O traxecto do ceo a Madrid de Feijóo instalou nunha parte da sociedade galega certa euforia de cambio. Non amigas, aínda estamos a varios escanos diso. Algo deberiamos ter aprendido do bipartito, a febleza non estaba na acción política senón na fenda entre os socios, ben aproveitada pola campaña dirixida, precisamente, por Rueda no 2009
A Galiza dos popul(ares)istas e os seus prosélitos é unha arcadia feliz e inmóbil. A homeostase é condición necesaria para os negocios do partido-empresa e garante que o pobo está no que ten que estar: traballar moito e pensar pouco. Por iso a institución-goberno-partido vixía dende San Caetano que nada cambie. Vivimos no limbo porque para o partido-institución somos almas que nacemos cun pecado orixinal: pretender vivir, ter, pensar e gobernar o noso país por nós e para nós e na nosa fala, «sin tutelas, ni tu tías», que dixo Manolo, o apóstolo plus-ultra.
Mais o destino é caprichoso e xa ninguén contaba, logo dos sucesos anteriores a 2018, que a entropía entraría na arcadia, non pola banda da oposición e un xaque mate electoral senón pola resurrección do noso pai-lider como gran esperanza azul. Como prever que o caos xerado polo bater das ás dun concelleiro de Ciudadanos na seca e fermosa Murcia remataría por facer presidente galego ao máis gris dos funcionarios populares. Alberto I dos Peares por fin podía abandonar o confín dos verdes castros e o pesadelo dos pronomes onde non son. Podía, de vez, afastarse da humidade, o mar de Arousa e o reintegracionismo (que son tres cousas moi perigosas para el). Quen contaba coa máquina de Rube Goldberg política do PP?
De momento o cambio evidente é que este sabe onde van os pronomes mais non como vai a fonética. Do «cho agradezo» á «Sunta» hai catro metros e medio, como diría o meu colega Manxo de Ribeira
O traxecto do ceo a Madrid de Feijóo instalou nunha parte da sociedade galega certa euforia de cambio. Non amigas, aínda estamos a varios escanos diso. Certamente, o novo presidente non é moi coñecido –aínda–, nin ten o carisma do noso Alberto, nin semella ter unha idea de país diferente a… Nin semella ter unha idea de país, –aínda–. O novo presidente, como cantaba Aute: pasaba por aquí. De momento o cambio evidente é que este sabe onde van os pronomes mais non como vai a fonética. Do «cho agradezo» á «Sunta» hai catro metros e medio, como diría o meu colega Manxo de Ribeira.
Mais a oposición aínda non é rival. Ten que incrementar a intención de voto e só poderán gobernar se son quen de maximizar as aptitudes propias (semella factíbel), de asumir as posicións electorais e de facer –e sobre todo– cumprir acordos claros (semella moi pouco factíbel) ancorados a un proxecto que aparque desconfianzas (semella imposíbel). Algo deberiamos ter aprendido do bipartito, a febleza non estaba na acción política senón na fenda entre os socios, ben aproveitada pola campaña dirixida, precisamente, por Rueda no 2009.
Sen embargo, nestes tempos líquidos de campañas permanentes, xa comezou a carreira de fondo electoral, cunha meta parcial nas municipais que porán o nerviosismo onde corresponda.
Na corporación pública tampouco semella que vaia mudar nada moito máis alá de trocar no tele(li)xornal a Gandalf o branco por Galdalf o gris. Seguirán sen cumprir a lei, sen transparencia, sen información e sen vergoña. Mais con moita influencia no sector mediático
Neste intre o meirande obstáculo para Rueda é o seu propio partido. Baltar, Calvo e Candia, por orde de fortaleza, terán moito que dicir, polo momento: Ascenso e máis peso interno para Calvo e Candia e máis influencia e autonomía para a taifa Ourensá (e xa veremos se unha futura vicepresidencia). Xa saben, teñan preto aos amigos pero aínda máis aos inimigos. O novo goberno da Sunta será continuísta e, de momento, tranquilo porque a todos e todas lles vai ben así namentres se vixían.
Será fulcral termos un ollo posto nos movementos que se producirán na sede en B do Partido Popular, tamén con nome de santo: San Marcos. Na corporación pública tampouco semella que vaia mudar nada moito máis alá de trocar no tele(li)xornal a Gandalf o branco por Galdalf o gris. Seguirán sen cumprir a lei, sen transparencia, sen información e sen vergoña. Mais con moita influencia no sector mediático. Haberá que ver cando e quen substitúe nese órgano gangrenado que é o Consello de Administración a quen foi xefe de comunicación do PP que marchou con Alberto. Porque si amigas, os popul(ares)istas levan o país no corazón pero aínda máis no peto que os salarios do partido pagámolos coa Galega, co Senado ou con Portos de Galicia. Igual era iso o que significaba aquilo de «Galicia, Galicia, Galicia».
A sociedade ten que tomar conciencia de que os medios públicos son da súa propiedade e non do goberno. Recuperalos para a cidadanía debe ser un dos eixes principais de calquera alternativa progresista e para facelo cómpre comezar xa a falar, pensar e elaborar un proxecto realista de medios públicos
Haberá que agardar para saber se o novo Presidente da Sunta xubila a Sánchez Izquierdo que ten 73 anos (eu cobrando máis de 90 mil €/ano tampouco tería presa por me retirar) artífice do organigrama e executor das ordes da Gestapo Xeral de Medios. Veremos, tamén, que tal resolve a substituta de Mar Sánchez Sierra, verdadeira demiúrga dos medios (públicos e privados) e arquitecta das catro maiorías. Si, non fiquei tolo, sen unha estratexia de comunicación efectiva e goebeliana dos medios públicos non se terían obtido os resultados de Feijóo. Aí é onde a CRTVG é verdadeiramente a pedra chave, pola manipulación e pola función de conseguedora, a creto, de consensos, portadas e opinións editorializantes. O ecosistema e a interacción entre corporacións da comunicación e estómagos agradecidos son imprescindíbeis para xerar o substrato no que a semente da postverdade, a mentira e a manipulación informativa prenda e floreza. Tamén o é que a creación do relato a través do entretemento esterque ben o terreo para que a planta medre forte e remate de crear un estado das cousas no que nada é posíbel sen un un pai-líder e sen un partido-mesianico-institucional que nos libre do noso pecado orixinal. Xa ven, un par de bos fontaneiros, algo de carto e unha linda lista negra e todo solucionado.
Aínda que dicilo é, simplemente, unha obviedade a sociedade ten que tomar conciencia de que os medios públicos son da súa propiedade e non do goberno. Recuperalos para a cidadanía debe ser un dos eixes principais de calquera alternativa progresista e para facelo cómpre comezar xa a falar, pensar e elaborar un proxecto realista de medios públicos, axeitado a estes tempos, tendo ben claro o que queremos (e podemos) ter e que garanta futuro, seguridade e independencia, coa calidade como puntal irrenunciábel. Hai que traballar arreo a prol da liberación destes medios públicos secuestrados. Outra radiotelevisión é posíbel!