O Encontro XII: O rapaz que fuxe do monstro de Ille

I

¿ O medo chegaría a murciar o corazón do Xepe?

Ramón Otero Pedrayo

Es una broma de Satán

No puedo mirar

Tu sonrisa sin temblar....

Antonio Vega

Houbo un tempo en que o rapaz era valente, mesmo sen necesidade de acudir á augardente da pava. Pódese dicir, sen medo a equivocarse e a caer nos versos de Isabel Pérez Montalban: Cuantos mundos se inventan/ cuantas utopías se relatan/en los pulcros ensayos de los economistas*, que o rapaz era moi valente ou, como diría Ramón Otero Pedrayo, o rapaz era o máis valente na roza e na derrega.

O rapaz, que xa non naceu como o Torto para arrincar pallopos dunha corte, deuse conta de que era un dos elixidos para ser un home valente cando estando na casa dos seus avós maternos tivo que ir a casa dun amigo, que tiña televisión a cor, a ver o Thriller de Michael Jackson. Na casa do seu avó non había televisión a cor, era en branco e negro, pero si había un Quixote sen a primeira páxina, unha romana, tres pipotes cun viño superior, unha sulfatadora, unha caixa baleira de cervexas San Martín, unha crema de afeitar de A Toxa, dez panos limpos para o tío do rapaz, unha foto súa nunha praza de Montevideo na que non sae sentado Mario Benedetti cos seus poemas da oficina no peto da chaqueta nin Eduardo Galeano botando un balón de fútbol nin Felisberto Hernández no lateral da praza, pero si sae a Idea Vilariño, que ía camiño dunha tenda para comprar un espello para o baño e así poder dicir dunha vez esa soy yo ésa es ídea/ y le sonreiré dándome animos, e outra foto en Larache vestido de soldado da República (nos tempos do servizo militar, logo na guerra, por estar no sitio equivocado no intre tamén equivocado, vestiu outro modelo), mil pesetas para os netos, panos limpos para o seu fillos e a colección de chaveiros (do irmán do rapaz), que traian os Phoskitos ( na que por certo faltaba Satrústegui, Santillana e Migueli), pendurada na parede. Ata aquí todo normal, pero o caso é que a casa do avó do rapaz esta pegada ao cemiterio e o cuarto, no que o rapaz durmía, tiña unha ventá que  daba ao cemiterio e que se a abría podía saudar aos mortos e aos medio mortos do pobo. Esa noite non tivo medo e nin se fixo pis na cama.

Pasado non só o tempo do asilo en seos diversos e nos bicos silvestres senón tamén o tempo dos exames, a súa valentía ía minguando, ata chegar a limites ridículos, e a súa dependencia da augardente da pava ía incrementando. O último exemplo de como esa valentía ía desaparecendo foi cando entrou na libraría Eixo coa intención de mercar dous libros de cortiza inocente; o ensaio sobre Mishima de Marguerite Yourcenar e  Juega al Ajedrez con Anatoli Karpov**.

Cando estaba buscando os libros de cortiza inocente entre milleiros de libros de cortiza culpable, entre os que non estaba nin A Single Man de Christopher Isherwood nin Rosas, Corvos e Cancións de Inma López Silva, a súa mirada cruzouse coa mirada dun home, que estaba acompañado por outros dos homes, e que estaban a presentar con toda solemnidade un libro. O rapaz tivo medo desa mirada, que pareceulle satánica, e colleu o camiño da porta cando o home***, que estaba sentado a esquerda do dono da mirada terrorífica, dixo: Teño o pracer de presentar hoxe, aquí en Ourense e na Libraría Eixo, a última novela de Jorge Emilio Bóveda. O monstro de Ille****.

 

Nota bene

*Isabel Pérez Montalbán. Cartas de amor de un comunista. Germania. Alzira.1999.

**Marguerite Yourcenar. Mishima o la vision del vacio. Editorial Seix Barral. Barcelona
Mickey Kids for Disney. Juega al Ajedrez con Anatoli Karpov. Editorial Everest.Leon. 1998.

***O que non sabe o rapaz que fuxiu correndo da libraría Eixo, ante a mirada atónita do seu dono, é que o home, que estaba sentado a esquerda de Jorge Emilio Bóveda, é que responde ao nome de Carlos Lema,  foi atacado por un monstro que saiu do retrete do tren que o conducía a cidade Vigo. Todo ocorreu nunha décima de segundo, que diría o cantante Antonio Vega, e por iso o Carlos Lema non puido reaccionar. .Por certo o  monstro levaba unha camisola na que se podía ler a palabra XERAIS e gardado nunha bolsa da libraría Eixo unha novela de Alberto Canal titulada: Conexión Tubinga, unha intriga filosófica sobre a existencia de Deus (Edicions Xerais  2008. Vigo).

**** Jorge Emilio Bóveda. O monstro de Ille. Editorial Galaxia. Vigo. 2017

 

II

Es bonito coquetear con la mezcla de verdad y ficción.
Isaac Pedrouzo.

Hoy tengo el placer De invitarte a una resaca para comer.
Nacho Vega.

Cando Isaac, Dj e escritor, estaba escoitando no Torgal, por certo baleiro dos que cando a noite cae teñen nos beizos: Hoy tengo el placer De invitarte a una resaca para comer, por enésima vez as cancións de Druso e que lle facían máis gracia do que os melros rebuldeiros nas flores de Abril, entrou un rapaz coa cara de ver o demo (algúns diría que a súa cara era mesma que a de Gerard de Nerval cando entrou na rue de la Vieille-Lanterne, outros dírian que era a mesma que a de Alejandra Pizarnik cando escribiu: Toda la noche escucho el llamamiento de la muerte, toda la noche escucho el canto de la muerte junto al río, toda la noche escucho la voz de la muerte que me llama* e Inma López Silva diría que era un rapaz coa mirada nubosa dos que se perden no océano) e pediulle se lle podía servir unha copa de augardente da pava e se lle podía por Chimes of freedom de The Byrds. Isaac non sabía que responderlle, pero si sabía que tiña diante súa un personaxe inédito e especial para a súa nova  historia e que ía gustarlle moito ao único lector que tiña no barrio de Conxo de Santiago de Compostela.

26/maio/2017

Druso Brand

Passing Breeze

Por primera vez me pidieron una copa de aguardiente y una canción de The Byrds […]

 

Nota bene.

*Alejandra Pizarnik. Poesías Completa. Lumen. Barcelona.2016

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.