O contraataque do maoísmo

Non vou a mentir, pensei que o maoísmo en Galicia pasara a mellor vida, logo do seu nefasto papel na transición, servindo como mera corrente aduladora da violencia e que pretendía tender lazos entre a burguesía galega, o campesiñado e enredar así ó proletariado (e así destruír o movemento obreiro dende dentro), sumada a unha miscelánea nacionalista a imitación do modelo vasco. Pero para iso xa estaba Piñeiro e a súa camarilla e o nacionalismo galego máis desenfadado. Eu na miña inxenuidade pensaba que xa non volvería a contemplar como se nomeaba o pensamento Mao Tsetung vinculándose ó movemento obreiro e ó socialismo (recordémolo, cuxo fin é a emancipación do proletariado), xa que si algo nos demostrou a transición nos 70 (e a propia revolución china) foi que os maoístas téñenlle pánico ó proletariado. Pero a volta de partidarios desta nefasta ideoloxía é algo que se está a percibir a nivel estatal, tal como vimos no caso de Pablo Hasel, aínda que moitos dos manifestantes eran simples mozos máis posuídos pola rabia (entre os cales eu tamén me podería haber encadrado fai algún tempo) que coñecedores conscientes do reaccionario pensamento de Mao, e polo tanto non coñecedores das teses reconstitucionistas e filoanarquistas do PCE(r) e dos GRAPO. 

Pois ben, como non o IGADI, principal voceiro do imperialismo chinés no país, encargouse de amosarme que estaba equivocado. Polo tanto hoxe gustaríame comentar o artigo de Manuel Mera Sánchez, titulado “UPG, China e o maoísmo”. Paréceme perfecto que o autor asocie a revolución nacionalista china a todos os movementos democrático- nacionais que queira (todos infrutuosos xa que como se viu co tempo ningún perseguía a constitución do socialismo), pero que non a vincule ca primeira revolución socialista triunfante da historia, pídollo como un favor case persoal. Aquí o autor xa lanza a súa primeira xoia, a de que supostamente o maoísmo sería a continuación do marxismo- leninismo, cando na práctica se ten demostrado todo o contrario. O maoísmo é unha ideoloxía metafísica, idealista, reaccionaria, revisionista e pequeno burguesa, e para darse conta disto só hai que ler a breve obra de Juan Mesana (pseudónimo de Roberto Vaquero), Desmontando a Mao: Cuestiones sobre un revisionista, por non falar xa de Enver Hoxha, que a parte coñeceu a situación china de primeira man. 

A continuación do artigo ten a súa miga. Obvio que Galicia era unha rexión rural, e iso precisamente amosa que o campesiñado non é unha clase revolucionaria, e non o vai a ser por máis que Papa Mao nos veña a falar sobre metáforas de gatos que cazan ratos ou o simbolismo que ten que un papagaio se pouse na túa ventá. En Galicia existe clase obreira (por non falar xa da emigración), e esta é ninguneada e desprezada polo maoísmo, se non por nada esta nefasta ideoloxía só enraizou en sectores intelectualoides, descendentes de familias campesiñas acomodadas ou vidas a menos. No referente ás cooperativas ten sorna a cousa, agora resulta que Coren é un modelo de socialismo? Eu creo que si lle dixese iso a colegas meus que curran (e son brutalmente explotados) nesta empresa, disentirían bastante... Por non falar xa do capitalismo cooperativista iugoslavo e o como acabou ese nefasto experimento hippie... Ou por non falar do rural chinés, que dista moito de ser a panacea comunitaria que din os maoístas, abondando con remitirse tan só as taxas de emigración. No referente ó monte comunal, aquí preséntasenos unha idea que está presente no longo do texto, e é a ignorancia historiográfica do autor (algo lóxico nun maoísta, xa que si a historia fose realmente cíclica non sairiamos da confrontación Imperio exipcio- pobos do mar- Imperio exipcio- pobos do mar- Imperio exipcio- pobos do mar...). Que exista monte comunal non significa nin unha redistribución da terra nin un igualitarismo social, xa que como afirman todos os historiadores serios do tema, o recurso ós montes comunais era fixado en función do determinado status dos veciños (quen máis tiña, máis dereitos tiña sobre o mesmo). A única solución para o problema agrario no capitalismo é a colectivización total da terra, non o mantemento dos montes comunais, que, tal como nos amosa a historia, non son capaces de resistir o avance da propiedade capitalista (proceso que se inicia no século XIX, non nos anos 70 como afirma o autor). 

No referente á emigración, xa escribín sobre o path dependence, pero a min cando se me fala de gran potencialidade sen nomear a emancipación obreira, sempre me cheira a intereses da burguesía de aumentar as súas taxas de ganancia. Polo xeral a súa exposición sobre a situación nos 70 é correcta, pero o intolerable é que cite a X. M. Beiras que basicamente inventábase unha situación colonial inexistente (pero moi acorde ó inicio do imperialismo chino que falaba de 3 mundos, querendo quedarse eles co terceiro como base da súa expansión imperial posterior, tal como se materializou nos seus turbios negocios en Africa...) e tal como se amosou co tempo a súa análise estaba condicionada polas súas ambicións políticas e dogmas nacionalistas, sendo refutadas tamén no campo da economía política.

Na segunda parte da obra, a defensa da UPG xa me parece algo máis persoal. Non me gusta o nacionalismo, pero entendo que teña seguemento e ideólogos, como todas as ideoloxías que representan a unha determinada clase. Pero que non se mesture ese nacionalismo co movemento obreiro (nin se teñan por verídicas as prédicas demagóxicas e berborreas da UPG sobre comunismo, nin saben o que é, e se o soupesen detestaríano por ir en contra dos seus intereses de clase), son conceptos antagónicos, e iso é facilmente demostrable pola praxe da UPG ca súa coiraza de BNG. Un partido que só lle interesa gañar postos electorais para vivir do conto, celebrando resultados supostamente positivos cando resulta que nesas eleccións votou menos dun 50 % do censo, e mentres a situación dos traballadores galegos é cada vez peor dedícanse a falar sobre a casa Cornide e o Pazo de Meirás, cuestión que esa democracia que tanto aman debería haber solucionado fai 45 anos... Pódense encher a boca de Galiza o que queiran, pero nin así conseguirán enganar á nosa clase. 

Na deriva maoísta da UPG, que logo, como vimos co tempo, se converteu en nacionalismo rancio e caduco, é facilmente visible como nunca lles interesou o futuro da clase traballadora (nin sequera a “nacional”, como eles a denominarían). Para isto abonda con analizar algunhas das consignas que amosa o autor no seu texto. A primeira sería esa definición da burguesía nacional inexistente, diluíndo todo en “clases populares” (amosándonos así a fórmula que empregaron os maoístas para tratar de enganar ós traballadores, e que tan mal lles saíu). Neste sentido resulta que xa non sirve a “experiencia chinesa”, cando no resto do traballo se santifica a Mao como si posuíse a palabra revelada. Claro que non sirve a experiencia chinesa, porque Galicia non se pode erixir en potencia imperialista por moito empeño que lle poña á súa revolución democrático- popular... seguir este sendeiro só acaba levando ós delirios milenaristas que se viron en Perú (Sendeiro que non se cita en ningún momento no texto, cando son un dos máximos expoñentes da estupidez maoísta). Continuando na súa defensa da UPG e o maoísmo fai afirmacións bastante atrevidas, como a de que agora resulta que todo son ideas, como que o egoísmo e obsesión campesiña coas terras débese á abolición “recente” dos foros, producida de iure en 1926, pero de facto xa viña producíndose no cambio no século XIX (menos filosofía idealista asiática e máis historia por favor…). De feito os meus avós naceron nos anos 30 e ningún ten recordo dos foros, xa que só teñen a idea dos fidalgos como caciques que mediante enganos acaparaban a posesión de toda a terra e a arrendaban ós paisanos. 

Aquí fago unha paréntese. Cando tiven que estudar esta parte (a transición) da historia contemporánea de Galicia, pareceume que todo se podería simplificar no conflito entre o Frente Judaico Popular e o Frente Popular de Judea (só cambiando as denominacións con nomes nacionalistas e que soasen moi revolucionarios), ambos revisionistas e pequeno burgueses que tratan de ocultar o seu nacionalismo e o seu desprezo polo proletariado nunha amalgama de conxuros posmodernos que pretenden amosar unha imaxe de “esquerda” popular. Pero o proletariado pode ser instrumentalizado, enganado e defraudado unha vez, pero dúas xa é máis difícil. Xa que resulta que a pesar das innumerables organizacións que se citan no texto, e baseándome na realidade que eu coñezo, resulta que ningunha tivo unha transcendencia real, só coñecendo certos persoeiros que se atopan en partidos e sindicatos para vivir a costa de liberacións e subvencións, que supoño que sería ó que aspirarían eses grupúsculos maoístas. A conclusión é do mellor do texto, o de interpretación do marxismo dende a periferia ten sorna... Certamente o análise da realidade actual de China é inexistente. En fin, resumindo todo acabaría levando a venderse sen máis ó imperialismo a cambio de gañar máis status como burguesía preferente á de outras zonas de España... Eu non me opoño a que se siga reivindicando esa triste experiencia da contemporaneidade galega, pero por favor, que non se pretenda introducir ese revisionismo tan barato no movemento obreiro, cuxa reconstrución é tan necesario nestes difíciles tempos que nos tocará vivir. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.