De cando en cando aparece nas noticias algún apelido que me sobresalta e me leva momentaneamente a un pasado tétrico. De súpeto oio o apelido do coronel que, ao mando da guarnición de artillaría, ocupou a miña cidade o 20 de xullo de 1936 ou o de quen fora alcalde pola CEDA, logo conspirador golpista, logo novamente alcalde, logo xuíz do Tribunal Supremo. E é que, literalmente, gobérnannos a mesmas estirpes. Estirpe, esa palabra tan querida polos nosos gobernantes. Non se trata da estirpe xenética pero si familiar e ideolóxica, transmitíronse os froitos da vitoria.
Houbo outra España en relevo, a dos golpistas, os asasinos e, tamén, os sobreviventes baixo o seu mando, quen se esforzaron en sobrevivir
É natural, houbo familias desaparecidas por asasinato ou polo exilio pero as persoas daqueles apelidos nin morreron nin se exiliaron, pola contra reinaron. Naquel momento efectivamente houbo dúas Españas, unha en oco, a daquelas persoas que desapareceron dun modo ou doutro da face desta terra, eses foron os apelidos que desapareceron e que non aparecen nas noticias. Moitos deses apelidos seguen soterrados en gabias. E houbo outra España en relevo, a dos golpistas, os asasinos e, tamén, os sobreviventes baixo o seu mando, quen se esforzaron en sobrevivir. Ademais de sobrevivir podíase conservar a dignidade? Depende, ás veces.
Franco foi, tras o ensaio de Primo de Rivera, finalmente o cirurxián de ferro que levaban invocando tanto os rexeneracionistas coma as clases máis reaccionarias e ese cirurxián extirpou sen anestesia pernas, brazos, ollos, pulmóns e entrañas. O seu colega Millán Astray foi a metáfora xesticulante daquela España que non foi nin vermella nin rota, só un refugallo torturado.
Ninguén escolle os seus pais, non está nas nosas mans e polo tanto non é a nosa responsabilidade. Non hai culpa en ser fillo ou filla de ninguén pero, máis aló dos afectos, un certo sentido do deber condúcenos a comprender os actos dos nosos pais e, frecuentemente, a xustificalos aínda que sexan inxustificables. Tratar co pasado é complicado pero se hai vontade de verdade e de corrixir os erros sempre se atopa o modo. Con todo, tanto a reparación dos danos coma a corrección de erros do pasado non é posible en España porque na práctica estanos prohibido coñecer. Non probaremos a froita do coñecemento porque os amos deste paraíso condénannos á inocencia, unha inocencia perversa coma a de Peter Pan.
Ao non haber ruptura democrática, déusenos un cambio de réxime, pero o franquismo perdurou e transmítese. Está nas estruturas profundas do Estado e na cultura política que forma a moitos dos seus funcionarios e está a empapar toda a vida pública. Xa non falo de que esteamos gobernados por un partido dirixido por persoas de corrupción probada e que creou unha rede de corrupción de ámbito estatal. Do que falo é de que nun país con cultura democrática, iso que chamamos con bastante optimismo un país normal, sería imposible que un partido que goberna escollese os seus candidatos electorais por designación do xefe político. O que acaba de ocorrer no PP madrileño. Só se pode explicar porque, efectivamente, o pasado dese partido é o franquismo e segue estando no seu presente. Só iso explica que tampouco iso cause escándalo social.
Ao non haber ruptura democrática, déusenos un cambio de réxime, pero o franquismo perdurou e transmítese. Está nas estruturas profundas do Estado e na cultura política que forma a moitos dos seus funcionarios e está a empapar toda a vida pública
É a presenza do franquismo entre nós o que permite que cando dicimos isto sempre apareza alguén para negar esa evidencia, é a presenza do franquismo o que permite a a oposición responsable actuar simulando ignoralo para poder seguir con lavados e trapicheos.
E está en todos nós, nas nosas familias, nos nosos veciños, nunha bancada dun campo de fútbol que anima a un maltrador a seguir abusando da súa muller á que chaman "puta". Na Fábrica Nacional de Moeda e Timbre acaba de lanzar unha moeda conmemorativa, Setenta anos de paz. Cando Franco conmemorou os vinte e cinco anos da súa vitoria Fraga organizoulle uns portentosos fastos, o Estado segue contando os anos de paz. A aqueles chamáronos "anos de paz", séguenllo chamando.
Sei que morrerei e esa presenza fantasmal seguirá viva e, sinto dicilo, tamén lles ocorrerá o mesmo a moitos de vostedes. Así é a vida por aquí
É a presenza do franquismo o que impediu que a Lei de Memoria Histórica, coas súas limitacións, puidese cumprir a súa función reparadora. Dese franquismo actuante é de onde viñeron, primeiro, as críticas e os ataques a un goberno que "quería reabrir as vellas feridas fratricidas' e logo a asfixia da lei.
E é a mesma presenza do franquismo o que perdura tamén en min cando o recoñezo en tantas cousas, ter que seguir levantando esa acta a estas alturas é a proba desa presenza actuante. Sei que morrerei e esa presenza fantasmal seguirá viva e, sinto dicilo, tamén lles ocorrerá o mesmo a moitos de vostedes. Así é a vida por aquí.