Día D. Esta fin de semana, mentres a cidade dorme, un pequeno grupo de persoas dedicarémonos a desmantelar os restos do que construímos na nosa andaina profesional, no meu caso dende 1979, toda unha vida. Logo dun tempo de traballo intenso no que non nos permitíamos pensar no sentido do que estabamos a facer, atopámonos de cara co final. A maioría das persoas que compartimos estas dúas noites no centro en que convivimos nos últimos 10, 20, 30, 35... anos, non podemos evitar ter unha sensación de perda, incluso de estar a vivir unha pequena traxedia.
Esta fin de semana, mentres a cidade dorme, un pequeno grupo de persoas dedicarémonos a desmantelar os restos do que construímos na nosa andaina profesional, no meu caso dende 1979, toda unha vida
Neste último ano a razón mandou ás veces. Debates sindicais sobre as condicións laborais perdidas e os postos de traballo amortizados, a adaptación ou resignación ou indignación con que cada quen reaccionaba, entre novas expectativas profesionais para algunhas persoas e a dura realidade dun fin de ciclo para outras. Debates sobre o que se podía ter feito e non se fixo, sobre o ermo económico que se aveciña para o País e para a cidade, sobre o pouco que se entende ese devalo fora destas paredes. Momentos nos que renacía o vello compañerismo e a ledicia de facer un traballo no que nos realizamos, e outros nos que mandaba a sensación de agravio, de non ser recoñecidas a dedicación, o compromiso, a profesionalidade dunha vida.
Con ese mesmo compromiso e profesionalidade fixemos este duro camiño de demolición que hoxe remata. Unha metáfora da demolición do mundo no que vivimos e creíamos que duraría para sempre. Estes dous días de traballo nocturno que nos quedan por diante, serán a ocasión para elaborar colectivamente este dolo pendente. Porque unha parte de nos morre esta fin de semán. No último batch, ás 21:47 pechamos, con fotos para a historia con minúsculas, para a nosa historia, aínda sorrindo.
Esta noite, co último batch, bórrase para sempre das pantallas e dos discos, que non da nosa memoria, o froito dun traballo colectivo do que temos dereito a sentir moito orgullo
Albiscamos a vertixe do que ven, no paro, na emigración ou con peores condicións, como parte que somos dunha sociedade que non se recupera da perplexidade dun fin de ciclo, dun estilo de vida que xa non é. Seguramente a maioría de nos pasaremos da negociación á aceptación cunha parada de fin de semán na depresión, sen adicarlle mais tempo, que o luns ben cediño empezamos de novo como se nada pasara.
Esta noite, co último batch, bórrase para sempre das pantallas e dos discos, que non da nosa memoria, o froito dun traballo colectivo do que temos dereito a sentir moito orgullo. Celebramos traballando un velorio con todas as da lei, con doces preparados na casa e chascarrillos nos pasillos, con litros de café e algunha bágoa.