Como soe acontecer antes de cada proceso electoral, o micro-cosmos da política galega minoritaria ten xa o seu culebrón. Neste caso xorde ao fío do proceso de primarias abertas á cidadanía (si, á cidadanía) impulsado por Ourense en Común para elixir os seus candidatos á alcaldía. Andan os uns e os outros preguntándose por quen votou o alcalde da Peroxa, como se iso tivera algunha importancia, entre acusacións de “carrexo” fundamentalmente dirixidas aos meus compañeiros de Compromiso por Galicia que, a nivel individual, decidiran participar nesa plataforma. Permítanme os lectores que, dado que algo de perto me tocou vivir este proceso, lles dea a miña opinión por suposto subxectiva ao respecto. Descúlpenme os meus veciños de Outes, por perder algún tempo onde non me chaman.
O voto do alcalde da Peroxa: Quen gaña e quen perde? Gañan todos aqueles que vían en Ourense en Común unha ameaza para os seus intereses políticos na cidade. Perden todos os participantes de Ourense en Común por ter deseñado un regulamento sen pés nin cabeza e non ter habilitado as garantías mínimas para impedir ese absurdo. As recentes desculpas dos representantes de OeC dando a entender que a provincia non estaba preparada para este tipo de procesos resultan tan soberbias como patéticas.
Pensar que nun proceso aberto á cidadanía cada candidato non vai facer todo o posible para gañar, dentro da legalidade, é absurdo
As acusacións de carrexo: Quen gaña e quen perde? Gañan os que no proceso viciado perderon as votacións. Perden os afiliados de Compromiso que participaron en OeC e por extensión á organización enteira, que aparece como cabeza de turco, o peor do peor, de dereitas e por riba dos da boina. Confeso que sempre considerei anecdótico iso do carrexo, pois logo de vivir numerosas eleccións tanto no mundo rural como no mundo urbano, teño moi claro que a grandísima maioría da xente vota sen máis presións que os seus propios intereses e pareceres, por moi cativos que estes sexan. Aínda así, pensar que nun proceso aberto á cidadanía cada candidato non vai facer todo o posible para gañar, dentro da legalidade, é absurdo. Así pasou en Ourense, onde ademais se daba a circunstancia que concorrían varias organizacións que competiron entre si para mobilizar o maior número de votos, usando os seus “aparatos” para facelo. Se non se deron circunstancias semellantes noutros sitios onde predominaban os grupos organizados foi porque houbo acordos previos entre os mesmos, como aconteceu por exemplo en Compostela, con Compostela Aberta.
En definitiva, o disputado voto do alcalde da Peroxa foi por unha banda a arma que uns, os que vían en Ourense en Común unha ameaza seria, usaron para poñer en evidencia as miserias desta plataforma. E pola outra, a coartada perfecta para que os grupos organizados, partidarios ou non, que resultaran perdedores no proceso se desfixeran do grupo con máis capacidade para mobilizar apoios nunhas primarias abertas á cidadanía.
Non aprendemos.