O fondo europeo marítimo na reforma da PPC

Chegamos a Estrasburgo, para a segunda sesión plenaria deste mes de outubro, co morbo suscitado pola sentencia do Tribunal de Dereitos Humanos sobre a doutrina Parot. A nova coñecíamola no tren que na mañá do luns nos leva desde Bruxelas a meirande parte dos traballadores da Eurocámara. Xa no Parlamento Europeo, non fallaban as emocións, coa polémica entorno ao informe sobre o dereito á saúde sexual e reprodutiva da portuguesa Edite Estrela ou coa intervención da activista birmana Aung San Suu Kyi na recollida, 23 anos máis tarde, do premio Sajarov ás liberdades que lle fora concedido un ano antes ca o seu Nobel da Paz do 1991.

A Eurocámara aprobaba a sua primeira lectura sobre a proposta da Comisión Europea sobre o FEMP, dotado cuns 6.500 millóns de euros para o período 2014-2020 dos que España e Galicia son beneficiarios principais

Tamén están presentes nesta sesión plenaria Lampedusa ou o apenas comentado risco de suspensión de pagos na UE. Nembargantes, as prioridades galegas van noutra dirección e céntranse na adopción do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

A Eurocámara aprobaba a sua primeira lectura sobre a proposta da Comisión Europea sobre o FEMP, dotado cuns 6.500 millóns de euros para o período 2014-2020 dos que España e Galicia son beneficiarios principais. O fondo, como non podería ser doutra maneira, atende á necesidade de dotar á reforma da Política Pesqueira Común (PPC) dos recursos necesarios para a sua aplicación efectiva en aras da sostenibilidade socioeconómica e medioambiental das actividades acuícolas e pesqueiras.

Ademais de para a pesca e a acuicultura, prevese financiamento para aquelas outras actividades relacionadas coas da pesca e a acuicultura propiamente ditas, para a comercialización dos produtos do mar ou para o apoio á diversificación de actividades

Galicia, como principal rexión pesqueira da Unión Europea, vese favorecida porque, ademais de para a pesca e a acuicultura, prevese financiamento para aquelas outras actividades relacionadas coas da pesca e a acuicultura propiamente ditas, para a comercialización dos produtos do mar ou para o apoio á diversificación de actividades. Isto, xunto coa introdución de medidas para favorecer a incorporación da mocidade á actividade pesqueira, a fin de posibilitar a renovación xeracional do sector, así como outras de apoio para os casos de desastres naturais e catástrofes medioambientais que tristemente coñecemos ben no noso país, e aínda outras dirixidas a paliar os efectos dos ceses temporais e permanentes na actividade pesqueira.

Trala votación de hoxe, iniciase un proceso de negociación, os coñecidos trílogos entre Parlamento, Comisión e Consello, dirixidos a conxugar as propostas de cada unha destas institucións europeas conforme ó procedemento colexislativo da codecisión. En todo caso, non parece que haxa substanciais diferencias interinstitucionais, contándose cun ampla marxe para un acordo no que as prioridades de Galicia deben permanecer reflectidas no texto que se adopte de cara a sua segunda lectura pola Eurocámara.

Cabe lamentar que non se teña dado respaldado pola maioría da Cámara ás axudas dirixidas á renovación da flota e á transferencia de buques

Nesta fase de segunda lectura encóntranse xa os outros dous principais textos lexislativos da reforma da PPC, o referido ó seu regulamento base e o relativo á organización común de mercados da pesca e a acuicultura, que serán obxecto de novo debate e emenda na Comisión de Pesca do próximo 4 de novembro. Isto, xunto coa toma en consideración da recomendación da Eurocámara sobre o novo Protocolo de Pesca con Marrocos. De feito, o Ministro de Agricultura español acudía tamén a cita estraburguesa para facer campaña en torno a este asunto, o que nos da idea das dificultades que, aínda unha vez, pode atopar a aprobación deste protocolo de pesca.

Volvendo ó FEMP, cabe por último lamentar que non se teña dado respaldado pola maioría da Cámara ás axudas dirixidas á renovación da flota e á transferencia de buques, o mesmo que á proposta para unha definición de pesca costeira e artesanal máis flexible e con parámetros máis abertos que a dos 12 metros actuais, abranguendo ás embarcacións de ata 15 metros e incluíndo aquelas que faenan en mareas de no máis de 24 horas, unha definición máis acorde coas características da flota española en xeral e da galega en particular.

Os traballos da sesión plenaria continúan en Estrasburgo ata o día de mañá, cando colleremos o tren de volta a Bruxelas ata que o próximo pleno, como cada mes, nos poña de novo á fronteira entre Francia e Alemaña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.