(Opinión emitida a título persoal)
Hai anos que a política exterior de Galicia non existe. Exactamente desde que Fraga perdeu a Xunta. Primeiro por continuos erros políticos do Bipartito, agravados pola imposición do Goberno central, socialista naquel momento, de pecharlle a porta da acción exterior ao socio de goberno en Galicia para evitar que se repetise o esperpento de Carod Rovira durante a súa coalición con Maragall.
Hai anos que a política exterior de Galicia non existe. Exactamente desde que Fraga perdeu a Xunta
A chegada de Núñez Feijóo semellaba un cambio de rumbo e un regreso aos tempos de gloria da acción exterior de Galicia, a pesar do desapego do novo presidente pola acción exterior e da marcha de Manuel Morán, o ideólogo da acción exterior de Galicia. Desde o Eixo Atlántico convidamos á Xunta a compartir a experiencia da Eurocidade Chaves-Verín, que crearamos e xestionabamos, a promoción do camiño portugués de Santiago, o lobby europeo que presionaba para a continuidade das políticas de cooperación; financiamos, elaboramos e ofrecémoslles desinteresadamente o Plan de Investimento Conxunto e así ata un longo etcétera. Ata que descubrimos que só lles interesaba a foto e patrimonializar o traballo dos demais, para ter contento ao presidente e camuflar unha falsa xestión, baseada exclusivamente no continuo envío de notas de prensa.
Descubrimos que só lles interesaba a foto e patrimonializar o traballo dos demais para ter contento ao presidente e camuflar unha falsa xestión
Deixaron morrer o Consello Galego de Acción Exterior, ao que acudía o Vicepresidente a ler un discurso de abertura, facerse unha foto e a continuación marchaba. Nada se debatía o resto da sesión. Así que algúns presentamos a nosa dimisión e fómonos sen facer ruído. Deixaron morrer a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, co mesmo procedemento. Converteron mesas de discusión e toma de decisión en meros foros aburridos e sen interese, para obviar a incapacidade de achegar propostas políticas a temas tan sensibles na Eurorrexión como a mobilidade, o turismo, o camiño de Santiago, a loita contra os incendios, a coordinación dunha política industrial conxunta construída sobre o eixo Vigo-Mangoalde de Citroën, a apertura da ampliación da Canle de Panamá nos tráficos portuarios ou a coordinación dos aeroportos. Temas todos eles de vital importancia para o desenvolvemento dun espazo territorial de 7 millóns de habitantes que configura a terceira área urbana da península. Tampouco souberon aproveitar e potenciar o coñecemento e a rede de contactos que teceu en China Xulio Ríos, director do IGADI, país no que está a penetrar con gran éxito o Goberno vasco para internacionalizar a súa empresa e os seus centros tecnolóxicos, ou nunha escala máis reducida, aínda que con igual éxito, o Campus do Mar da Universidade de Vigo.
Probablemente non sexa só problema dunha evidente incompetencia, senón tamén o resultado de falta de visión e de ambición de país
Tampouco pasou da fase mediática a outra gran mentira da acción exterior de Galicia: a macrorrexión, produto inexistente que se limita a unha foto electoral anual, e a un par de folletos e que por non ter, non ten sede nin persoal que a xestione. Probablemente non sexa só problema dunha evidente incompetencia, senón tamén o resultado de falta de visión e de ambición de país. Galicia asumiu entusiastamente a lei de Acción Exterior que promulgou o goberno de Rajoy, supeditando unha vez máis a visión estratéxica de España, ao problema circunstancial dun soberanismo catalán, ao que axudan a crecer con este tipo de medidas.
E así se descafeinou e embridou unha acción exterior que só Euskadi segue rendibilizando, unha vez que a Generalitat anulou unha magnifica rede de acción exterior ao pola ao servizo dunha causa tan partidista como perdida. Euskadi segue desenvolvendo unha acción exterior que utiliza sabiamente para internacionalizar a empresa vasca, para abrir mercados ás súas universidades e aos seus centros tecnolóxicos e para influír nos centros de decisión internacionais, que é do único que se trata. Tan sinxelo como iso. Pero claro, como dicía a miña avoa, galega sabia, de onde non hai, non rouban.