Vimos agromar numerosas voces na defensa da pasteira en base a argumentos científico-técnicos. as súas opinións están construídas sobre a idea dunha suposta neutralidade da ciencia, o que lles confire unha aura de obxectividade e, polo tanto, un aparente distanciamento de intereses políticos, económicos ou persoais
Nesta primavera na que o pobo galego saíu masivamente ás rúas contra o proxecto de instalación de Altri en Palas de Rei, vimos agromar numerosas voces na defensa da pasteira en base a argumentos científico-técnicos. Nas páxinas de opinión da prensa do país podemos atopar desde investigadores a catedráticos, de grande e merecida reputación, até divulgadores sen mais credenciais que a súa popularidade nas redes sociais. Na maioría dos casos, as súas opinións están construídas sobre a idea dunha suposta neutralidade da ciencia, o que lles confire unha aura de obxectividade e, polo tanto, un aparente distanciamento de intereses políticos, económicos ou persoais.
Se ben os investigadores teñen amplos coñecementos nos seus respectivos campos de especialización -sexa prevención da contaminación atmosférica, tratamento de augas residuais, silvicultura ou ciencia de materiais-, cruzan unha liña perigosa cando mesturan esta información con indicadores económicos e socio-demográficos. Non é acaso unha valoración subxectiva o límite até o que consideramos aceptábeis os impactos ambientais producidos polas actividades económicas? Até que punto é aceptábel desangrar un dos rios mais grandes do pais ou condicionar a política forestal dunha nación a cambio duns postos de traballo? Debemos subvencionar o lucro privado en nome dunha suposta industrialización e dinamización do rural? É a nosa idea de progreso converter unha entelequia que chaman “Galicia vaciada” nunha “Galicia arrasada”?
Admitindo que as lóxicas do capital son tan atronadoramente hexemónicas que fan que o capitalismo sexa percibido como o único sistema económico viábel, non deixa de sorprender que poda constituír unha verdade incuestionábel para quen adopta o método científico como parte do seu credo profesional. Acaso a asunción de que o crecemento económico sostido ou o uso de PIB como indicador de progreso das nacións está gobernado por constantes universais? Ou é que unha visión lineal da historia na procura dun desenvolvemento tecnolóxico e económico perpetuo parte de leis naturais?
Se ben os investigadores teñen amplos coñecementos nos seus respectivos campos de especialización -sexa prevención da contaminación atmosférica, tratamento de augas residuais, silvicultura ou ciencia de materiais-, cruzan unha liña perigosa cando mesturan esta información con indicadores económicos e socio-demográficos
Para evitar malentendidos, aclaro que non estou a poñer en dúbida a lexitimidade destes científicos para opinar, se non o uso interesado do seu prestixio profesional para pretender que opinións subxectivas ou orientacións políticas teñan unha especie de pátina de verdade científica. Sen pretender entrar nunha discusión académica sobre filosofía das ciencias, o estudo dos modelos e sistemas na economía política non é, de ningún modo, análogo ao estudo dos fenómenos da natureza nas disciplinas de ciencias naturais.
O que aquí estou a apuntar non son ideas orixinais. Xa pasaron mais de 150 anos desde que Karl Marx publicara a súa crítica da economía política, na que non só se censuran aspectos concretos senón que se fai unha emenda á totalidade aos autores clásicos, cuestionando os piares fundamentais das teorías económicas. Naquela altura, o filósofo alemán xa cuestionaba a asunción interesada de principios fundamentais que non superaban unha análise superficial da realidade para sustentar teoricamente o sistema económico capitalista. As opinións con bata de laboratorio deciden, consciente ou inconscientemente, ignorar esta cuestión. Convídoos desde esta tribuna a que procuren aplicar o método científico para alén da súa actividade profesional.