Estamos a presenciar o nacemento dun novo paradigma bélico caracterizado pola prolongación indefinida dos conflitos, un fenómeno que algúns expertos e teóricos denominan "era das guerras infinitas"
Cando Vladimir Putin ordenou a invasión da Ucraína en febreiro de 2022, os seus asesores militares aseguráronlle que Kiev caería en cuestión duns poucos días. Tres anos despois, as trincheiras esténdese ao longo de centos de quilómetros nunha contenda que ten causado xa ducias de miles de baixas en ámbolos bandos. En Gaza, Benjamin Netanyahu prometeu eliminar ao Hamas en semanas, pero o conflito xa vai para alén dos quince meses, expandíndose ao Líbano, Siria e Iemen, e con impacto en toda a rexión. O recente bombardeo estadounidense sobre instalacións nucleares iranianas o 22 de xuño, que Donald Trump presentou coma operación de "destrución total", foi desmentido polas propias fontes de intelixencia ianquis, recoñecendo que os ataques tan só atrasarían as ambicións nucleares da República Islámica "uns meses".
Todos estes casos dan boa conta dunha realidade demoledora a estas alturas, que os estrategos castrenses occidentais resístense a aceptar, a saber, que a era das vitorias militares rápidas e decisivas rematou para sempre! Estamos a presenciar o nacemento dun novo paradigma bélico caracterizado pola prolongación indefinida dos conflitos, un fenómeno que algúns expertos e teóricos denominan "era das guerras infinitas". A teimosa persistencia na ilusión das contendas curtas está a provocar sucesivos fracasos estratéxicos que van desde Afganistán ata os actuais conflitos no Medio Oriente, pasando pola traxedia humanitaria sudanesa. Porén, malia a acumulación de evidencias empíricas que non fan senón desmentir visións e asertos “clásicos”, esta mentalidade obsoleta segue a dominar os centros de poder occidental.
A democratización do armamento avanzado permitiu que actores terroristas non estatais, grupos paramilitares e milicias irregulares sexan quen de resistir durante anos a exércitos convencionais moi superiores sobre o papel
A democratización do armamento avanzado permitiu que actores terroristas non estatais, grupos paramilitares e milicias irregulares sexan quen de resistir durante anos a exércitos convencionais moi superiores sobre o papel. A Ucraína, un país cun PIB que representa o 11% do español, está a conter á segunda potencia nuclear mundial grazas á combinación de armamento occidental, tácticas asimétricas e determinación popular. En Sudán, as Forzas de Apoio Rápido (RSF) —antiga milicia Janjaweed convertida en exército paramilitar de 100.000 homes baixo mando de Mohamed Hamdan Dagalo, "Hemedti— levan case dous anos resistindo ao exército regular nunha guerra que se internacionalizou grazas ao apoio dos Emiratos Árabes Unidos, mercenarios do Africa Corps ruso (antigo Grupo Wagner) e soldados colombianos coordinados desde Dubai.
A incomprensión de Trump arredor desta nova realidade xeopolítica revélase nomeadamente perigosa na súa xestión do conflito con Irán. A decisión de bombardear instalacións nucleares iranianas resposta á mesma mentalidade que levou a Washington a fracasar nos contextos iraquí e afgán: a crenza de que a superioridade militar estadounidense pode impor solucións rápidas a problemas complexos. Tal e como advirte o analista militar Lawrence D. Freedman nun recente artigo en Foreign Policy, "as novas tecnoloxías de combate tenden a ser avaliadas segundo o grado en que poden contribuír a un éxito rápido no campo de batalla, en lugar de pola súa capacidade para conseguir unha paz duradeira". Trump, quen uns días antes impulsaba negociacións con Teherán, optou pola vía militar evidenciando a súa ignorancia das dinámicas rexionais.
O concepto de "non perder" emerxe como unha achega significativa á comprensión dos conflitos contemporáneos. Moitas contendas actuais chegan a un estado no que ningunha das partes pode inflixir unha vitoria decisiva ao contrario, pero tampouco perden de xeito categórico
O concepto de "non perder" emerxe como unha achega significativa á comprensión dos conflitos contemporáneos. Moitas contendas actuais chegan a un estado no que ningunha das partes pode inflixir unha vitoria decisiva ao contrario, pero tampouco perden de xeito categórico. Esta situación pode manterse durante anos ou décadas, sen resolución aparente. O caso da Península de Corea, onde o alto o fogo dura xa 70 anos, foi durante largo tempo unha excepción; pero hoxe deveu a norma. Sudán representa un dos exemplos máis dramáticos de como a comunidade internacional subestima a complexidade e duración dos conflitos modernos, pasando dunha confrontación entre o xeral Al-Burhan e Hemedti a unha guerra que afecta xa até cinco países veciños. Irán, tras recibir os ataques israelís e norteamericanos, respondeu co lanzamento de mísiles á base de Al Udeid, no Catar, nunha demostración calculada da súa capacidade para prolongar indefinidamente a escalada sen chegar ao estadio de confrontación total.
Ante tal estado de cousas, a imposición de investimentos do 5% do PIB aos membros da OTAN reflicte un obxectivo comercial, que non de eficacia militar. Os modelos de "gasto intelectual" fronte ao tradicional "gasto masivo" están a redefinir os equilibrios estratéxicos. A Ucraína ten demostrado que un sinxelo dron modificado pode destruír un tanque de tres millóns de euros, mentres que o Hamas mantén operativa unha rede de túneles en Gaza construída con materiais domésticos que resiste os bombardeos máis intensos da historia de Israel. A capacidade de improvisación e adaptación tecnolóxica de pequenos países e actores non estatais é quen de compensar asimetrías orzamentarias. Mesmo a operación "martelo de medianoite" estadounidense, que mobilizou máis dun centenar de aeronaves incluíndo bombardeiros B-2 Spirit, cuxo custo unitario estímase 2.100 millóns de dólares, só conseguiu un atraso nas capacidades nucleares iranianas.
Ante tal estado de cousas, a imposición de investimentos do 5% do PIB aos membros da OTAN reflicte un obxectivo comercial, que non de eficacia militar
Desta nova realidade emerxe a certeza de que as democracias occidentais deben reconsiderar radicalmente as súas estratexias de defensa. A planificación militar baseada en conflitos curtos e resolucións rápidas demostrou ser non só ineficaz, senón contraproducente. Trump e o populismo da ultradereita, alimentados pola desinformación e promesas de solucións simples, encarnan esta mentalidade obsoleta que ignora as dimensións políticas, económicas e sociais dos conflitos. A alternativa non pasa por gastar máis recursos en armamento avanzado, senón por gastar mellor desenvolvendo teorías de vitoria realistas nos seus obxectivos políticos e flexibles na súa implementación. A era das vitorias decisivas foi enterrada baixo os escombros de Mariupol, as galerías subterráneas gazatís e as trincheiras do Sahel sudanés, en guerras que ninguén sabe como rematar.