O 25 de xuño de 2012 o ministro de Economía, Luis de Guindos, solicitaba oficialmente a Bruxelas un rescate para recapitalizar a banca. Para iso, remitiu unha misiva ao presidente do Eurogrupo, Jean-Claude Juncker, na que reclamaba que as condicións se coñecesen antes do 9 de xullo, para que fosen discutidas no Eurogrupo. No seu conxunto o rescate bancario solicitado foi duns 41.300 millóns de euros.
O 14 de xullo de 2012 o BOE publicaba o Real Decreto-lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade. Nel bosquexábanse unha serie de recortes de prestacións que supuñan un grave atentado á situación dos miles de parados que se estaban vendo ciscados dos seus empregos, sen apenas indemnización, pola reforma laboral. Recortábase ao redor do 30% a prestación contributiva durante dezaoito meses, posibilitábase a parcialización dos subsidios por desemprego, aumentábase a 55 anos o subsidio previo á xubilación e dificultábase o seu acceso, entre outros recortes. Neste 2º trimestre de 2015 hai 3.702.577 persoas paradas sen protección por desemprego e, entre elas, máis dun millón con cargas familiares.
O 20 de xullo de 2012 os ministros de Economía da eurozona aprobaron durante unha conferencia telefónica que durou só dúas horas o rescate bancario de até 100.000 millóns de euros para España, así como o memorándum coas condicións esixidas a cambio da axuda.
De sumarmos o recorte realizado sobre 2011 entre 2012 e 2015 co destes orzamentos, a conclusión que se tira é que o rescate bancario, os 41.300 millóns de euros prestados polo Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) xa o pagaron as persoas paradas.
O Goberno, ano a ano, foi recortando os fondos de políticas de emprego por unha contía equivalente ao préstamo que recibiu para a banca
A conclusión do seguimento dos orzamentos do SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) é rotunda: o Goberno, ano a ano, foi recortando os fondos de políticas de emprego por unha contía equivalente ao préstamo que recibiu para a banca. O rescate bancario devolvérono os parados con menos prestacións por desemprego e menos posibilidades de emprego polo recorte de políticas activas. Esta conclusión, absolutamente indignante, non ten ningún matiz. As cifras son as que son: 41.346 fronte a 41.300 millóns de euros.
Calquera goberno que pretenda ser unha alternativa ao PP necesariamente debe corrixir esta situación e comprometerse, desde o primeiro momento, modificando estes vergoñentos orzamentos de 2016, a devolver ás persoas paradas uns fondos, cando menos, similares aos do Orzamento de 2011..
As persoas paradas xa pagaron nas súas propias carnes unha crise que non provocaron. Sufrírona perdendo o seu emprego e, xa que logo, o seu medio de vida. O PP fixo que non recibisen as indemnizacións que lles correspondían modificando a normativa legal; permitiu que con máis ou menos causa, os despedisen. Ademais desposuíunos das políticas que necesitaban, salarios substitutorios, formación, experiencia profesional, para pagar o rescate bancario. Non pode haber alternativa sen a súa devolución. É preciso un compromiso de manter o Orzamento do SEPE en 40.000 millóns de euros, como mínimo, mentres o paro non baixe do tres millóns de persoas.