Detrás do parlamentarismo democrático está sempre a capacidade de control do executivo. Esta capacidade necesariamente está supeditada á solicitude de información dos actos e documentos da administración que dirixe o executivo. Estamos asistindo a un desvío da atención no que se pretende facer dun portavoz da oposición, de Xosé Manuel Beiras, o azoute do comportamento democrático. Para isto, sería necesario que o comportamento do actual presidente fose digno de tal nome.
Gustaríame saber o número de peticións de información non respondidas ou con respostas incompletas ou que non responden á pregunta realizada. Este número, polo que eu coñezo de peticións impulsadas por min, debe ser francamente escandaloso.
O actual presidente da Xunta ten secuestrado o Parlamento cando non dá a información que se lle esixe dende a oposición
O actual presidente da Xunta ten secuestrado o Parlamento cando non dá a información que se lle esixe dende a oposición. Un documento da Xunta, por exemplo a auditoría das caixas previa a súa fusión, está a ser reclamado dende que se elaborou. E non é o recibo da auga do domicilio particular do presidente. É un documento da administración porque entre todos, cos nosos impostos, pagouse un millón de euros. A obriga de información é algo concreto e non vale coa regulamentación actual de que as preguntas non respondidas pasan ao pleno, onde quen responda pode dicir o que lle pete, sen necesidade de dar os datos requiridos.
O goberno da Xunta dirixe a administración e ten a obriga democrática de facilitar a información que se lle requira. Outro exemplo: despois de presumir á saída dun Consello da Xunta de pagar máis de 1500 millóns no primeiro trimestre de 2012 de facturas de 2011, Feijoo négalle ao Parlamento esas facturas. Dende marzo de 2012 estase esperando por elas. Agora é probable que tampouco apareza o informe do Consello de Contas dese ano. A súa falta de resposta impide o control do executivo, impídelle á oposición facer o seu labor.
A falta de resposta da Xunta impide o control do executivo e impídelle á oposición facer o seu labor
É esta negación de información a responsable da actual situación política. Foi Feijóo quen lle negou aos grupos parlamentarios da oposición os contratos subscritos pola Xunta con Marcial Dorado. O PP ten secuestrado o Parlamento na medida en que lle nega o acceso á información á oposición, impedíndolle controlar o executivo. Este secuestro converte en perda de tempo o labor parlamentario.
Se cada vez que pasa o prazo de reposta a unha petición de información dun parlamentario sen que esta se produza ou sen que a información remitida coincida coa requirida, os deputados que a requiriran se pecharan no despacho da presidenta do Parlamento esixindo unha especie de amparo e que exerza a súa función, nos poucos meses que levamos da lexislatura actual xa non quedaría ningún nos seus escanos. Estarían todos pechados no despacho da Presidenta.
Que resposta se pode dar diante do comportamento antidemocrático do goberno da Xunta e do seu presidente? Posiblemente haberá que volver a técnicas de desobediencia civil. Se o Parlamento está secuestrado, é preciso facer visible a súa mordaza. Se os asistentes a unha Comisión na que non se responderon determinadas solicitudes de información, están a falar en voz alta reclamando esa información cada vez que se reúna, ou se no pleno se fai o mesmo polos grupos aos que se lles negou determinada información, a sociedade galega irase facendo consciente do secuestro do Parlamento.
É alarmante que se intente facer crer que o problema da democracia en Galicia sexa que un deputado lle diga a Feijóo que parece "un chulo de barra americana"
Resulta alarmante que mentres un presidente nega ao Parlamento uns contratos asinados e que afirmou que existían, nega unha auditoría pagada pola Xunta ou nega facturas dun ano pagadas noutro, por citar só tres exemplos, o problema da democracia en Galicia sexa que un deputado lle diga que parece un "chulo de barra americana". Resulta que non coñecemos a base coa que se desmantelou o sistema financeiro galego, descoñecemos a realidade do déficit da nosa comunidade e tampouco o nivel de implicación do presidente en negocios con narcos. Ese non é o problema. O problema é se un deputado debe retirar ou non as súas palabras.
Logo nos parece raro que a xente da rúa, á que lle roubaron coas preferentes, que deberán estar contabilizadas na auditoría, ou que pechou o seu negocio porque non cobraba os traballos realizados para a Xunta, ou a que veu morrer os seus fillos, amigos ou familiares pola droga, diga que todo é un conto. Iso é o que quere Feijóo: que o Parlamento sexa un conto.