O conflito definitivamente internacionalizado

Definitivamente, a situación conflitiva que se vive en Cataluña adquiriu unha importante dimensión internacional. As decisións tomadas polo xuíz Llarena obrigan a pronunciarse, nos vindeiros meses, a diversas instancias xudiciais de Alemaña, Reino Unido, Bélxica e Suíza. Aínda que, obviamente, non o van facer sobre o fondo das graves imputacións formuladas polo instrutor do Tribunal Supremo si van ter que decidir sobre a pertinencia das extradicións solicitadas e concretar, no seu caso, os delitos para os que se autoriza o axuizamento en territorio español.

Semellantes decisións poden ter un impacto moi relevante no escenario interno -catalán e estatal- no que se está xogando o futuro da actual crise. No caso de que o ex-president Puigdemont non sexa extraditado ou tal medida só resulte operativa para algún presunto delito diferente ao de rebelión, a estratexia do xuíz Llarena naufragará estrepitosamente e as formacións políticas que apostaron exclusivamente pola vía xudicial para xestionar este problema sufrirán un notábel contratempo.

Unha eventual desautorización dos correspondentes órganos xudiciais deses países á dureza exhibida pola instrución que se está practicando no TS podería ser un incentivo para comezar unha desescalada no ámbito penal e posibilitar a apertura de camiños para o diálogo político entre os partidos que conforman a Cámara lexislativa catalá. Se, pola contra, tal circunstancia fose utilizada por PP, Cidadáns e PSOE para redobrar a súa disputa polos segmentos do electorado máis proclives á belixerancia extrema contra os sectores independentistas, o presente bloqueo perduraría nun labirinto de moi difícil saída.

Hai outro aspecto da proxección internacional que merece ser destacado. Nos últimos días, tres medios de prestixio - The Times, The New York Times e Der Spiegel- editorializaron moi criticamente a respecto do tratamento do tema catalán por parte do goberno de Mariano Rajoy. Escribiron afirmacións e postularon actitudes que non aparecen nos posicionamentos habituais dos xornais que se editan en Madrid. Resulta moi rechamante o estrondoso silencio informativo que practicaron estas cabeceiras da capital do Estado: semella que prefiren que os seus lectores non coñezan opinións tan significativas en colegas que son referencias indiscutíbeis no sistema mediático europeo e norteamericano.

Estamos ante unha asimetría moi rechamante no conflito catalán. O xuízo valorativo moi maioritario que preside a opinión publicada residenciada na xeografía estatal non se corresponde co que sucede máis alá dos Pireneos ou do Atlántico. Algúns, na soidade dos seus poderosos despachos, deberían reflexionar sobre o que está a suceder. A menos que subscriban a vella lóxica conspiranoica dos inimigos exteriores.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.