Un grupo político que leva tanto tempo xestionando a Administración galega non pode alegar ignorancia. Sabe o que ten entre as súas mans e tamén coñece a historia dos custes electorais asociados ás sucesivas experiencias de goberno das últimas décadas
Xa pasaron seis meses dende a obtención dunha nova maioría absoluta por parte do PP nas eleccións galegas. En condicións normais, este período de tempo non resultaría significativo á hora de tirar as primeiras conclusións sobre a situación derivada do resultado das urnas. Pero os precedentes que operan no caso galego (gobernos encabezados por Albor entre 1982 e 1987, por Fraga dende 1990 a 2005 e por Feijoo entre 2009 e 2022) inutilizan calquera hipotética alusión á "herdanza recibida" de cara a xulgar estes meses do executivo presidido por Alfonso Rueda. Os 43 anos de existencia do autogoberno galego poden ser catalogados como unha continuada hexemonía do PPdG só interrompida, brevemente, por dúas experiencias de gobernos de coalición (de 1987 a 1989 con PSdG, CG e PNG e de 2005 a 2009 co bipartito conformado polo PSdG e BNG).
Un grupo político que leva tanto tempo xestionando a Administración galega non pode alegar ignorancia. Sabe o que ten entre as súas mans e tamén coñece a historia dos custes electorais asociados ás sucesivas experiencias de goberno das últimas décadas. O sucedido entre Abril de 2022 e Febreiro de 2024 foi, sen dúbida, unha boa fonte de aprendizaxe: a pesar de que a operación de substitución de Feijoo por Rueda presentaba uns elevados niveis de risco para o PP, foi solventada con éxito por mor da combinación da máxima mobilización dos recursos acumulados durante a prolongada estancia no poder e as eivas non corrixidas no campo da oposición (primordialmente no espazo electoral socialista).
Durante varios anos (antes e despois do abandono de M. Rajoy da primeira liña da política), Feijoo utilizou a presidencia da Xunta como ferramenta para acadar a máxima relevancia na estrutura estatal do seu partido. Despois de renunciar a competir con Saenz de Santamaría e os demais candidatos no ano 2018, A. Núñez aproveitou o seus status institucional para buscar unha imaxe de político "centrista" capaz de comprender as realidades nacionais existentes no Estado español e, xa que logo, non homologábel ao talante "duro e radical" do novo líder, Pablo Casado. No momento actual, a situación mudou: Alfonso Rueda non ten como obxectivo acadar a xefatura estatal do PP e só desexa consolidar o seu liderado na organización galega para neutralizar os plans alternativos que podan ter os seus rivais internos. Desaparece, polo tanto, a necesidade de escenificar un perfil diferenciado a respecto de Feijoo, tarefa que, polo demais, resultaría pouco críbel nunha persoa que foi, durante moitos anos, o seu complemento subordinado na xestión da Administración galega.
O novo goberno galego está sendo totalmente previsíbel. Actúa seguindo o guión deseñado nos despachos da rúa Génova: a responsabilidade principal de todo o que acontece radica en Pedro Sánchez e no seu goberno
O novo goberno galego está sendo totalmente previsíbel. Actúa seguindo o guión deseñado nos despachos da rúa Génova: a responsabilidade principal de todo o que acontece radica en Pedro Sánchez e no seu goberno. Cando se fala do financiamento da Facenda galega, no canto de facer valer o apoio electoral recibido en Febreiro para demandar un sistema mais satisfactorio coas necesidades da maioría social, Rueda apúntase con entusiasmo á campaña contra o acordo subscrito entre o PSC e ERC. Se o Consello da Xuventude publica un informe no que se constata o baixo índice de emancipación familiar da mocidade como consecuencia dos baixos salarios e dos prezos abusivos dos alugueres das vivendas, o goberno de San Caetano garda un estrondoso silencio porque, supostamente, iso non vai con eles. Se o IPC sobe mais na Galiza que no resto das CC.AA. (singularmente, os prezos dos alimentos), o presidente da Xunta pasa de opinar e de actuar. De non ser por outras forzas que operan no tecido social e no escenario político, a mensaxe que se derivaría desa lóxica empregada por A. Rueda sería a de menosprezar a capacidade do autogoberno existente para enfrontar os problemas da cidadanía.
A oposición política -BNG e PSdG- ten por diante un horizonte complicado. Necesita facer o seu labor coas maiores doses de paciencia e creatividade para ir tecendo un estado de ánimo no corpo social que permita alimentar as esperanzas nun cambio que non foi posíbel acadar neste pasado inverno
Nos vindeiros meses, o novo Executivo vai ter dous test moi significativos para demostrar, definitivamente, as súas intencións: o proxecto de lei sobre os medios públicos de comunicación audiovisual e as decisións relativas á pretendida instalación de Altri no concello de Palas. Se non atende ás opinións críticas procedentes dos sectores mais directamente involucrados en ambas cuestións e segue invocando, como único argumento, a obtención da última maioría absoluta electoral, a lexislatura ficará practicamente rematada para calquera expectativa de renovación das vellas prácticas que xa coñecemos.
A oposición política -BNG e PSdG- ten por diante un horizonte complicado. Necesita facer o seu labor coas maiores doses de paciencia e creatividade para ir tecendo un estado de ánimo no corpo social que permita alimentar as esperanzas nun cambio que non foi posíbel acadar neste pasado inverno.