O espolio do sistema bancario galego

O goberno galego que lidera Alberte Núñez Feijoo (PP) presentarase as eleccións autonómicas coa meritoria acción de ter favorecido tanto o derrube do sistema bancario galego como o espolio do aforro dos galegos. Unha das principais e mais importantes eivas coas que se vai atopar o goberno galego que saia das urnas nas vindeiras eleccións autonómicas (2016), se quixera desenvolver unha política expansiva (activa), será o estado en que se atopa o sistema bancario galego logo da explosión “controlada” das súas caixas de aforros. Unha situación que vai facer moi difícil calquera política económica autóctona que teña como obxectivo central o crecemento económico e a creación de emprego, por moi tímida que aquela sexa.

Aínda que xa se ten escrito dabondo sobre esta irresponsable desfeita das caixas galegas, lembremos que antes de que estoupara a crise global (2008) aquelas eran un sostén relevante do mercado bancario galego. Co 52% dos depósitos e o 48% dos créditos bancarios as caixas galegas aparecían como un firme e autóctono baluarte do sistema bancario galego e tamén, iso parecía aínda que logo non fora así, como unha certa garantía de que o aforro galego ía ser destinado preferentemente a financialo consumo das familias, o investimento privado –maiormente das pemes e o comercio polo miúdo- e o gasto das administracións públicas galegas, en definitiva a estimula-la demanda interna o que tería que servir para facilitar unha saída positiva da crise.

Unha garantía que agora, e non só pola crise, os galegos non temos ao estar o mercado bancario nas mans de 4 bancos privados e foráneos . “O noso sistema financeiro hai 20 anos tiña o 70% do mesmo de propiedade, dirección e xestión galegas. Hoxe, despois do desastre das Caixas e das vendas de Pastor, Galego e Echeverría, soamente contamos cun escaso 1%.  Por elo a economía e sociedade galega ten un grave e novo problema mais de futuro ao non dispor dun sistema financeiro propio” (ANXO CARDIN T. “Como foi a destrución das caixas de aforros galegas”. TEMPOS NOVOS xuño 2015).

Unha falta de garantías que lexitima que os galegos sigamos pedindo responsabilidades aos culpables desta situación. Responsabilidades que van dende os antigos directivos das caixas pola súa incompetencia e ambición desmedida –“¿que ocorreu cos directivos das nosas Caixas, que cobrando soldos astronómicos, non se decataron das decisións que tomaban nin do estado das súas contas?” (ANXO CARDIN T…..)-, un estado de contas que anunciaba uns beneficios (2007) de mais de 500 millóns de euros cando había unhas perdas reais (2008) de 2.000 millóns de euros.

Pasa polos directivos do Banco de España que, como sucede sempre nestes casos, mais preocupados por vixiar os salarios dos traballadores que por coidar da saúde do sistema bancario español, non foron quen de velas consecuencias das burbullas inmobiliaria e crediticia sobre o mesmo e que remataron na solicitude dun rescate cun custo superior aos 60.000 millóns de euros que engordarían a débeda pública española. E remata nos nosos gobernantes -os distintos gobernos da Xunta de Galiza (PP, PSdG(PSOE)-BNG) e de España (PSOE, PP)- que nunha mestura de incompetencia e de ideoloxía non foron quen xa non de poñer freo ao desatino dos directivos bancarios senón de procurar solucións que foran positivas para o mercado bancario galego, para a sociedade galega no seu conxunto: “As forzas políticas colaboraron co seu silencio a perpetuar comportamentos que primaban os negocios de amigos, socios ou donantes das súas formacións políticas en vez de actuar”        (C. SANCHEZ MATO. “O custo do rescate das caixas do aforro galegas”. ATTAC Madrid). A verdade é que, coas excepcións que mais adiante subliñarei, ninguén, agás a grande banca, parecía ter claro que facer coas caixas galegas.

Tempo para pedir responsabilidades –por unha operación que supuxo para as arcas do Estado unhas perdas, sen contar os activos tóxicos, de case 9.000 millóns de euros, que equivalen aproximadamente ao 20% do PIB galego- pero sobre todo para esixir solucións si realmente queremos que Galiza progrese económica e socialmente. Moitos empresarios e políticos  galegos i españois –tanto das dereitas como dalgunhas esquerdas- a hora de explicar o “milagre económico” alemán fan referencia preferentemente aos minijobs –empregos precarios-, que cada vez son mais frecuentes en Alamana, como a razón básica dese milagre. Menten, como case sempre, ademais de esquecerse de falar tanto da coxestión nas empresas como, neste caso que nos ocupa, do papel que, como moi ben sinala o profesor V. Navarro, as caixas de aforros alamanas desempeñan no “milagre económico” alemán. Algo que dende Galiza debéramos estudar con atención. “O segundo factor que explica o éxito do modelo alemán”  –ademais do seu forte investimento en I+D+i: 3% do PIB- “é a estrutura do sistema financeiro que depende moito en Alamana dun sistema de caixas de aforros locais que por tradición e lexislación céntranse nas rexións e lánders onde están cubicadas. Estas caixas de aforro xogan un papel clave en ofrecer crédito a pequenos e medianos empresarios da súa rexión, impedíndolles que funcionen como bancos con capitalización externa” -todo o contrario do que sucede en España-. “Estas caixas de aforro son, en ocasións, públicas, propiedade dos concellos.

Estas caixas de aforro foron claves en soster empresas medias e intermedias locais e rexionais, e o seu comportamento, distinto ao da banca (que ten como obxectivo optimizar a taxa de beneficios) foi clave para manter a economía rexional vibrante e creadora de emprego” (Vicenç  Navarro: “O que non se di  sobre o suposto milagre alemán”. SISTEMA, 18 de marzo de 2011).

Como se pode ver os gobernos españois e galegos de xeira fixeron neste asunto xustamente todo o contrario do que fixeron e fan as autoridades alamanas. Estas defenden e potencian as caixas, outros desmantélanas ou deixan que se caian (*). As consecuencias de comportamentos políticos tan dispares están a vista: Alemaña 4,7% de desemprego, España 20,9%, Galiza 17,7% -que sería maior de non repuntar a emigración-. Por todo o subliñado será interesante, e revelador, coñecer o programa que cara as vindeiras eleccións autonómicas presenten os distintos partidos políticos galegos, moi especialmente o apartado relativo o presente e o futuro do noso sistema bancario.

 

(*):Debo ser rigoroso e engadir que, amais dun pequeno sector do empresariado galego, de todo o arco parlamentario galego deses anos houbo un sector dun partido político –BNG: moi especialmente a través do seu portavoz nacional Xavier Vence- que si defendeu con firmeza a vital necesidade, para a economía e a sociedade galegas, de conservar as caixas de aforros así como a oportunidade que abría a crise global para a súa conversión nunha banca pública galega na liña anteriormente apuntada das caixas alamanas. Asemade tanto os sindicatos galegos como a organización ATTAC Galicia denunciaron o espolio e opuxéronse a venta destas entidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.