O encontro XXI: I´m Waiting for Manuel Vilas

Non fago mais que atopar xente
coa mesma teima ca min
Fran Pérez, Narf
first thing you learn is that you always gotta wait
I'm waiting for my man
Lou Reed

Tiña, maldita sexa, unha profunda tristeza inconfesable, descubriu en Ordesa, Huesca, que a súa vida era un continua espera. Tivo que esperar para nacer, o médico estaba vendo un partido de fútbol do Mundial 1974*. Tivo que esperar para dicir que o Ulises é prodixioso. Tivo que esperar a que nacera a súa filla para que por fin percorrera os Camiños abertos por Magín Blanco. Tivo que esperar en Lexington Avenue por un dear... dear friend que tiña o seu disco de John Cale dende hai vinte anos e que ainda non llo devolveu. Tivo que esperar a saber que non tiña a posibilidade de inventar. Tivo que esperar cincuenta e catro recreos ata que lle deixaron tirar un penalti, por suposto fallouno. Tivo que esperar para a liberación de oxitocinas e endorfinas a que quedara libre a chambre d´hôtel* que ocuparon en Bruselas os amantes Annie Arnaux e Marc Marie. Tivo que esperar no aeroporto de Lanzarote só e lendo Salvaje Oeste de Juán Tallón. Tivo que esperar que M. fora ao FNAC de Nantes e lle comprara un cd de Jacques Dutronc e France Gall. Tivo que esperar as festa de San Pedro para bailar de novo coa orquestra Urugai: Ao Uruguai, guai/eu non vou, vou/ que lhe teño medo ao mar. Tivo que esperar a ler a Andrés Neuman para poder copiar a cita de Martin Amis: Artist are waiters. Tivo que esperar vinte e un anos para chamarlle a unha muller doce Jane. Tivo que esperar a escribir sobre as razóns pólas que escribiu uns relatos titulados Pílulas Efervescentes. Tivo que esperar a ser un afamado ghost rider. Tivo que esperar a ter na man seis euros estratéxicos (con tres euros estratéxicos xa non chega para conquistar o mundo) para ingresar na Galiza Imaxinaria. Tivo que esperar a coñecer a Luis Vila Pillado, my dear companion, para que lle dixera que a señora Dolly Parton era fantástica.  Tivo que esperar a escribir alguns poemas intelixibles por falta de raíces en Santiago de Compostela. Tivo que esperar nunha tarde de xuño dez longos e interminables minutos a que o escritor Manuel Vilas comezara a presentación da súa NOVELA na libraría Cronopios e ao que lle reprochou que chegara tarde (o escritor de Barbastro ,vestido de negro pero sen un big straw hat, simple e educamente respondeulle: hey white boy, o primeiro que debes aprender é que sempre tes que esperar).

Nota:

*O partido de fútbol era o RDA contra a RFA. O médico ía coa RDA, pertencía ao Partido Comunista de Galicia. O resultado foi un cero para a RDA con gol de Jurgen Sparwasser, de quen as malas línguas dicían que polo gol recibiu como agasallo unha casa e un coche. 
* A habitación era a 223 do hôtel Amigo de Bruselas: https://www.roccofortehotels.com/hotels-and-resorts/hotel-amigo/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.