O Estado segurata

Mariano Rajoy foi a Australia a anunciar que irá máis a Catalunya a explicar mellor iso da soberanía nacional, para deleite e alborozo do comando de patriotas que custodia as esencias na maioría dos medios da capital. Tamén puxo no seu sitio o G-20 e espetoulle a Obama, Merkel e o resto da cuadrilla o que aquí xa sabemos, grazas á excelente política de comunicación do goberno e ao fantástico pluralismo informativo que gozamos: en España a crise xa está arranxada porque fixemos unhas reformas exemplares que o deixaron todo niquelado. Así que agora a ver se fan o favor de deixar de enredar, fan os seus deberes, estíranse un pouco e consomen máis e compran mais destes produtos tan competitivos que facemos os españois cobrando menos de mil euros ao mes. A ver se vai resultar que fixemos a desvalorización interna só para que veñan máis turistas. Nós tamén queremos exportar. 

Xa metido neste papel de líder mundial, o presidente podía explicarlles como, entre as grandes reformas que estamos implementando, inclúese unha innovación que desmente a vella tese neoliberal de que o Estado non vale para case nada. Esquézanse de antigallas como o Estado do Benestar. Chega o Estado segurata.

Xa sabemos que o Estado non está para abrir máis hospitais, ou contratar médicos ou profesores, ou dar bolsas, porque iso é gastar e vivir por riba das nosas posibilidades. Pero si está para que as lanchas da Armada escolten o barco de Repsol camiño das súas prospeccións en Canarias e embestir os ecoloxistas para que aprendan que, en España, se queres protestar, marcha para a túa casa e non molestes.

Xa sabemos por que o gasto militar non se toca. Explicóunolo o ministro Soria, o amigo de Monago: hai que defender a liberdade de circulación no mar. É como pedir diñeiro e endebedarse. É moi malo que o Estado o faga, ata que o fai para pagar sen retrucar a ACS unha indemnización de 1.300 millóns de euros por construír un almacén de gas nunha zona sísmica, entón é de xustiza e é a lei.

As grandes empresas españolas poden respirar aliviadas. Xa saben en que gasta o Estado español os impostos que elas non pagan, pero pagamos nós por elas. En protexelas e defendelas de ecoloxistas, clientes, cidadáns e xente perigosa en xeral. Alí onde unha grande empresa española teña un problema, haberá sempre un ministro, un soldado, un buque ou un cheque ao portador posto polo Estado segurata. Non estades soas, amigas. Ánimo.

O peor de todo é pensar que Repsol é hoxe unha empresa privada porque Aznar decidiuno así e os xestores que hoxe a patronean proveñen da presada de burócratas elixidos a dedo polo goberno do Partido Popular e os amiguetes a quen lles regalou un monopolio público que funcionaba bastante mellor, achegaba máis valor á sociedade e á economía española e, ademais, se non nos gustaba podíase cambiar votando a outro goberno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.