por eles obviando aos restantes é un erro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.