O epicentro do remuíño

Este artigo podería comezar coa voz do agrimensor K ás voltas polo Eurocastelo Kafkiano  conmesurando a dose da perversión no recorte da bondade agochada tralas cifras agraciadas no sorteo do euromillón con premio en europapazo cara os 6.000.000 do que sexa:  4,4%,  8,51% e 5,6% e resta e resta e resta e segue.

Pois non.

Non. Non por ser palabra capicúa, reversíbel, engraxadora 3 en 1 e o espazo onde os malos aires pegan volta.

Na suma da resta infinita todo se reduce a unha cuestión de cifras e porcentaxes, así que se estas aínda ousan desentoar despois de tonas e tonas de desmaquillador corrosivo, o mellor é extirpalas. 

Se Freud diagnosticou o malestar na cultura, os gurús do profiláctico de rosario recomendan acabar coa cultura e popularizar o malestar a secas.  Se as enfermidades teiman en tardar un tempiño en curar, o remedio do recambio e isto élles unha risa, consistirá en acabar de vez coa atención universal á saúde.  E xa metidos en fariña o seu é aplicar o mesmo dogma de fe á leria do fracaso escolar se este persiste en gangrenar a uniformación elitista do baleiro superchachi: cencenemos a escola pública e liquidado o rexistro, superado o fracaso.

Amén e decadencia.

Era visto que todo vén sendo un remuíño da conciencia –ou a estas alturas é todo máis ben unha “senciencia”?─ pero  non deixa de ser curioso que o punto interior do tornado sexa sempre ese agocho reservado de calma, unha calma queda; o mesmo epicentro da placidez.
Caramba coa cerna da verdade!

No punto G desoutra Galicia que non aparece nas portadas subsisten con febleza algunhas iniciativas cooperativistas de cuño propio no que se supón o ano internacional das cooperativas en plena era do I-absoluto e resta e segue cara a mitose do unicelular por mononeurose.

Loadas as arelas cooperadoras que perseguen o soño de facer perdurábel un estado do benestar universal, diverso, xusto, sostíbel e realmente equilibrado  a través de cidades esencialmente verdes  porque poden axudar a comprender o inoperante milagre das esencias de piñeiro en fregachans e derivados, cando en realidade os piñeiros se algo teñen ultimamente é sobredose de procesionaria.
Será cousa da coresma.

Cando a poboación abeirada nos núcleos urbanos semella ir en aumento e o rural se malurbaniza a lume de carozo, deberiamos se cadra incentivar a cooperación máis alá do discurso artellado en torno aos traballos forzados por unha presunta débeda contraída coa sociedade do banquismo financeiro. Por que? Porque se cadra deberiamos rachar a cuadratura desas cidades artificiais deseñadas de costas viradas a unha cidadanía sometida á sobreobrigación, amparada só pola supresión de dereitos e a nula participación nos concentrados mamut á esencia de cultura, á esencia de xustiza e disque á esencia do verde Guitiriz nunha vellez molesta pero selecta no monocultivo do afastamento. 

Se a honestidade se parece bastante ao monólogo espido dun home novo con botella de auga e foco sobre sinistro fondo de sombra de xigante, que sexan os 23 cromosomas que nos seguen cifrando como seres esencialmente humanos e lixeiramente diferenciados da mosca do vinagre os que xa que non se pode insinuar Gasteiz, esixan á puta de turno o permiso para podermos tan sequera borboriñar unha vitoria así en minúscula nas prazas públicas de noso nunhas cidades e vilas humanizadas, humanizadoras e humanistas con cidadás e cidadáns de pleno dereito participativo.

Só saír a vivir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.