O goberno de Podemos e Galicia

Vin en directo a proposta de goberno que Pablo Iglesias fixo ao PSOE.

Se eu fora un militante de PODEMOS seguro que me parecería unha posta en escea  impecable: gabanzas dende a distancia ao “xefe de estado” para marcar sentido institucional, equipo disposto a gobernar, programa de mínimos asumible polo 90% dos electores, liderazgo e iniciativa. Todo un manual de estratexia política que serve para colocar o seu partido no centro do debate. O soño de calquer líder.

A min, como nacionalista galego, a proposta tamén me parece ben. Se finalmente hai un goberno así, peor do que agora non nos irá. Mais dáme a impresión de  que a prioridade política de Iglesias non é a de formar goberno senón por en marcha un proceso que tén como obxetivo substituír o PSOE na centralidade da política española. Nin sequera o espontáneo fervor institucional de PODEMOS pode xustificar que sexa o Rei, e non o seu pretendido socio de Goberno, o primeiro en enterarse da proposta.

Un galego descrido coma min non pode menos que ver todo isto con certo distanciamento. Por iso, estráñame a euforia desatada pola noticia nalgún paisano que, nacionalista coma min, debería de estar escarmentado de determinadas cousas. E non creo que sexa o autoengano o mellor método para tapar nin as falcatruadas dos outros nin as nosas eivas.

Preocupados como estamos todos porque a política española sirva tamén para mellorar o nivel de benestar dos galegos non estaría de mais non esquecermos que un dos problemas máis graves de Galicia no Estado Español é a súa invisibilidade política. Non falo dunha cuestión de aparencias. Falo da nosa incapacidade para ser, para estar e para contar na conformación da vontade colectiva estatal. Porque somos un pobo, certo é, con identidade propia e singular. Mais esa non é a nosa principal característica para o que estamos a falar. Para a nosa desgraza o noso sinal mais distintivo é que somos, como pais, prescindibles para España no político e no económico.

Significamos apenas o 5% da poboación do Estado e, aínda que só fora por iso, os deputados galegos das grandes forzas políticas estatais, antes 2 agora 4, nunca poderán determinar as decisións dos seus grupos. Representamos pouco mais do 5% do PIB estatal e temos unha economía non homologable coa do resto do Estado e especializada en producir cousas vetadas polos acordos UE-España. A diferenza de Catalunya, nós non somos imprescindibles para o Estado. Nin no político nin no económico. Por iso estou convencido de que a única posibilidade de que Galicia conte no concerto estatal pasa por acumular forza en clave de país e converternos, permítaseme a expresión, nun problema político. Sensato e democrático pero problema. A iso deben ir dirixidos os nosos esforzos aquí e iso é o que lle dá sentido á representación política propia en Madrid.

A televisiva posta en escea de Iglesias co seu representante Catalán ao carón e reducindo o problema territorial do Estado a Catalunya é unha demostración máis na condición prescindible de Galicia, máxime cando a Marea, despois de terlle roubado o grupo parlamentar, decidiu adscribirse ao grupo de PODEMOS na vez de irse ao Mixto, lugar digno onde os haxa.

Xa houbera un adianto da nosa invisibilidade uns días atrás coas declaracións da voceira da Marea a saída da súa entrevista co Rei. Daquela, na vez de centrar a súa intervención nas reivindicacións de Galicia, centrou o seu bonito discurso no mesmo que podería dicir calquer deputado de Podemos de calquera outra comunidade. Perdeu así unha oportunidade para asegurar que Galicia existe ademais de facerlle un agasallo innecesario aos que falsariamente afirmaban que o que pretendía PODEMOS era ter 4 grupos.

Ben sei da dificultade da política parlamentar española, teño en conta que isto non fixo mais que empezar, que hai que darlle tempo ao tempo e que calquera afirmación descalificatoria a estas alturas, as miñas non pretenden selo, seria inxusta. Non sei se será posible o goberno que propón Iglesias, pero eu prefíroo a calquera de Rajoy. Mais recoñezo que preferiría que a ultima cabriola de PODEMOS non servira para deixar en mal lugar, como deixou, os deputados galegos. E tamén preferiría que ningún dirixente galego estivera ao tanto do que se cocía. Porque para aplaudir a nosa invisibilidade xa chegou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.