Recentemente o Goberno enviou a Bruxelas a actualización do Programa de Estabilidade 2014-2017. Como non podía ser doutra maneira, presentouno como un éxito: o emprego total crecerá un 2,3% en 2017 e a taxa de paro situarase no 19,8%. Avanza que crecerá un 0,6% en 2014; 1,2% en 2015 e un 1,5% en 2016. O cálculo faio ano a ano e non toma como punto de partida os empregos que había en 2011, 17.238.075 postos de traballo, senón os de 2013, 15.854.750 postos a tempo completo.
O goberno unha vez máis fai trampas. Pretende avaliar o éxito ou fracaso da reforma laboral esquecéndose do seu punto de partida: 2011. Para facer esa avaliación hai que comparar a evolución prevista entre 2011 e 2017.
Se proxectamos as previsións contidas no documento do Goberno sen esquecernos que en 2012 houbo unha perda do 4,8% á que engadimos o 3,4% de 2013, a perda acumulada sobre 2011 é de 1.383.325 postos de traballo. Quere isto dicir que no 'debe' da reforma laboral hai case millón e medio de empregos. O seu éxito estribará nos postos que cree unha vez enxugada esa perda. En 2014 fálase dunha previsión dun aumento de 95.129 empregos, en 2015 de 191.399; en 2016 de 252.119 e en 2017 de 376.818 empregos. Se se cumpren estas previsións do Goberno, en 2017 haberá 16.760.214 postos de traballo. É dicir, a reforma laboral terá custado en seis anos case medio millón de empregos, 477.861 postos de traballo. A curto e medio prazo a reforma só se pode cualificar de fracaso. Pero ademais hai outras previsións escondidas.
Pretende considerar a diminución da taxa de paro en 1,84 puntos como algo positivo. Sempre o PP cando goberna pretende deslindar o paro do emprego. Esquécese que son dous compoñentes que se interpretan conxuntamente, son os activos. Para que, perdendo medio millón de empregos, a taxa de paro diminúa en case dous puntos é preciso unha máis que importante diminución dos activos. Para que cadren as súas cifras, os activos débense reducir nun 5%. Debe haber 1.156.265 persoas activas menos. A reforma laboral non só conseguiu que haxa medio millón de empregos menos, senón que reduce a poboación activa en case 1,2 millóns de persoas. E isto segundo é moi grave.
Recentemente baixaron as pensións aducindo que a situación demográfica esixía adoptar medidas para a súa viabilidade. A reforma laboral incide precisamente en agravar a situación: 1,2 millóns de persoas ou xa non queren traballar ou emigraron. Os que viron que aquí non tiñan futuro, foron buscalo noutro sitio.
Entre o primeiro trimestre de 2011 e o de 2014 diminuíu segundo a EPA:
- a poboación estranxeira en idade de traballar en case 650 mil persoas, hai un 14,9% menos;
- os empresarios con asalariados un 13,6%, hai 126.500 menos;
- o total dos asalariados un 9,3%, hai 1.422.885 menos;
- os asalariados a xornada completa un 12,3%, hai 1.612.749 menos
- os ocupados un 8%, hai 1.454.154 menos
- os activos un 1,9%, hai 445.535 menos
- Con todo, entre o primeiro trimestre de 2011 e o de 2014 aumentaron segundo a EPA:
- os traballadores por conta propia, autónomos ou falsos autónomos, un 4,7%, hai 95.195 máis;
- os asalariados a xornada parcial un 8,6%, hai 189.864 máis;
- os parados un 20,5%, hai 1.008.619 máis
- Os parados que non perciben prestacións aumentaron nun 33,6%, de 2.986.887 até 3.989.744 persoas
Este é o debe da reforma laboral até agora: destrución de empresas, perda de empregos, aumento do paro, maior desprotección dos parados e perda de poboación. Este é o presente. Agora o Goberno quere facer táboa rasa e dicir que en 2017 crecerá o emprego en 376.818 postos, un 2,3%. Mentira. En 2017, se se cumpren as previsións da actualización do Programa de Estabilidade, haberá 477.861 empregos menos e 1.156.265 persoas activas menos. O Goberno certifica a Bruxelas o fracaso da reforma laboral e, co seu fracaso, o fracaso da política austericida da Unión Europea.