O éxodo das elites turcas

Unha rúa de Estambul CC-BY-SA Neha Viswanathan

Desatada trala suposta tentativa de golpe de Estado do 15 de xullo de 2016, e aínda que banalizada e convertida en feito cotiá, a represión en Turquía non cesa, afectando a varias categorías da poboación. Dirixíndose de partida cara os fieis seguidores ou sinxelos simpatizantes de Fetulá Gulén, o predicador islamita exiliado nos Estados Unidos acusado de ser o cerebro da asoada, a caza foise ampliando a individuos sospeitosos de significarse, nun senso moito máis amplo, coa oposición ao presidente Recep Tayip Erdogán, xa sexa pola súa conivencia coa causa kurda ou doutras minorías, por defender as liberdades, por demasiado crítico e por todo aquelo que sexa, en definitiva, susceptible de ser interpretado coma un síntoma de condena ou animadversión cara aquel se pretende un Ataturk islamita, investido da misión divina de refundar o Imperio Otomano. Estímase que unhas 80.000 persoas teñen sido arrestadas, sendo prohibidas máis de 2.000 organizacións non gobernamentais e arredor de 200 medios de comunicación, atopándose case que 160 xornalistas en prisión no momento de redactar estas liñas. 

Estímase que unhas 80.000 persoas teñen sido arrestadas, sendo prohibidas máis de 2.000 organizacións non gobernamentais e arredor de 200 medios de comunicación

Políticos, maxistrados, médicos, profesores e traballadores de ministerios e organismos públicos diversos foron despedidos por supostos “lazos con grupos terroristas”. Dous anos e medio despois de ser virados dos seus postos de xeito arbitrario, 150.000 funcionarios do sector público permanecen actualmente nunha incerta situación. E a cousa semella lonxe de rematar! Ben que o Estado de urxencia foi levantado en xullo de 2018, unha lei adoptada nese mesmo intre autoriza durante tres anos adicionais o despido sen previo aviso de empregados do sector público sospeitosos de manter nexos co terrorismo ou calquera outro grupo que constitúa unha “ameaza para a seguridade nacional”. Así as cousas, de xeito evidente, unha das principais consecuencias desta situación é a constatación dunha vaga de emigración sen paliativos. Segundo asegura o xornal de Istambul Cumhuriyet, tras levar a cabo unha labor de investigación e indagar en diferentes fontes, o número de saídas de cidadáns turcos en 2017 foi algo superior ás 113.000, representando un aumento do 63% con respecto ao ano anterior. 

Mentres que este éxodo era tradicionalmente de kurdos e alevíes, comunidades historicamente enfrontadas ao poder central, sempre refractario ao recoñecemento das diferencias, por dicilo de xeito eufemístico; ou de opositores ben significados contra o poder en liza, a represión de Erdogan non fai distinción, golpeando a todos os seus contrarios, de xeito extenso a todos os seus opositores. Desde laicos até gulenistas, o espectro de quen fuxe do país ampliouse de xeito significativo. Segundo Nacións Unidas, o número de turcos que pediu asilo político a través do mundo en 2017 foi de 33.000 persoas, representando 10.000 almas más que no exercicio anterior. Ás persecucións do poder e a desconfianza crecente cara as institucións de xustiza hai que engadir a degradación da situación económica, que ilustra de xeito meridiano a hiperinflación, que foi de máis do 20% en 2018, e o afundimento da libra, que o pasado curso perdeu máis da metade do seu valor fronte ao euro e o dólar.

Segundo Nacións Unidas, o número de turcos que pediu asilo político a través do mundo en 2017 foi de 33.000 persoas 

Entre os que foxen tamén figuran unha maioría de mozos, moitos con títulos universitarios. A carón dos desherdados da terra, dos críticos significados, dos opositores, reais ou imaxinados, e dos estudantes, atopamos emprendedores, homes de negocios e milleiros de persoas con elevadas fortunas, que non dubidan en vender os seus bens para escapar do país e instalarse no estranxeiro, vítimas das “purgas económicas” tralo golpe de 2016. Estímase que máis de mil empresas, desde as máis pequenas e medianas até grandes conglomerados e holdings, foron confiscadas e confiadas a administradores xudiciais. Privados de pasaporte, asignados a residencia vixiada ou, nalgúns casos, mesmo en prisión, responsables e directivos son etiquetados polo poder de suposta pertenza ao movemento de Fetulá Gulén. Estímase que un 12% dos millonarios turcos abandonaron o país entre 2016 e 2017. En cabeza dos países máis anhelados por estes emigrantes de luxo están os Emiratos Árabes Unidos e o Reino Unido, tendo demandado un visado de negocios para instalarse en Gran Bretaña uns 10.000 turcos estes últimos anos. Francia tamén figura á cabeza dos destinos privilexiados por tan particulares migrantes, que tamén acode a países como España, Portugal e Grecia, que acordan permisos de residencia aos estranxeiros que adquiran bens dunha certa entidade. Un éxodo en toda regra, que inclúe cerebros e capitais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.