O Imperio contra a Federación

Captura dunha conta de Mastodon CC-BY-SA Eugen Rochko

Os fans da popular saga de televisión Star Trek recoñecerán no título deste artigo unha referencia a un patrón recurrente nesa saga: un imperio, habitualmente centralizado nunha persoa ruín, enfrontado a un conxunto de aliados, cada un con diferentes características e ás veces deixando aparte as súas diferenzas. Naturalmente a federación e o ben acaban impoñéndose aos malvados, en ocasións con estes “vendo a luz”, e uníndose amigabelmente á federación.

Unha das alternativas a Twitter é a rede Mastodon, que ofrece un servizo similar, mais un cunha característica moi importante: é descentralizado

Poderíamos atopar outros paralelismos no mundo real a ese conflito, e un que apareceu nas últimas semanas é o da rede social Twitter despois de ser adquirida polo multimillario Elon Musk. Un home polémico, que como primeira medida na empresa botou a máis da metade do persoal. Ese feito, xunto coas súas políticas de moderación, ou a ausencia delas, fixo que moitos usuarios nos planteáramos mudar a outras redes.

Espazo para 'tootear' en Mastodon CC-BY-SA Ehécatl Cabrera

Esa descentralización non converte á rede nunha “arcadia feliz”. Existen moitas preguntas aínda por respostar: Como se vai soster cada instancia? Que ataques pode sufrir a rede? Como se pode mellorar a experiencia de usuario, se non hai unha soa compañía detrás do servizo?

Unha das alternativas a Twitter é a rede Mastodon, que ofrece un servizo similar, mais un cunha característica moi importante: é descentralizado. Iso significa que non existe unha soa instancia, senón que é unha colección de instancias que partillan datos entre elas. Esa federación implica moitos desafíos, tanto técnicos coma noutros ámbitos. É un tipo de rede social novo, para pioneiros.

Para comezar, un usuario de Mastodon debe escoller unha instancia. En cada instancia agrúpanse usuarios con intereses comúns. Existe, por exemplo, unha instancia galega: mastodon.gal. Unha vez feita conta nesa instancia, non se está limitado aos usuarios dela, senón que pódese interactuar con usuarios outras instancias. Desa maneira, non existe un dono único da rede que impón o seu criterio, senón que o poder está repartido.

Talvez o malvado emperador Elon se impoña e logre destruír á “rebelión”. Ou apareza unha terceira alternativa, que pode ser centralizada ou non. Asistiremos a ese desafío nas próximas semanas, e veremos se a alternativa descentralizada se consolida ou se afunde

Por suposto, esa descentralización non converte á rede nunha “arcadia feliz”. Existen moitas preguntas aínda por respostar: Como se vai soster cada instancia? Que ataques pode sufrir a rede? Como se pode mellorar a experiencia de usuario, se non hai unha soa compañía detrás do servizo?

Quen sabe, talvez o malvado emperador Elon se impoña e logre destruír á “rebelión”. Ou apareza unha terceira alternativa, que pode ser centralizada ou non. Asistiremos a ese desafío nas próximas semanas, e veremos se a alternativa descentralizada se consolida ou se afunde. E aínda que isto último suceda, seguramente haberá outros que o tenten. Na ficción, o ben sempre gaña. Na realidade, é todo moito máis complexo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.