O falso problema do legalismo ideolóxico

O Congreso dos Deputados recibe o proxecto de lei orgánica de protección da seguridade cidadán que o PP vén de argallar en pleno verán.  Chamar as cousas polo seu nome non sempre é vieiro acaido para dar conta da realidade.  Os marcos mentais acaban por ser roupas das que cómpre desavirse.  A normativa que vén de presentar o ministro Jorge Fernández Díaz levaba seis meses de fornada para facerlle fronte ás tipoloxías de protesta que foron agromando nos derradeiros anos. O PP non tiña dabondo co regulamento  actual  do Código  Penal e a lei de seguridade cidadán do ano 1992, hogano vixente. Tratábase de identificar a conciencia crítica de todos. Non semella un feito puntual dun Estado no que a contabilidade carceraria de prisioneiros non fixo máis ca medrar desde 1978 co advento da democracia. Non lles abonda malia cubrir todas as posibilidades de actuación para garantir o estado de dereito porque o obxectivo deste proxecto de lei orgánica é  outro: que as formas de protesto que foron saíndo do 15-M sexan punidas no Código Penal e na lei de seguridade cidadán. Porén, hai un aspecto que mesmo é máis regresivo pois quen queira recorrer diante da xustiza a infracción imposta por un policía deberá abonar as taxas "de clase" que Alberte Ruiz-Gallardón vén de fixar na vía do contencioso administrativo. Os xuristas e as organizacións sociais e políticas progresistas  achan que as tres reformas son unha mordaza  para calar e sufocar as arelas de cambio dunha parte da sociedade que levou a voz da indignación á rúa, nomeadamente no último treito de lexislatura.

PERVERSIÓN. O legalismo ideolóxico espállase por toda parte. Dicía Thomas Bernhard que nada hai máis dependente dos humores e do tempo atmosférico que a administración de xustiza. Nen a política se lle subtrae. O proxecto de lei orgánica de protección da seguridade cidadán proporciona elementos importantes sobre o papel da xustiza e do código penal  na estruturación do poder e da orde social imaxinaria cando a "seguridade" se torna así en protagonista da comunicación. Aquí a liña divisoria é un trazo arbitrario no que éxito comercial do liberalismo é  legalmente inducido e no que mesmo hai unha proporcionalidade entre ele e o desenvolvemento represivo nun intre no que falta o terrorismo da ETA e a identidade simbólica da democracia española entrou en crise.  Ao cabo, o que pretende o Goberno con esta medicina é acadar o que quere sen ter que padecer os efectos secundarios. Máis control do refractarios sociais a través da transformación de determinados ilegalismos en delincuencia. Cando non hai necesidades represivas fabrícanse.

Unha nomenklatura política que non sabendo que facer, acaba por derivar da vinganza social o garante da "seguridade cidadá", de efectos non explícitos. Chámaselle violencia lexítima porque metamorfosea, muda de pele, cando permite que nada cambie, sobre todo a engrenaxe  do estado neoliberal e a súa estrutura territorial de explotación baseada na reaccionaria cancela da unidad nacional.  Tórnase ilexítima cando vén dos individuos e das periferias. Léase a xeometría delitiva inscrita no Código Civil. Esticada entre a sobreexposición informativa dos social media e o legalismo ideolóxico, a esfera pública satúrase por reiteración de mensaxes que fican á marxe do xuízo crítico.  A cultura da orde que se mostra tan exixente cos que apenas rabuñan os usos consuetudinarios que acontecen na rúa e tan xenerosa cos que dinamitan  esa mesma orde con corrupción e abusos de poder dende o interior das institucións. O falso problema entre liberdade e seguridade ou entre lextitimidade e legalidade. É lexítimo un goberno que perante o desemprego do 25% da poboación pide resignación? Criterios de seguridade non son leis da natureza, son escollas políticas.

O Estado liberal-mercantil alimenta banqueiros co mesmo oportunismo con que Fernández Díaz mudou  o retrógrado proxecto inicial e inseriu -nun dos estados europeus con  máis policías por habitante- a retención de seis horas para seres identificado se non levas o DNI. Certo é que sempre haberá mellor cousa que  iniciar un contencioso administrativo, porén, mentres a lex republicana non fai diferencias fronte á lei, o legalismo ideolóxico, quintaesenciado na monarquía constitucional,  teima en diferenciar  por unha banda entre ricos e pobres dando mostras dunha xenreira propia de déspotas e verdugos e, por outra, debulla o que Foucault definiu como "zonas vulnerábeis" onde o Estado non quer que nada suceda. Neste sentido,  a  lei orgánica de protección da seguridade cidadán 

Nunha sociedade despolitizada as solucións transfírense totalmente ao Estado. O legalismo ideolóxico é a súa expresión: pérdese o sentido operativo que fai diferencia entre represión e prevención, a sociedade permanece á marxe. A súa depredación  sirve para que os demagogos limiten o seu debate a unha só expresión: represión revestida de seguridade. Cando a despolitización señorea a realidade, medra a distancia entre a administración de xustiza e a cidadanía. O fondo tórnase pura forma baleira e sen contido onde a explotación do social acaba por ser máis unha peza  do proceso de produción. Os problemas individualízanse sen atrancos. Velaí a celeridade con que se aplican os desafiuzamentos.

SINTOMÁTICO. Pouco sen ten reflexionado desde nós a responsabilidade e a encarceración á luz  dun século de prácticas represivas herdadas, cando a acción política que non renunciou a mudar o mundo, ensaia actos de protesta e de resistencia non violentos e alicerzados  no que John Holloway denomina reapropiación de un mesmo no "facer". Demolida polo politicamente correcto, a nosa época tende a ver conduta delitiva en todas partes agás alí onde aniña e efectivamente está. Trátase dun efecto de identificar lexitimidade e legalidade e aceptar como "natural" o réxime político que se foi configurando ao abeiro da monarquía constitucional.  Comendo todos da mesa do rei, partillando silencios e complicidades, desviando fondos coa mesma habelencia con que se practican desafiuzamentos ou se executan EREs. É a violencia pública ou lexítima que clama fronte a indignación da rúa como se esta fose un só individuo incívico. Eis o tamaño do debate político: apuntar os reflectores sobre as violencias individuais de quen está exposto ás severidades e inclemencias da máquina social en tanto quen os goberna fican na impunidade. A esquerda debería subtraerse dese campo de oposicións entre  liberdade (modernización liberal)  e reacción contra a modernidade (seguridade) xa que nela acubilla un proxecto reactivo baseado no medo, na defensa contra un  suposto perigo.

O problema do legalismo ideolóxico é que os seus defensores pensan contar con solucións para os problemas e males deste mundo cando, de feito,  son eles quen fan parte do problema que pretenden solucionar.  Socavando a política.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.