O europeísmo como oportunidade para Galicia

Sesión plenaria do Parlamento Europeo en Bruxelas CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

Hai unha semana aproximadamente víamos como a primeira ministra do goberno autónomo de Escocia comparecía xunto a outros líderes europeos e mundiais na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, deixouse ver orgullosamente a carón do presidente estadounidense Joe Biden. A líder escocesa estratexicamente tense situado como unha política pragmática e intelixente, que ten feito virar todo o seu posicionamento secesionista en col dun europeísmo construtivo. Escocia quere un Estado de seu para adherirse a Europa, a mesma da que foi arrincada pola nostalxia imperialista do populismo británico. No eido das políticas públicas a lider do SNP ten erguido a bandeira dunha socialdemocracia que está renacendo por toda europa. Parece ser que europeísmo e socialdemocracia son pois bandeiras ás que o movemento nacional escocés non está disposto a renunciar. 

A mesma fórmula europeísta e socialdemócrata é a que se ten imposto nas derradeiras eleccións celebradas en Europa. Dunha banda o sonoro triunfo do vello SPD, partido decano na defensa do pacifismo, a integración europea e un socialismo humanista non só compatible coa democracia pluralista se non gardián da mesma. 

Esta socialdemocracia alemá que foi o cimento principal na contención da extrema dereita populista, e que tivo que comungar con rodas de muiño para evitarlle á sociedade alemá as derivas populistas de Lafontaine e o Die Linke primeiro, e o radicalismo nacionalista de infausto recordo no país xermánico despois, coa Alternativa para Alemaña. Finalmente foi premiada pola sociedade, que viu en Olaf Scholz ao home para preservar a democracia pluralista, o papel de Alemaña en Europa e o reformista intelixente para acometer a viraxe social que toda Alemaña e Europa precisan hoxe. 

O mesmo éxito colleitado por Scholz na Alemaña, tivo a súa versión co triunfo da socialdemocracia en Noruega e nas eleccións municipais italianas, onde un Partito Democrático fixo do tandem europeísmo+socialdemocracia a fórmula para devolverlle as certezas a unha sociedade italiana, profundamente desorientada pola paranoia dunha dereita italiana que roza o límite do subrealista. A socialdemocracia italiana representa como ningunha outra a confluencia dos valores humanistas que outrora defendera unha democracia cristiá de fondas conviccións sociais, solidaristas e mesmo obreiristas e que nos 90 foron abandonadas para asumir os principios do neoliberalismo, asasinando de necesidade a vella idea que pretendía facer do estado de benestar e da economía social de mercado unha das bandeiras do pensamento político cristián. Xunto a estes valores de onde provén o actual líder do PD, Enrico Letta, exmilitante do Partito Popolare Italiano, coexisten os actuais valores do socialismo italino que no pasado século tivo no PCI un competidor e unha alternativa que o tempo rematou por situar no seu espazo natural.

Resignarse non é unha opción. Poñerse de costas a Europa aínda menos. Galicia precisa Política en maiúsculas, solidariedade e implicación do sector público coa economía produtiva do país

Vemos pois como en pleno renacemento da socialdemocracia e por extensión dos seus dous fillos predilectos: o Estado do Benestar en primeiro lugar e a Unión Europea en segundo lugar, a familia da socialdemocracia europea fornécese para afrontar un período onde se demostrou que os Estados son ferramentas útiles só na medida de que sexan vehículos de integración e plataformas de concertación e non de enfrontamento no seo da Unión Europea. O intergobernamentalismo defendido pola dereita política neoliberal nos 90 e nos anos 2000, confirmouse unha vía cara a total irrelevancia e a marxinación. A análise equivocada e errónea da dereita europea que puxo toda a fe na construción de Estados fortes na política exterior e débiles nas políticas sociais, acabou por demostrar que quen o acaba sufrindo son as clases medias e traballadoras que teñen que asumir os custos dos retos aos que o Estado-Nación xa non é quen de enfrontarse. Europa solventou, ou está solventando, a crise sanitaria dun xeito federal e multinivel. A Unión adquire as vacinas, os Estados distribúenas e son os gobernos rexionais, federados ou autónomos os que se encargan de coordinar aos equipos sanitarios para administralas. Non se podería saír dunha crise tan grave como a que nos enfrontamos se non fora cunha efectiva coordinación europea. 

No que nos toca máis de cerca Galicia, un país autónomo no seo dun Estado membro da UE, e polo tanto un suxeito político europeo con tódalas consecuencias que isto conleva enfrontouse a crise da Covid dende a perspectiva dun país cativo, non xeograficamente, se non cada vez máis cativo en senso sociolóxico. Máis empequenecido ante a falta dunha política real de reactivación demográfica e económica que estimule os fluxos produtivos da economía galega, creando postos de traballo de maneira harmónica en todo o territorio, que implique dun xeito intelixente os recursos naturais e humanos ao servizo do país e que incentive a industria produtiva e transformadora de produtos preparados para o consumo. Os galegos temos que comezar a pensar en deixar de producir leite e comezar a producir queixo, iogures, leite en pó, requeixo… do mesmo xeito que temos que deixar de producir carne par producir hamburguesas, salchichas, albóndigas… na transformación e a innovación reside a capacidade de xerar riqueza e emprego nun país. Este proceso debe ir do concreto ao xeral e estenderse por cantos sectores produtivos existen no país. De igual xeito Galicia precisa poñer un pé por diante na innovación enerxética, incorporándose á cabeza ao tren do hidróxeno verde e a unha estratexia racional e respectuosa co medio de promoción das enerxías renovables que redunde no beneficio dos veciños e as veciñas do rural do país. Resignarse non é unha opción. Poñerse de costas a Europa aínda menos. Galicia precisa Política en maiúsculas, solidariedade e implicación do sector público coa economía produtiva do país. Poñer ao país en marcha esixe rachar coa visión administrativista que o Partido Popular de Feijóo ten da Xunta e das súas capacidades. 

O vindeiro goberno galego terá necesariamente que afrontar estes retos pensando galegamente en grande, pensando o rol de Galicia no mundo, e ese camiño ten a primeira parada nunha reforma xa necesaria do Estatuto de Autonomía

O vindeiro goberno galego terá necesariamente que afrontar estes retos pensando galegamente en grande, pensando o rol de Galicia no mundo, e ese camiño ten a primeira parada nunha reforma xa necesaria do Estatuto de Autonomía que debe revalorizar o papel das institucións galegas e a ambición europea dun país que non se pode entender illado da súa realidade política, no seo dunha España onde Galicia debe alimentar a sede de federalismo doutras nacionalidades do Estado e a súa propia, a súa realidade lusogalaica fortalecendo os vínculos con Portugal no seo dunha realidade política que xa é tamén unha realidade sociolóxica e lingüística a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e no seo dunha Europa que necesariamente ten que ser federal para funcionar dun xeito harmónico. Deste xeito entendeu Galicia o galeguismo histórico da segunda república, reafirmouno o galeguismo ilustrado e europeísta de Lugrís, Piñeiro, Franco Grande, Plácido Castro… e hoxe temos que seguir reivindicando os que entendemos a Galicia como célula de universalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.