Outro mes máis ouvimos as fanfarras do goberno. Se utilizamos os datos que se coñeceron no seu conxunto, podemos ter unha visión algo máis global da que nos queren impor.
Como é posible que diminuíndo o número de afiliados á Seguridade Social en 199.902 persoas, soamente 77.980 se inscriban nos servizos públicos de emprego no Estado? Só o 39% das persoas que perderon o seu emprego se insriben nas oficinas de emprego.
De producírense porcentaxes similares aos destes anos, o aumento dos parados inscritos superaría os 120.000 no Estado
Se miramos cara a atrás, a porcentaxe de persoas que saían do emprego e se incribían era moi superior. En 2014 inscribíronse o 61% dos que quedaron en paro; en 2011 foi o 59% e en 2008 a porcentaxe chegou até o 63%. De producírense porcentaxes similares aos destes anos, o aumento dos parados inscritos superaría os 120.000. De cada cinco persoas que se inscribiron nos anos sinalados, este ano houbo dous que non se anotaron.
No canto de fanfarras porque subiu pouco o paro, é preciso preguntarse por que hai máis de corenta mil persoas que noutros meses de xaneiro se incribiron e neste xaneiro de 2015 decidiron non facelo.
Por que hai 40.000 persoas que non se inscribiron no paro? Polo recorte de prestacións, polo recorte en políticas activas e pola falta de recursos nas oficinas
A resposta é tripla. En primeiro lugar está o recorte de prestacións: en 2014 o número de beneficiarios de prestacións caeu un 10,6% sobre 2011 e o gasto un 18,1%, uns 5.500 millóns de euros.
En segundo lugar está o recorte en políticas activas. En 2015 o orzamento para políticas activas diminúe máis dun 37%, case tres mil millóns de euros. Este recorte provoca tamén a caída da intermediación en parte motivada pola diminución dos programas de cooperación, contratación directa de desempregados e de escolas taller. Estes programas xestionábanse a través de ofertas de emprego e deles elimináronse cincocentos millóns de euros, un 48% do que había. Hai, polo tanto, a metade de postos a ofertar.
Os recursos para dotar de medios o asesoramento a parados diminuíron un 57%
A terceira razón é a fortísima diminución dos recursos propios ou postos a disposición da rede de oficinas. Hai máis de tres mil técnicos menos, infinidade de orientadores e técnicos locais de emprego menos. Os recursos económicos para dotar de medios humanos que inscriban, orienten e, fundamentalmente, fagan con cada parado o seu itinerario personalizado de inserción diminuíron un 57%.
Este goberno optou por recortar as prestacións, as políticas activas, as ofertas de empregos, os técnicos de emprego e con iso deixou sen apenas motivos para que os parados se inscriban nas oficinas de emprego. Este goberno agora presume de que non crece o paro rexistrado. A inscrición dos que perden o seu emprego diminuíu en vinte puntos. Máis que menos parados, este goberno o que conseguiu é un peor servizo público de emprego para o que moitos non atopan razóns de inscribirse.
Máis que menos parados, este goberno o que conseguiu é un peor servizo público de emprego para o que moitos non atopan razóns de inscribirse
A segunda fanfarra do goberno é polo aumento dos afiliados sobre o ano pasado. Sistematicamente pretenden facernos crer que só levan un ano de goberno e o resto é "a herdanza recibida". En xaneiro de 2011 había 9,2 millóns de traballadores afiliados ao Réxime Xeral a tempo completo e 2,7 millóns a tempo parcial. Os datos publicados do mes pasado indican que hai 8 millóns a tempo completo e 3 millóns a tempo parcial. Mentres que os afiliados a tempo completo diminúen en 1,2 millóns, os que están a tempo parcial aumentan en 328 mil. Este goberno non crea emprego. Non repón o que destruíu. É coma se despois de voar as cen pontes dun rio, presumise porque construíu un e di que o número de pontes creceu un 100%. Oia, que aínda lle falta por repor 99!! A este goberno hai que dicirllo alto e claro: Que lle faltan por repor máis dun millón de empregos a tempo completo!!
Un aspecto sobre o que é preciso incidir é sobre a situación das persoas menores de 30 anos no mercado de traballo. Os mozos con contratos indefinidos ou temporais a xornada completa viron reducido o seu número nun 37%, hai preto de 700 mil novos traballando menos. Pola contra, aqueles que teñen un contrato de formación, ou temporal a tempo parcial ou outras modalidades de contratación distintas das ordinarias, aumentaron un 25%, case 140 mil novos máis. Crece o emprego máis precario que existe, crece o contrato para a formación. Fálase moito da "formación dual" pero non se fai unha campaña en condicións sobre a utilización do tempo de formación como tempo de traballo, non sexa que a dualidade estea entre as horas que se cobran e as horas que non. En catro anos perdéronse practicamente un de cada catro empregos que había para os mozos.
Este goberno axiña porá taxas aos parados que se queiran inscribir nos servizos públicos e logo dirán que baixa o paro porque hai menos inscritos...
Como sigan as cousas así, este goberno pronto porá taxas aos parados que se queiran inscribir por utilizar os servizos públicos de emprego (xa o fixeron coa xustiza) e logo dirán que baixa o paro porque cada vez hai menos inscritos...