Sei ter o pasmo essencial/ Que tem uma criança se, ao nascer,/Reparasse que nascera deveras...”. (O guardador de rebanhos, Alberto Caeiro –heterónimo de F. Pessoa-).
Como as matemáticas non fallan, ao paso que levamos, no ano 2053 teremos a Xefa de Estado máis preparada da Historia e co rango de capitana xenerala, sempre e cando o pai decida abdicar; mais non será raíña mercé á súa preparación, senón por ser filla de monarca. E mesmo terá o dereito de divorciarse do seu marido, se o considerase oportuno, cousa que a súa nai nunca poderá facer porque, nesas alturas tan altas, semellantes coenxías só están ao alcance do rei. E iso simplemente porque os que lexislan acordaron que o rei goce de inviolabilidade absoluta; mais tamén decidiron que, a pesar de estarmos no século XXI, os homes, nesta Constitución tan constitucional e tan moderna, teñen preferencia ás mulleres para “herdar” a máis alta institución do Estado español.
Claro! Aquí, na Gran Bretaña, en Holanda e na Conchinchina, as monarquías hérdanse sempre. Sempre! O que sucede é que as monarquías hérdanse tanto nos sistemas democráticos coma nos que non o son, a diferenza do que acontece coas repúblicas, pois nos sistemas democráticos sempre se elixen os seus presidentes. Sempre!
Por iso, sería aconsellable que, por conduto regulamentario, alguén lle fixese saber a tantos tertulianos sopeiros, políticos tarambainas e cidadáns borbonárquicos que deixen de tocarnos os chintófanos con esa parvada de que é preferible unha monarquía democrática a unha república ditatorial, despois de dicir, coa boca pequena e falando entre os dentes, que é mellor unha república democrática ca unha monarquía totalitaria. Outra cousa é que o crean realmente!
E, para que os parvos republicanos entendamos o argumentario, ilustran tan melifluo sofisma cuns cantos exemplos revirados, pretendendo, de paso, deixar apampados aos que forman parte da cota “non sabe/non contesta”, sen concedernos a venia de terzar aclarando que as obviedades non precisan demostración, cando menos aquí e agora.
Ah! O meu tío Lisardo síntese alegre porque o novo monarca defenda a transparencia, por iso ata dentro de corenta anos non saberemos como se cociñou a abdicación de seu pai, e tardaremos outros tantos en coñecer a lista de convidados á recepción do día de autos. Síntese oufano pola ansia excesiva en acercarse máis á xente, por iso tomou posesión vestido de militar, e por iso convidou á farándula e deixou fóra do conto a investigadores, á da Cultura con maiúscula e outros polo estilo. E síntese feliz porque o xefe do partido das fondas raíces republicanas lle permite aos seus correlixionarios -agás a Felipe González que está con La Roja a morte- ir pola vida gabándose de seren republicanos sen deixar de ser monárquicos. Hai que goderse con tanta coherencia e contraste de gravatas nun día tan feliz!