Dicía Boaventura de Sousa Santos que o contrato social é o metarrelato sobre o que asenta o moderna obligación política, unha metáfora da contractualización das raíces da Modernidade. Mais na actualidade este pacto está a esnaquizarse; está a manifestar a evidente insuficiencia para dar resposta aos grandes problemas da crise civilizatoria orixinados polo sistema de acumulación do capital. O medre das desigualdades entre individuos e pobos; a pobreza, o paro e a precariedade estruturais; a involución democrática e o retorno dun novo fascismo societal; a privatización do colectivo e do común; a destrución sistemática dos recursos naturais en proveito dunha minoría de privilexiados...Todo un abano de condicións presentes, que amosan a ruptura sen paliativos dunha promesa, e que rematan desposuíndo da condición da cidadanía ou impedindo o acceso á mesma. A exclusión naturálizase globalmente da man de novas lóxicas de dominación nesta fase do capitalismo tardío.
A cidadanía moderna, máis que unha identidade política substantiva, vai camiño de non ser máis ca unha personaxe conceptual ou de transformarse nun mero simulacro. O reparto conflitivo e desigual dos bens e servizos producidos na sociedade, e máis a titularidade do acceso para a súa utilización en claro beneficio das oligarquías, amosan o enorme deterioro das condicións sociais, económicas e políticas que se están a impór a unha sociedade cada vez máis desprotexida e abandonada por institucións que só atenden á razón neoliberal. Neste contexto, lémbranos Pablo Gentili a existencia dunha expansiva modalidade de práctica excluínte consistente en "segregar incluíndo", isto é, atribuír un estatus especial a determinados grupos de individuos, que non precisan ser exterminados nin recluídos en institucións especiais. Categorías tales coma desempregados permanentes, marxinados, migrantes, refuxiados, desprazados, minorías, pobres, e un longo etc, fan parte de inmensos continxentes para os que este xeito de exclusión significa aceptar que hai xente que pode convivir cos incluídos, só que nunha condición inferiorizada, subalterna. Son os sub-cidadáns, os novos súbditos da esfera económica e social, xa que súbditos na esfera política estamos a selo a inmensa maioría a quen non se nos permite máis participación que o voto cada certo tempo, mentres se nos exclúe da dereito a decidir sobre os temas que afectan de fondo a nosas vidas.
Se a integración social pode ser definida, consonte Sonia Fleury, como a capacidade para construír cidadanía activa, eliminar as barreiras discriminatorias no mercado e diseminar unha cultura de solidariedade, podemos constatar o dramático fracaso das esperanzas depositadas nas solucións ofertadas desde a maquinaria do poder. A insatisfación, a frustración e a raiba perante esta neo-feudalización societal, precisan de seren xestionadas para evitar a súa direccionalidade contra os modelos e prácticas responsabeis dunha opulencia ofensiva necesitada da actual miseria económica e política. Reconducir e desactivar os conflitos, así coma as respostas e alternativas transformadoras, ven de ser unha necesidade perentoria no mantemento desta voráxine de acumulación por desposuimento. Pois ben, é aquí onde o libro do advogado e doutor en dereito Borxa Colmenero, publicado en Laiovento, resulta dun enorme interese e de lectura necesaria.
Vidas culpáveis: o controlo neoliberal do crime guíanos polos vieiros do controlo a través da liberdade e a través do castigo. O poder soberano nunca deixou de ser nin de existir. Está presente e presto a se manifestar aberta ou agachadamente. Coma expón o autor, "a razão neoliberal põe em marcha un conjunto de técnicas e procedimentos de controlo dirigidos a indivíduos responsáveis, que não precisem das agencias assistenciais para sobreviver, como tampouco da autoridade do Estado para atuar conforme o padrão estabelecido". A sociedade global experimenta con xestións xerencias do crime e da punición, onde as axencias policiais van ter un protagonismo relevante. Os sistemas penais non son illas dentro da mercantilización do mundo e da vida, introducindo criterios economicistas de eficiencia e de eficacia consonte os principio de escaseza. O recurso á excepcionalidade convértese en normalidade en parello á des-cidadanización, á despolitización e á exclusión. A excepcionalidade cada vez máis extensa, e onde a lei se aplica desaplicándose para permitirlle ao soberano afrontar a desorde, desvirtúa a condición e o estatus dunha cidadanía que debería estar asentada en dereitos. Non só o "inimigo externo" é o obxecto da excepción nas reformas substantivas e procesuais penais, senón que o "inimigo interno" – o do activismo político, sindical, social, etc- fai parte substancial deste enfoque e destas dinámicas.
Vidas culpáveis é o libro dun xurista para lectores de diversas procedencias e campos do coñecemento. É unha magnífica obra: incisiva, reflexiva, rigorosa e análitica. O pensamento crítico, do que tan necesitados estamos nos tempos actuais, ten nela un digno exemplar.
Publicidade