O fracaso común. Unha visión dos resultados electorais

Unha premisa que debe enmarcar calquera análise sobre as eleccións galegas é a de que para desprazar ao PP e Feijoo do todo o seu inmenso poder era necesario aportar moitas cousas, con moita firmeza, con moita unidade e con moita ilusión de moita xente.

As consabidas responsabilidades do PP fronte á corrupción, os recortes, o machismo e o desleixo diante as grandes necesidades de Galiza non chegaban –era evidente—para botalos do poder.

O que sí se precisaba era a demostración de capacidade, de gañas, de preparación e vontade de colaboración entre todas as forzas chamadas ao acordo necesario.

No caso de EnMarea, sendo de agradecer a valente e responsabel decisión dos tres alcaldes de romper o entullo en que o proxecto se atopaba mesmo hai só tres meses, ha de recoñecerse que a súa iniciativa remitía con claridade á situación de goberno nas tres cidades, A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.  E nesta referencia inescusabel, as dificultades para observar síntomas de acordo, tanto e principalmente co PSOE coma co terceiro socio potencial, o BNG.

Os dados das tres cidades mostran un perigoso declive, se aceptamos una relación directa e cuantificabel nas diversas convocatorias.

A incapacidade de PSOE e Podemos (onde EnMarea integrou imaxe e responsabilidade) de producir un acordo de goberno no Estado, ou como mínimo permitir calquera alternativa que cortara o paso do PP tamén formou un marco negativo para estas eleccións. A xente sabe que se Rajoy está vivo políticamente é por decisión ou omisión de ambos socios necesarios para facer o propio en Galiza, un socio interno –a duras penas—e o outro externo imprescindibel.

Así, a batalla electoral afrontouse cun déficit de confianza en que o cambio fose posibel. Esta  é a explicación básica.

Dito isto, apresuradamente  e sen entrar a fondo en xustificacións nen aportar argumentos extensamente razonados, relacionamos algunhas conclusións de tipo xenérico que consideramos o marco (discutibel) para un debate necesario.

 

INTERPRETAR O RESULTADO

1.-  A PRIORIDADE POLÍTICA.   A Marea fracasou en toda regla.  O seu primeiro obxectivo era desbancar ao PP e pór fin ás políticas representativas da nova ofensiva capitalista.

2.- A UNIDADE POPULAR.  O propio concepto de unidade popular resultou danado e, creo, inhabilitado para presentar como proxecto a obxectivos tácticos e convocatorias electorais. Foi así porque dende o seu inicio (Encontro pola Marea e Iniciativa pola Unión) muitísimos actores mostraron que o principal non era a unidade, senon asentar proxectos propios particulares.

3.- O PROXECTO NACIONAL GALEGO.   Se éste viñera fondamentarse na colaboración con aliados entre os partidos estatais que entendesen doutro xeito o Estado e a formación das forzas políticas chamadas a construílo, todo o proceso mostrou que o aliado principal non era tal, entrou a destempo e con desgaña na Marea, e –na nosa opinión—aportou pouco ao resultado final.  Mais, sobre todo, a cuestión principal está en como ve Podemos a consolidación dunha organización política autónoma galega –o suxeito político, a partir do partido instrumental--.

4.- O SOBORDO A COMPETIDORES NACIONAIS.   A previsión –muitas veces estratexia—de reducción do BNG a unha presencia testemuñal e inoperativa ficou frustrada.

5.-  O SORPASO AO PSOE.  Entendendo a intención de sobrepasar ao PSOE de xeito ostentoso para reducilo a presencia minoritaria e dependente no Parlamento galego, a igualdade en escanos e unha só imperceptibel diferenza de votos mantén aberta a confrontación, impide erixir a portavocía da oposición e o antagonismo co PP na lexislatura que se inicia.

6.- A AUTOSUPERACIÓN.   A evolución, considerando a orixe en AGE, decae dende decembro do 2015.

 

 

ALGUNHAS CAUSAS.

O proceso de construcción da alternativa, a Marea Galega, non se pode separar do acontecer da coalición EnMarea nascida para as eleccións xeráis do 2015, así que relatamos algúns temas que sen dúbida condicionaron o resultado, limitando o crecemento e impedindo facer sombra a unha nova maioría do PP.

A) NEGACIÓN DA MAREA.  Prodúcense as dúas convocatorias de eleccións ás Cortes Españolas sen que a coalición atenda o requeremento de apertura, participación,  transparencia e coñecemento das responsabilidades, ou sexa, ausencia de organismo para  a toma de decisións.  Negación, en suma, do suxeito político galego.

B) FALTA DE AUTONOMÍA.  O sucedido co grupo parlamentar propio (aspiración e promesa), repetiuse en ambas ocasións, e non foi entendido pola maioría dos activistas da marea, e, como se viu, tampouco non polo electorado propio.

C) ACTUACIÓNS CONTRADICTORIAS.  Asuntos como a defensa de Cervantes, a foto coa flamante presidenta da Comisión de Cultura do Congreso, a galegófoba Mara Rivera, a falla de iniciativa sobre as negociacións para a investidura, a propia distribución de asentos na Cámara, e a asunción acrítica das decisións de Podemos a respeito dos pactos, foron mostrando a inexistencia de proxecto propio ou cando menos a súa visualización.

D) DESUNIÓN E DESACORDOS.   Foron ostentosas –e moi ben divulgadas—as ocasións en que se presentaron enfrontamentos entre os propios socios da coalición (Desautorizacións de Beiras e Anova por parte de Yolanda, Tone, Pam, Rubén (cretino o que quera Grupo Parlamentar propio…) mais tamén, e sobre todo, os episodios interminabeis de confrontación fraticida dos diversos sectores de Podemos.

E) PROXECTOS DIVERXENTES.  Foron incontabeis as ocasións en que Podemos mostrou non compartir o proxecto de a Marea ser un suxeito político galego e necesario. Mesmo tras a Asemblea de Vigo do 30 de xullo, as negociacións con Podemos foron impropias dunha visión compartida do país e os seus asuntos.  Para máis, foron claras as decisións colectivas dese partido de non incluirse na marea e acodir en solitario ás eleccións.  As ordes centráis se ben serviron para que a oferta electoral fose única, non tal para lograr integración e confianza.   Esa sensación cubriu a espectativa do noso electorado e, cando menos, dificultou a creación do ambiente ilusionante e decidido preciso para a derrota dun PP que observou todo isto divertido e satisfeito.

F) O DECLIVE DE PODEMOS.  Sen dúbida, e tras as expectativas levantadas a partir das europeas, Podemos non fixo senon decaer nas previsións, obtendo resultados mui distantes dos necesarios para facer viabeis as pretensións anunciadas.  Xa non se pode “asaltar los cielos”, nen sobrepasar ao PSOE, “derrotar a los independentistas”, reubicándose o partido como un máis do esquema partidario español.   Na primeira ocasión en que se pode comparar (xeráis de Dec-15/Xuño 16) a costa abaixo é notoria.  

G)  A ELECCIÓN DE CANDIDAT@S.   A tormentosa negociación para a integración de Podemos, a aceptación dos seus propios censos e as particulares eleccións primarias deixaron moito malestar entre os activistas da marea, de todas as sensibilidades.  Se no núcleo básico da militancia houbo gañas de superar iso, en muitísimos casos o asunto apartou seguidores, mesmo algúns candidatos nas primarias renunciaron logo a figurar en lista algunha.

H) A LINGUAXE RUPTURISTA.   Resultou inválida a insistencia nos déficits de Feijoo, a sua relación coa corrupción, o asunto Baltar, a exemplificación dos recortes.  Naturalmente, sendo necesario no marco dunha campaña lembrar todo iso, era máis obrigado insistir na detección dos problemas e na expresión das solucións, mostrarse como unha proposta de goberno de maioría, chamar a moitos sectores do electorado.
O candidato Villares tentou muitas veces amosar esta faciana, máis axeitada á súa propia condición e características, mais este discurso estaba xa integrado como propio de EnMarea, difícil de moderar no curto prazo.

I) DEFECTOS OU FALLOS DA CAMPAÑA.  Acó non entramos, e cremos que nen sequer para aprendizaxe teñen moita importancia os elementos de campaña, sempre desculpabeis por falla de experiencia, apresuramento, xentes diversas sen coñecemento previo, descoñecemento de responsabilidades, carencia de estrutura, improvisación e dispersión etc.

 

OS ELEMENTOS POSITIVOS

No particular, en troques, podemos aquilatar os elementos positivos da situación posterior ao desastre electoral global.

O primeiro é que o proceso permitiu aflorar un novo líder, Luis Villares, do que non necesitamos explicar a súa capacidade e vontade, porque o tempo inmediato corroborará este aserto.  Ao tempo, que entre os activistas de EnMarea afirmouse a inexcusabel demanda de darlle forma á organización política que debe centrar o proxecto transformador para Galiza. Creo ter comprobado que a maioría dos actores do proceso están dispostos a disolver as súas organizacións no proxecto común.  O que os outros fagan nos próximos tempos axudará ou non á máis acelerada consolidación da organización, mais será inevitabel.

A nova situación deixa ao PSOE chantado nunha encrucillada entre as súas tendencias dereitistas e xacobinas e unha tradición socialdemócrata e galeguista, entre o seu egocentrismo e a disposición colaborativa e unitaria.  Hai que esperar que a solución que dean de xeito colectivo a esta gallada axudará a mellorar as posibilidades de Galiza

Paralelo a isto –hai que dicilo--  non é malo que o BNG teña resistido, servindo de referencia necesaria porque non pode haber un proxecto nacional galego que non conte con clara afirmación da autoorganización política, ademáis da decidida consideración de Galiza como unha nación, moderna, europea, dona de sí e aportando solidariamente no mundo propostas democráticas, de primacía social e de benestar cidadán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.