O falso rigor fiscal

“La Xunta de Galicia constató que, con los datos conocidos a mitad de ejercicio, la comunidad autónoma cumplirá el objetivo de estabilidad presupuestaria establecido para este año por el Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF)…..  el Ejecutivo autonómico reitera su compromiso con la estabilidad presupuestaria y asegura que seguirá siendo una comunidad que mantiene un control estricto del déficit público, tal y como está haciendo a lo largo de esta legislatura…. gracias a la política llevada a cabo por el Ejecutivo a lo largo de la legislatura, caracterizada por el control del déficit público y por el rigor presupuestario, Galicia es hoy la comunidad más solvente de España..” (XUNTA DE GALICIA. Consellería de Facenda)

Galicia, como España, é un caso de libro de como o argumento neoliberal das finanzas saneadas non resiste un mínimo contraste coas evidencias

Galicia, como España, é un caso de libro de como o argumento neoliberal das finanzas saneadas non resiste un mínimo contraste coas evidencias. A realidade fiscal e financeira de ámbalas dúas mostra como o chamado rigor fiscal é un dogma sen ningunha base científica pero con unha clara explicación de clase. Así o falso argumento das finanzas saneadas utilizase para xustificar unha serie de políticas    –fiscal, monetaria, laboral, internacional- que van en beneficio das rendas do capital e, xa que logo, en prexuízo das clases traballadoras.

As políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial provocaron que en Galiza se disparasen as diferenzas entre as rendas de traballo (44,1% do PIB) e as rendas de capital (46,2% do PIB) e non foron quen de evitar que tamén se disparase a débeda pública

Podemos utilizar como argumento demostrativo do anterior a dinámica das rendas e/ou a balanza fiscal en Galiza quen mostran a falsidade do argumento das finanzas saneadas. Así, se as políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial provocaron que en Galiza se dispararan as diferenzas entre as rendas de traballo (44,1% do PIB) e as rendas de capital (46,2% do PIB) non foron quen de evitar que tamén se disparara a débeda pública (de 4.000 millóns de euros no ano 2008, 1.425 euros per capitá, a 11.500 millóns no segundo trimestre do 2017, 4.200 euros per capitá). Por se non fosen suficientes estas evidencias compre lembrar que polo camiño perdéronse activos (-65.000) e  empregos (-105.000) e disparáronse o desemprego (+40.000), que sería maior de non contar coa válvula de escape da emigración, e a desigualdade (mais do 25% das familias galegas viven en risco de exclusión e pobreza e preto do 28% dos galegos que teñen traballo están na pobreza).

Esta realidade do mercado laboral galego –perda de activos e de empregos, incremento do desemprego, caída dos salarios- é unha evidencia macroeconómica de que a renda nacional é demasiado baixa –Galiza con un PIB/por habitante que non chega ao 90% da media española sitúase no furgón de cola das comunidades españolas por nivel de renda- e tamén de que o gasto público é igualmente demasiado baixo –con un rateo de 3.580 euros per capitá Galiza aparece como a sexta comunidade con menor gasto público-. Con tal cadro macroeconómico un goberno galego responsable debera utilizar a súa capacidade de gasto na dirección de levar a economía galega a mellores indicadores laborais: maiores actividade e emprego, menor desemprego. Mellores indicadores laborais que levarían indiscutiblemente a maiores rendas. Maiores rendas que procurarían maiores ingresos fiscais. Todo o contrario do que está a suceder en Galiza e en España velaí o empeoramento dos indicadores laborais e fiscais en ámbolos dous casos.

Con tal cadro macroeconómico un goberno galego responsable debería utilizar a súa capacidade de gasto na dirección de levar a economía galega a mellores indicadores laborais: maiores actividade e emprego, menor desemprego

As experiencias históricas, ai esta a recente realidade de Galiza e España, subliñan que o criterio das finanzas saneadas non é mais que un dogma sen consistencia. Un dogma que parte dunha falsidade obvia: que o goberno dunha comunidade ou un estado é como o goberno dun fogar ou dunha empresa. A historia económica demostra que non hai razón algunha para que os gobernos intenten equilibrar os seus orzamentos nin agora nin nunca. O criterio fiscal das finanzas saneadas non é funcional pois non ten como obxectivo nin o beneficio público nin o pleno emprego. O déficit correcto é aquel que procura o pleno emprego, velaí que defender que o déficit público deba manterse por debaixo dunha certa porcentaxe do PIB, e o mesmo pasa coa débeda pública, sexan criterios arbitrarios sen base científica.

O déficit correcto é aquel que procura o pleno emprego

O normal é que haxa déficits en tempos de recesión e superávits en tempos de expansión económica. Velaí a lóxica das políticas anticíclicas pois a experiencia empírica demostra que os chamados estabilizadores autonómicos non son quen de contrarrestar as flutuacións da demanda privada. O que leva a que en situacións de crise con elevado desemprego os gobernos deban gastar mais sen preocuparse por si con elo incrementa o déficit fiscal pois xa se compensará cando se entre na fase de crecemento. Todo o contrario do que fixeron e fan os gobernos galego e español durante todos estes anos velaí que a crise financeira se transformara nunha longa recesión económica e que na chamada recuperación económica se manteñan altos niveis de desemprego, as rendas nacionais segan nun nivel baixo e se dispararen a desigualdade e a pobreza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.