O ilusionante reto do movemento polo ben común

As persoas que marchamos de Galicia hai uns cantos anos, como calquera outro emigrante do mundo, supoño, mantemos unha relación de amor/odio co noso país. Imos recollendo por onde vivimos identidades novas, como afortunadamente aprendín con Aamin Maalouf  (Les identitats que maten, 1998) cando cheguei a Barcelona hai 11 anos. Pero sentimos sempre polo noso país algo que quizais só se pode entender lendo a Manuel Rivas. O realismo máxico galego faise pluscuamperfecto nos cidadáns da diáspora.

E aí está a política, é dicir, cómo organizarse, cómo gobernar Galicia, cómo facela mellor, máis xusta, máis libre, máis alegre, máis verde. Achegueime aos debates do que se chamou nun primeiro momento Novo Proxecto Común non por resquemor co BNG, se non por unha especie de intuición político-sentimental. Esta intuición, claro, tiña trampa, pois estaba condicionada por algún discurso de Xosé Manuel Beiras, polo 15-M, por Mònica Oltra e Joan Baldoví, por Xoán Hermida, por Manuel Dios, por Vicenç Navarro, pola coalición Iniciativa per Catalunya - Esquerra Unida i Alternativa... estaba claro que, como maquiavélicamente diría Feijoo, chegou o momento.

Galicia, a principios de setembro volveu dar sorprendentemente o mellor de si. A "coalición técnica" de Compromiso-Anova-EsquerdaUnida é unha xenial noticia para o país e para o mundo enteiro

Tras moitos debates e moitas amizades virtuais nos grupos de Facebook do Novo Proxecto Común e posteriormente no "fork" de Compromiso por Galicia, cheguei a unha nova situación de amor/odio. Nesa rede social estaba representada a pequena escala o peor e o mellor das actitudes da poboación galega. Moito traballo, moi boa vontade, persoas moi interesantes, pero tamén trolls (virtuais e orgánicos) e minifundismo con vocación imperecedeira. Abandonei eses grupos de conversa cunha certa sensación de decepción, aínda que é bo destacar que o fixen sobre todo para centrarme no meu traballo, que falta me fai.

E Galicia, Galicia, a principios de setembro volveu dar sorprendentemente o mellor de si. A "coalición técnica" de Compromiso-Anova-EsquerdaUnida é unha xenial noticia para o país e para o mundo enteiro. Podería recitar de memoria os reproches e faltas de respecto que se poderían facer dende cada unha destas tres patas a calquera das outras dúas, e por suposto podería cantar a viva voz as ideas-faes-forza do Partido Popular para disparar contra o tri-hexa-partito que se pode albiscar no horizonte. Pero o certo é que as asembleas, é dicir, as persoas de Esquerda Unida, Anova e Compromiso x Galicia demostraron ter unha vontade clara de traballar, digámolo afrancesadamente, pola igualdade, a liberdade e a fraternidade.

Ao mellor non vos decatades do reto histórico que supón enganchar os mellores vagóns desperdigados da esquerda e o galeguismo e poñelos a andar co obxectivo do ben común. A potencialidade da locomotora verde-azul-vermella (permitídeme chamarlle "Bencomún") é espectacular se se conseguen pactar uns obxectivos reais que hoxe por hoxe a brutalidade do goberno liquidador do PP pon en bandexa: vivenda, traballo, saúde e educación para todos (incluidas as inmigrantes), limitacións á banca especuladora, lingua, autogoberno, transparencia e democracia real. Vexo a todas as persoas desta coalición poñéndose rapidamente de acordo en cada un destes temas.

Ao mellor non vos decatades do reto histórico que supón enganchar os mellores vagóns desperdigados da esquerda e o galeguismo e poñelos a andar co obxectivo do ben común

Ah, e por certo, se se chegase á hipotética situación de que o PP perdese a maioría absoluta, rapidamente se poderían entender o BNG e "Bencomún". Pensádeo por un momento. E xa teriamos un polo forte polo que turrar do PSdG cara políticas de xustiza social real e maior autogoberno.

Tamén pode ser que PSdG, BNG e "Bencomún" non sexan quen o 21-O de convencer á maioría do electorado galego. Pero estarían xa postos os alicerces dun movemento que será imparábel a medio prazo. Quen me coñeza xa saberá que sempre teño a referencia catalá na cabeza. Asignádelle a quen queirades o papel de PSC, ERC e ICV-EUiA. Si, xa sei que non é o mesmo: o caso galego, per suposat, é mellor.

E desculpade o meu optimismo, pero é que son novo e sen casar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.