Galiza sae prexudicada cando o xestores da austeridade deciden que toca apertar o cinto e sae damnificada cando entenden que hai que afrouxalo. A reforma do financiamento autonómico e a reestruturación da débeda pública das Comunidades Autónomas disimúlase como unha cuestión técnica, pero o seu resultado atenderá ao peso político de cada un dos autogobernos.
Desde 2009 Feijóo abonouse a solucións tecnocráticas banais e practicou presión política cero diante o Goberno Central. Galiza non tivo un goberno que fixera valer os seus dereitos nin a esixencia dun financiamento significativamente mellorado.
O pasado 31 de xaneiro, o ministro de Economía, Cristobal Montoro, nunha comparecencia no Congreso dos Deputados, anunciou a posibilidade de reestruturar a débeda das Comunidades Autónomas «infrafinanciadas». Para salvar o expediente, Feijóo lidera as voces críticas contra o anuncio do Goberno de realizar quitas á Comunidades Autónomas que recorreran os Fondos de Facilidade Financeira e están máis endebedadas.
A política de abaixamento de Galiza como un autogoberno manso, subalterno e submiso practicada por Núñez Feijóo anticípalle, agora, un financiamento desfavorable. Durante anos dedicouse a facer propaganda tecnocrática austeritaria, a calar perante do desfavorable financiamento galego e a crear a imaxe dunha Galicia subsidiada xenerosamente polo Estado. Agora, amaga coa protesta; protesta para a galería, sen crédito e peso político que é tan só ruído, ruído e postureo indignado que dará paso, coma sempre, a un silencio resignado diante da marxinación de Galicia.
A andrómena da Galiza pobre e subsidiada
Os apoloxetas da recentralización do Estado, tanto a dereita chovinista como o progresismo unitarista, difunden teimudamente a andrómena de que Galiza é pobre e está xenerosamente subsidiada no actual modelo de financiamento. Unha falsidade ao servizo da subalternización do autogoberno de Galiza que na súa idea debe ser relegado á segunda división das Comunidades Autónomas. A Xunta de Galicia trafica activamente con esta andrómena para enmascarar a súa inoperancia gobernamental e xustificar a súa anemia reivindicativa fronte ao Estado. Os indicadores galegos no referido á recadación, capacidade e esforzo tributario deixan ben á luz que Galiza non é «unha autonomía de segunda».
En termos de esforzo fiscal (recadación sobre PIB), Galiza cun 11,23 % ocupa un lugar destacado. Se atendemos á recadación por habitante, os datos de Galiza —2.434,41 euros— sitúan igualmente nunha posición destacada. No periodo 2009-2016 Galicia foi das CCAA onde máis incrementou a súa capacidade tributaria, co empuxe das exportacións de sectores coma o da automoción ou o textil.Dende o 2009 (ano de implantación do actual sistema) ata o 2015, a recadación tributaria estatal total en Galiza medrou un 46,88% (pasando dos 4.3354 millóns aos 6.395 millóns), mentres que en Madrid fíxoo nun 31,58% e en Catalunya so un 27,38%, por exemplo. A porcentaxe de recadación galega do Imposto de Sociedades (16,89%) supera con moito a media estatal.
O relato da Galiza «dependente» e «pobre» que vive da «beneficencia» e a «solidariedade» do Estado é falsa e fundaméntase nunha contabilidade de balanzas fiscais feitas á medida da ideoloxía do nacionalismo español
O relato da Galiza «dependente» e «pobre» que vive da «beneficencia» e a «solidariedade» do Estado é falsa e fundaméntase nunha contabilidade de balanzas fiscais feitas á medida da ideoloxía do nacionalismo español. Se algo evidencian as balanzas fiscais é a cartografía dunha economía periférica interferida pola subordinación política a un centro que chucha unha boa parte dos dos beneficios xerados na nosa nación. Un dato para non extraviarse coa literatura unitarista: a Comunidade de Madrid «recibe» case o 50% do total de tributos das CC.AA. do réxime común cando o seu PIB rexional representa unicamente a quinta parte.
Non somos un país pobre, se cadra somos empobrecido, polas políticas enerxéticas, financeiras ou de infraestruturas deseñadas con intereses alleos e feitas ao servizo dunha oligarquía plutocrática que parasita as políticas públicas. Hai, efectivamente, unha Galiza empobrecida, sistematicamente empobrecida polo deseño das políticas públicas do Estado e pola falta de iniciativa da Xunta de Galicia para facerse valer na defensa da soberanía fiscal e a procura dun financiamento acaído para o país. Si, a pobreza política do Goberno galego do Partido Popular e a súa política de dependencia tradúcese nun progresivo empobrecemento de Galiza. O PP é causa fundamental do atraso de Galicia.
O nefasto balance dos «bos xestores»
Desde 2009, en Galiza, aplicouse sen piedade o receitario austeritario neoliberal. Xunto coa Comunidade de Madrid, é unha das CCAA que sufriu máis recortes en servizos públicos e, malia a brutal caída do gasto autonómico, a súa débeda pública seguiu aumentando: de 4.859 millóns, en 2009, a 11.137 millóns no terceiro trimestre de 2017. A decisión de Feijóo de endebedarse cos bancos en vez de recorrer ao financiamento público, unha mala conta para non dar a imaxe dunha Galiza financeiramente intervida polo Estado, significou aceptar un sobrecusto dos préstamos bancarios para o pago da débeda de varios centos de millóns.
A soberbia do goberno do PPdeG impuxo que Galiza só comezase a beneficiarse tardiamente dos fondos estatais
Este sobrecosto traduciuse para a cidadanía galega nunha continua retallada dos orzamentos públicos en servizos fundamentais. Feijóo decidiu impoñer maiores sacrificios aos galegos e galegas para sacar peito como «campión da austeridade»; a factura do seu postureo electoral pagámola entre todos cunha significativa mingua de servizos públicos e de benestar.
A soberbia do goberno do PPdeG impuxo que Galiza só comezase a beneficiarse tardiamente dos fondos estatais; concretamente, en 2015 solicitáronse 1.567 millóns de euros do Fondo de Facilidade Financeira, de tal forma que, dos 131.073 millóns de euros destinados ás CCAA nese período, a Xunta de Galicia só pediu 1.567 millóns de euros, apenas o 1.2 %. Como consecuencia, Galicia é das Comunidades Autónomas menos beneficiadas do aforro xerado por estes fondos. Galicia, no período 2012-2016, tivo tan só o 0,19 % dos aforros totais.
A gloriosa xestión de Feijóo para enfrontar a débeda pública supuxo pagar préstamos máis caros ao bancos,os grandes beneficiados, especialmente ABANCA, solicitar axudas financeiras ridículas ao Estado e apenas aforrar custos. E, en termos políticos, deixou en claro a súa irrelevancia na negociación do financiamento autonómico, insignificancia política que ameaza con colocar a Galiza no furgón de cola do financiamento dos nosos servizos públicos.
Montoro e a contrarreforma do financiamento autonómico
Montoro adiantou que era un «bo momento» para realizar iniciar a reforma do sistema de financiamento autonómico. O bo momento de Montoro é o bo momento autoritario do artigo 155. Montoro é un tecnócrata que fai política e entende que o clima actual de fervoroso unionismo e autoritarismo estatal é propicio para impulsar un cambio regresivo e recentralizador do Estado das Autonomías e o seu financiamento.
Desde a perspectiva de Galiza, a reforma non será tal, será un mal axuste de contas. Por outra banda cómpre non perder de vista, como salienta Gustavo Buster, «a crise fiscal do Estado das Autonomías é consecuencia das políticas neoliberais, do modelo territorial, e do Estado Monárquico do Réxime do 78. E isto, non é reformable». Hai límites maiormente insalvables para unha reforma positiva e o Partido Popular aspira unicamente a aproveitar o «espírito do 155» para santificar unha contrarreforma do financiamento dos autogobernos do Estado.
Feijóo cruza os dedos para que, tras a reforma, Galiza quede como está, non ten maior ansia que manter o actual status de insuficiencia financeira de Galiza e disimular a súa absoluta falla de relevancia política orquestrando unha fronte de autonomías mansas con Castela e León e Asturias para evitar a política de quitas
A Coalición do 155 e do 135 crese vencedora no conflito catalán e desexa aproveitar o momento de euforia unionista para mudar o Estado das Autonomías, non para permitir máis autogoberno, senón para virar cara un Estado aínda máis centralista, máis centralizado e máis uniformizado.
En termos de financiamento, o Estado convida a un xogo de suma cero, onde as Comunidades Autónomas se pelexen por unha torta limitada e as súas frangullas, porque o quiñón do Estado non se toca. En atención dos intereses de Galiza, unha solución que só mude eses equilibrios sen mudar nada máis, será prexudicial, prexuízo agravado pola irrelevancia de Galiza no debate do financiamento pola acomodación servil de Feijóo.
Feijóo cruza os dedos para que, tras a reforma, Galiza quede como está, non ten maior ansia que manter o actual status de insuficiencia financeira de Galiza e disimular a súa absoluta falla de relevancia política orquestrando unha fronte de autonomías mansas con Castela e León e Asturias para evitar a política de quitas. Durante case unha década non reivindicou, non protesteo, non molestou, a Feijóo valeulle con manter o status quo de dependencia de Galicia e facer que facía pedindo uns tímidos cambios no cálculo da poboación axustada.
A saída para reverter a situación en Galiza pasa por unha aposta decidida pola súa soberanía fiscal; pasa por utilizar ese marco para lexislar, regular e recadar co obxectivo de achegar máis recursos ás políticas de dinamización económica do país e aos servizos públicos fundamentais
Esa política de entreguismo non dá na actualidade para soster unha posición de firmez, por iso, o único camiño que ofrece Feijóo, pero tamén o PSOE e Ciudadanos, é o esgotamento do autogoberno de Galiza pola vía da súa dependencia financeira, institucionalizar un réxime de infrafinanciamento para un infraautogoberno que se torna cada día que pasa nun réxime de preautonomía.
A saída para reverter a situación en Galiza pasa por unha aposta decidida pola súa soberanía fiscal; pasa por utilizar ese marco para lexislar, regular e recadar co obxectivo de achegar máis recursos ás políticas de dinamización económica do país e aos servizos públicos fundamentais. Os esforzos de Galiza han de centrarse en que a modificación do sistema de financiamento se encamiñe nunha dobre dirección: maior soberanía fiscal e maior capacidade de financiamento. E pasa, igualmente, por demandar que o incremento dos recursos do sistema sexa tamén a costa do Estado cun conseguinte incremento das transferencias e un novo réxime competencial do Estado.
A crise do modelo de Estado do Réxime do 78 deita enriba da mesa unicamente dúas saídas. Unha, de ruptura democrática e a apertura dun proceso constituínte, cunha lóxica confederal, respectando o dereito das nacións sen Estado a exercer a plena soberanía e a apertura de diálogos e acordos entre iguais. E outra, autoritaria, antisocial e recentralizadora que é a unifica á Coalición do artigo 155 e do artigo 153 ao PP, PSOE e Ciudadanos xunto coas grandes corporacións económicas e mediática do Estado.
Para as forzas políticas que aspiren a un cambio político substancial, a saída democrática pasa necesariamente por unha lóxica confederal de negociación permanente entre iguales, nin o unionismo amable nin un federalismo livián son alternativa, a crise autoritaria do Estado obriga democraticamente a elixir bando e a liña divisoria para pola asunción do dereito a decidir e a construción dun consenso constituínte confederal e en pé de igualdade.
Publicidade