O Encontro IX: De súpeto, Alex Cooper

A Alex Cooper.

Desde mi triste soledad veré caer
las rosas muertas de mi juventud
Enrique Cadícamo.

Y que de prisa se ha pasado mi juventud.
Alex Cooper.

De súpeto, sen máis e sen previo aviso, decatácheste de que a vida pasa A TODA VELOCIDADE. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, pasaches de un piso na rúa Fernando III el Santo no que unha estudante  aplicada e astuta de filoloxía inglesa tiña pegado na parede do seu cuarto un póster dos Flechazos a un piso na Avenida de Ferrol no que estas esperando, cunhas entradas para o concerto de Alex Cooper no peto da túa chaqueta, a que saía pola porta unha boa profesora de inglés segundo a opinión dos seus alumnos. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, pasaches de comprar na farmacia de “toda la vida”  caixas de preservativos e de ibuprofeno a comprar cueiros e unha caixa de Lorazepam cinfa 1 mg. De súpeto, sen máis de e sen previo aviso, pasaches de ler a Thomas Bernhard a ler de novo a Thomas Bernhard e a correr polo parque Eugenio Granell coas túas pernas, máis propias dun modelo para un escultor influenciado por L´Homme qui marche de Alberto Giacometti que dun atleta que soñe con ser o novo Pedro Nimo, ao aire de Compostela. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, caíches na conta de que cada vez tes menos tempo para ter unha visión sensata do mundo. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, puideches comprobar que nunca escribiras ata agora as palabras: proxecto, punkteratura, owner, literatura psicopatolóxica, cow-boy,avant la lettre, mergullar, work shop, desacougante, box office, mod, influencer, termar, fotonovelas, estratexia, emprendedor, apropiación literaria, master-class, castigo, conclúe ( Prezado Edmond Jabés, estou empezando a notar que tamén eu estoume sumindo nun verdadeiro estado de pánico.)  récit éclaté, impregnación psíquica, modus operandi, indefectible, exho-novela, early adopter, partillar, interdisciplina, metaliteratura, espazo, instalación, founder, CEO, polinización cruzada, late blooner, early adopter e evento. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, pasaches de ver polas rúas de Ourense a Antón Tovar perseguindo palabras a ver a Juán Tallón buscando bares abertos. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, decatácheste, por desgraza, de que deixaches de ter coincidencias literarias con teu irmán e de que podes ter coincidencias literarias con Enrique Bunbury (Welcome to el callejón sin salida) e Michi Panero. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, decatácheste de que pasaches de ser o rei da festa a ser o rosmón da festa. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, decatácheste de que nos últimos anos sempre comezas a ler os xornais polas necrolóxicas. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, a editorial Galaxia pasou de ter de director a Carlos Casares a ter de director a Francisco Castro. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, decatácheste de que xa non che interesan tanto as nubes. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, desapareceron as cabinas telefónicas e apareceron na túa vida os Huawei. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, lembraches que nunca compraches unhas CHELSEA BOOTS. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, Santiago Jaureguizar pasou de escribir fridom spik a escribir Placebo. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, decatácheste de que a túa filla está cantando HYDE PARK. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, decatácheste de que segues escoitando o mesmo disco dos Small Faces unha e outra vez e que segues a dicir o mesmo: Canto me gustan!! De súpeto, sen máis e sen previo aviso, decatácheste de que Keith Richards e Sylvester Stewart  aínda seguen entre nós. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, es ti o que lle dis ao teu pai octoxenario na porta da súa casa: A onde vas, papá. Non saías así a rúa. Abrígate que che vai coller o frío. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, comprendiches que SUZETTE eras ti. De súpeto, sen máis e sen previo aviso, Alex Cooper cantando na Riquela CIERRA LOS OJOS e ti, Gustavo de Básica repetindo a todas horas ata aburrir: Ahora que de casi todo hace ya veinte años.

*
[don't look back] you'd better keep running, yeah
Running till the end of time, oh ye.
Billy Vera.

Don´t look back!,Non mires máis para o teu pasado se queres escribir un bo relato díxoche  ao rematar a lectura do teu traballo final o teu titor, que no seu conxunto ten un aire a Brian Wilson, Barry Tashian, Boris Pilniak e Francisco Castro, no obradoiro de escritura creativa financiado polos aforros dos clientes dunha caixa de aforros; no tempo en que  os clientes aínda non sabían que a caixa de aforros ía cambiar, coma Prince ou Miley Cyrus, varias veces de nome e que algúns dos seus máis brillantes e ben afeitados directivos, que por certo aínda non cambiaron de nome, ían compartir, mira ti por onde ,  a experiencia carceraria con San Juan de la Cruz, Miguel de Cervantes, Gerry Mulligan, Santo Tomas Moro, Luis Goytisolo, James Brown, Quevedo, Ramón Piñeiro, José Hierro,  Iván Zulueta, Ricardo Carballo Calero, Fray Luis de Leon, Donatien-Alphonse- François (compartirán co autor de Voyage d´Italie o non se axeonllar cando entren a próxima vez en Roma pola Piazza dei Popolo?) Miguel Rios, Miguel Hernandez, Antonio Buero Vallejo, Jean Genet, Ken Kesey, Oscar Wilde, Jordi Pujol, Xosé Lois Méndez Ferrín, Lope de Vega e o Lute; e o á que te apuntaches convencido de que che ía axudar na túa paralizada carreira literaria.

Segue o exemplo de Marianne Faithtfull e busca no presente a túa salvación, a túa salvación foron as derradeiras palabras do teu titor e que ti xa non escoitaches porque foron engulidas polo golpe que lle deches á porta cando fuxiches correndo da aula sen ollar para atrás.

O titor, aínda cun sorriso nesa cara mestura da cara de Brian Wilson, Barry Tashian, Boris Pilniak e Francisco Castro, cantoulles ao resto de alumnos do obradoiro aquela vella canción:

Eres joven sin experiencia
Y pagarás tu error.
Eh, eh, eh
Aun no sabes como apreciar
El verdadero amor
Pues corre, corre
Vete, Vete.

*
Vostede sempre reacciona ebrio de ira as criticas.
Elias Canetti.

Cando na Cafetería Sol, o derradeiro día en que a cafetería estaba aberta porque os seus donos, Pepe e Carmen, ían xubilarse, comentoume a reacción que tivera á critica, por certo moi benévola, que lle fixo o seu titor do obradoiro de escritura creativa, o que se apuntara para aprender a escribir un relato con solvencia para gañar na próxima convocatoria o certame  organizado polo Liceo Recreo Ourensán e para demostrar có seu relato que non morreu a ficción no relato curto contemporáneo, ao seu traballo final, só souben dicirlle ao meu amigo que non aturaba a verdade e que cada vez me lembraba máis a un resentido veciño de Obernathal que sempre reaccionaba ebrio de ira as criticas. 

O meu amigo, mentres lle falaba, gardaba un silencio fusco e ao rematar a miñas sinceras palabras con moita lentitude e visiblemente deprimido levantouse e colleu o camiño da porta sen ollar para atrás. Mentres na televisión, na dúas, o escritor Miqui Otero falaba da película The Shining e un cliente, ao que os seus inimigos chaman Gustavo de Básica, moi concentrado lía unha reportaxe no xornal El Mundo de Pedro Simón sobre un pobo de Xaén e o seu alto índice de suicidios entre os seus veciños; que aos dez minutos de marchar o meu amigo lería eu tamén con suma atención.

*

Unha historia limita a vida dunha persoa.
Edmond Jabés.

Onte recibín unha carta do meu amigo, do que non sabía nada polo menos hai dous meses, na que me dicía:
Prezado G:
Non é necesario entrar en detalles. Basta con dicirche que instaleime en Alcalá la Real e que o meu derradeiro amigo se chamará Angel Custodio Aceituno.
De súpeto, sen máis,ao rematar de ler a carta, comprendín a Edmund Jabés cando di que  basta con dicir foron deportados para que xudeu comprenda a historia completa. De súpeto, sen máis, as miñas pernas comezaron a tremer. De súpeto, sen máis, veume a cabeza unha oliveira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.