Medra. Pouco a pouco. Arredor. Métese nas gretas da nosa existencia mundana nestes tempos do capitalismo do desastre e da doutrina de shock. A tendencia a negar outra maneira de facer as cousas. Aquela negación do noso dereito a discrepar. A supresión da alternativa. Nútrese do medo e da ansiedade polo futuro laboral e polo status social. Faise máis ousado ao comprobar que cada vez menos xente o resiste, consumindo a enerxía dos que abandonan o barco. Benvidos ao fascismo cotián, ese fascismo banal que nos prexudica a todos, todos os dias, de maneiras difusas pero igualmente perigosas cós grandes sistemas fascistas do século XX.
Benvidos ao fascismo cotián, ese fascismo banal que nos prexudica a todos, todos os dias, de maneiras difusas pero igualmente perigosas cós grandes sistemas fascistas do século XX
O xefe que manda correos agresivos porque sabe que son poucos os que lle levan a contraria en público, e porque non sabe manexar de verdade os demais seres humanos. A locutora da radio que dá por sentado que temos todos a mesma cosmovisión política e social ca ela. A empresa que esixe máis, e máis, e máis aínda dos seus empregados, mentres lles baixa pouco a pouco o soldo, simplemente porque sabe que, hoxe por hoxe, pode facelo. O colectivo que se envalentona detrás da cortina de fume do politicamente correcto para chegar ser igualmente represiva e intolerante cá represión que pretendeu combater en primeiro lugar. Os compañeiros de oficina que nos obrigan a estar ou con eles ou en contra deles, á maneira do fascismo xudeocristián ou talibán. Os custodios do ensino que obedecen cunha disciplina militar a orde imposta dende enriba mentres animan aos alumnos a criticar cada idea recibida. O ego andante en Facebook que se enfada se non lle damos ao “gústame” en cada post sabio que coloca no máis auto-descalificante espírito da “auto-comodificación”. A violencia latexante no diálogo diario dos que nos arrodean, a maneira dunha obra de Harold Pinter, e que só pretende domar e dominar.
Hai maneiras de resistir, antídotos a ese totalitarismo microcósmico. Ser fieis a nós mesmos, sabendo que os feitos históricos máis infames xurdiron do conformismo, e non da desobediencia fronte ao monolítico
Hai maneiras de resistir, antídotos a ese totalitarismo microcósmico. Ser fieis a nós mesmos, sabendo que os feitos históricos máis infames xurdiron do conformismo, e non da desobediencia fronte ao monolítico. Sorrir pacificamente e dicir un rotundo “Si podemos!” ou “Non queremos!”. Manter vivo o soño da razón en contra do dogma rutineiro, sabendo que en caso contrario as xeracións posteriores sufrirán consecuencias moito peores ca nós. Desafiar o silencio conformista e a inacción colaboracionista ata que, tarde ou cedo, o fascismo cotián, como o seu padrón histórico estritamente político, se derrube polo peso das súas propias contradicións e ausencia de sustancia.