Cun ritmo case frenético, colateralmente contextualizado de cara aos resultados dos comicios presidenciais estadounidenses previstos para este 8 de novembro, estanse desenvolvendo na actualidade diversos acontecementos en Oriente Próximo particularmente definidos polos intereses estratéxicos de contención ao Estado Islámico. Neste sentido, Moscova e Washington trazan as súas respectivas liñas de actuación e de definición das súas áreas de influencia en torno ás ofensivas militares contra o grupo xihadista nun corredor identificado entre Alepo e Raqqa (Siria) e Mosul (Iraq), un pulso do que non escapa a propia opinión pública. Co símil no centenario acordo de Sykes-Picot (1916) que definiu as fronteiras actuais de Oriente Próximo, o que actualmente acontece en torno ao eixe Alepo-Raqqa-Mosul intúe o pulso decisivo pola reconfiguración estratéxica do status quo rexional, en gran medida enfocados en quen ocupará a presidencia da Casa Branca a partir de xaneiro de 2017.
En ambos casos, as respectivas ofensivas sobre Alepo e Mosul e a posibilidade de ampliar este radio de actuación en torno a Raqqa, orientadas ambas a neutralizar ao Estado Islámico, ofrecen as chaves de definición do novo Oriente Próximo. Tanto para o presidente ruso Vladimir Putin como para un Barack Obama apurando os seus últimos días na Casa Branca, o éxito de ambas ofensivas resulta imperativo e imprescindible en termos xeopolíticos e de lexitimación a través da opinión pública.
Neste sentido, a ofensiva militar rusa sobre Alepo resulta estratéxica para Putin á hora de preservar un status quo imprevisible e incerto, e cuxa ecuación pasa polo mantemento do réxime de Bashar al Asad ante calquera saída do postconflito sirio. Na estratexia xeopolítica rusa tamén ingresa Irán, o principal aliado na rexión do réxime sirio, do que Moscova agarda seguir preservando dentro deste establishment.
No caso da ofensiva estadounidense sobre Mosul liderando unha coalición internacional na que se inclúen Turquía, Europa e as “petromonarquías” do Golfo Pérsico, os factores estratéxicos gravitan noutros sendeiros, nalgúns casos diverxentes cos de Moscova: non é só aplicar unha severa derrota estratéxica ao Estado Islámico senón mais ben evitar ou ben neutralizar o fait accompli de desintegración do Estado iraquí que determine potenciais ganancias para Teherán, en particular pola influencia iraniana dentro do complexo escenario relixioso e político iraquí, particularmente de cara á maioritaria comunidade xiíta.
Tanxencialmente, a ofensiva en Mosul tamén permite intuír os intereses turcos, particularmente no contexto post-golpe que define o camiño do seu presidente Recep Tayyip Erdogan cara o autoritarismo absolutista. Controlar Mosul en mans de Bagdad apoiado por unha coalición internacional permitirá progresivamente contemporizar ou ben neutralizar as tentativas kurdas de soberanismo, non tanto dentro do Kurdistán iraquí senón principalmente no Kurdistán sirio (tamén practicamente independente de feito) e turco, toda vez este escenario lle permita a Ankara manexar zoas de influencia a favor da preservación da comunidade turcomán.
O recente atentado na cidade de Diyarbakir, considerada a capital do Kurdistán turco, e a forte represión por parte de Ankara contra líderes do partido pro-kurdo HDP, dan a entender o imprescindible que resulta para Turquía o control de Mosul por parte da coalición internacional. Un aspecto que progresivamente pode ampliarse cara o control ou “liberación” de Raqqa, a teor dos recentes contactos turco-estadounidenses, que permitan reconducir as tensas e danadas relacións entre Ankara e Washington así como a recente reorientación turca cara Rusia. A ofensiva en Raqqa apoiando aos rebeldes sirios supón para Washington a estratexia chave para neutralizar o previsible control de Alepo por parte do eixe conformado por Rusia, o réxime de al Asad e Irán.
Para Moscova e Washington, a ecuación ilustrada nas ofensivas militares en torno ao eixe Alepo-Raqqa-Mosul determina así puntos congruentes e outros mais diverxentes, que poden materializar en novos acontecementos orientados na redistribución de áreas de influencia xeopolítica no “novo Oriente Próximo”.
Ambos coinciden en asestar golpes estratéxicos a un Estado Islámico que pode progresivamente perder o seu santuario establecido neste corredor entre Siria e Iraq, aínda que o mesmo non necesariamente signifique a súa eventual desintegración ou desaparición. De feito, especúlase coa previsible ampliación de redes xihadistas no Cáucaso e Asia Central ante as estimacións de perda do corredor Alepo-Raqqa-Mosul. Pero a necesidade de preservar dalgún xeito un status quo en Siria e Iraq fortemente polarizado e ameazado pola atomización política implica para Moscova e Washington adiantarse aos escenarios post-conflitos. E aquí os intereses mutuos terminan sendo fortemente contrariados.
Non é por tanto froito da casualidade que Putin despregara cara o Mediterráneo sirio un enorme continxente naval militar nos días previos ás eleccións estadounidenses. A chegada do buque Almirante Kuznetsov, auténtico bastión naval ruso, xunto co despregue misilístico e aéreo (Mig-31, MiG-29K, Ka-27, Ka-52, SU-33K, SU-25 e SU-34) determina a preponderancia que Moscova lle outorga ao control de Alepo como peza chave para reconfigurar o mapa xeopolítico de Oriente Próximo a partir de 2017.
Nesta ecuación rusa tamén ingresa Israel, a teor dos recentes contactos entre Putin e o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu a e próxima visita (9 de novembro) do primeiro ministro ruso Dmtri Medveded a Israel e Palestina, cunha proposta de recondución dos acordos de paz.
Con todos, estes factores gravitan colateralmente en torno ao resultado electoral estadounidense. A sucesión de Obama na Casa Branca, sexa en mans da demócrata Hillary Clinton ou ben do republicano Donald Trump, acelerará os intereses en xogo en Oriente Próximo. Pero o contexto actual albisca un eventual pulso polo control dun eixe Alepo-Raqqa-Mosul que se erixe como imprescindible para trazar os planos xeopolíticos rexionais. Un século despois do polémico acordo Sykes-Picot que repartiu a rexión dos despoxos otománs a favor do imperialismo anglo-francés, agora mais ben son Moscova e Washington os que pulsarán un previsible novo reparto, do que igualmente participarán outros actores rexionais como Turquía, Irán e Arabia Saudita.