Nin sequera o goberno precisa disimular. Hai acordo xeral en que a economía irá a peor a curto prazo e que, se non facer reformas era malo, facelas vai ser momentáneamente peor. O enfermo –dísenos– ten que someterse a un duro tratamento que o vai debilitar temporalmente, e en canto á curación non hai ningún protocolo científico que describa o agardado final do proceso de recuperación. Pois se as políticas de austeridade levan a algures distinto da lenta agonía do paciente non é precisamente ao crecemento, tanto como o abaratamento do despido se algo asegura é o aumento do paro. Para afrontar estes feitos só queda o antigo truco da fe: xa veredes, o 2013 será un pouco mellor, tede paciencia. É a mesma dialéctica dos brotes verdes que hai pouco eran motivo de escarnio.
Mais que embridar á economía, a política conténtase con ofrecerlle un contrapunto relixioso. O certo é que en economía, como recoñecen os propios gurús de Davos, ningúen sabe moito, e por iso é terreo abonado para a especulación, onde o filósofo se move como pez na auga. O diñeiro é a materialización da incerteza, e os fluxos financeiros, con toda a súa volatilidade, encarnan como ningunha outra cousa o carácter dos tempos: un entramado de conexións sistémicas que no seu conxunto é ingobernable.
Pola súa parte, o político quedou do lado do predicador. Trátase de vender promesas poñéndoas nun futuro que os feitos sempre van postergando, ben aderezadas cos potentes recursos da publicidade e o marketing. O terreo de xogo da política-espectáculo non son as ideas, o cal é outro signo do carácter dos tempos: a política como un asunto ritual e mediático.
Así que entre o groseiro pragmatismo do mercado e os mecanismos da ilusión política, o escéptico e o crente dispútanse a partida; é a vella partida dos negocios e a fe, na que o filósofo tende a quedar fóra do xogo. Quizáis poida atopárselle nalgúns dos sumidoiros da rede, onde bulen múltiples espazos alternativos, pero falta calquera atisbo dun plan común. A propia estrutura multiplicada e laberíntica das novas formas do saber é un atranco para a viabilidade das alternativas, a pesares das aparencias de difusión masiva que ofrecen as redes sociais. Moita comunicación pero tamén moito ruído.
Ao goberno quédalle pois predicar, mentres os verdadeiros amos encárganse do trigo: podémoslle chamar austeridade ou redistribución desigual da riqueza ou dualización da sociedade a outro dos signos dos tempos. É a precarización xeral da existencia, na que vai cundindo a economía do medo; pero ¿que pasará cando a propia sociedade quede atravesada e marcada polo medo? Albíscanse problemas de supervivencia da democracia política.