Din os máis arduos defensores da Constitución do 78 que o garante da democracia é a observancia e o cumprimento da lexislación vixente. O respecto ás normas que nos demos para garantir a convivencia. Que se deron, debían dicir. Porque o certo é que a meirande parte da poboación non votou ese texto e hai xa anos que as fendas no suposto pacto constitucional se abriron tanto que por elas foron caendo xeracións enteiras convencidas de que esa norma, ese sistema, non os representa. Como anos hai que a propia Constitución se converteu na escusa total, para facer e para non facer, para garantir o pagamento da débeda bancaria e para o inmobilismo centralista que impide unha saída dialogada á cuestión territorial. Arma arreboladiza, auténtico búmerang que vai e ven dunhas mans a outras. Unha palabra, que de tanto repetir, queda como un carozo baleiro, anulado, sen uso.
De tal xeito que a CE1978 serve para case todo, menos para garantir os dereitos que nela se incluíron: vivenda, traballo, cultura, saúde, educación... Nin sequera, como vimos estes días, para garantir os dereitos básicos de participación política, reunión e opinión, consubstanciais á propia concepción da democracia liberal.
Xa se sabe que, ao fin, o do cumprimento das leis é coma todo, depende de que se trate e depende, sobre todo, de quen teña que cumprir. Ten que ver coas prioridades, e aí toca volver a mencionar o pagamento da débeda e o artigo 135, e ten que ver, sobre todo, co poder e coa capacidade coercitiva para exercelo. O poder do que dotamos ao Leviatán para facer cumprir as normas do que falou Hobbes, que, oh, sorpresa, non se aplica a todos por igual. Que llo pregunten ás persoas desafiuzadas, ás desempregadas, ás precarizadas. Que llo pregunten estes días na Generalitat, nas oficinas de Unipost, nas sés dos partidos intervidas. Aos funcionarios e funcionarias ameazadas. Para todos eles a lei, sempre a lei.
Pero que llo pregunten tamén aos diferentes gobernos, que incumpren, día si e día tamén, toda a lexislación internacional en materia de dereitos humanos. Lexislación que ocupa moi poucas portadas, poucos minutos de preocupación dos mencionados constitucionalistas, que, en teoría, garante dereitos fundamentais como o dereito á vida, o dereito ao refuxio ou o dereito á seguridade. Neste eido, imperio da lei pouco, antes ben, o estado non amosa rubor ningún ao constatarse o incumprimento reiterado de toda a normativa internacional.
Rematado o prazo establecido pola UE para o reasentamento das persoas refuxiadas comprobamos o que era xa unha evidencia, que non se ía cumprir e quedaría para a historia como un dos fitos fundamentais da vergoña da UE. As cifras non poden ser máis claras. Das 17.737 persoas que tiñan que ter chegado ao estado español faltan 15.354 que seguen agardando en Grecia e Italia pola protección internacional. É dicir, que nos dous anos de aplicación do acordo, o estado español apenas cumpriu o 11%. Unha cifra ridícula, claramente insuficiente que condena a miles de persoas á desprotección e ao esquecemento. Unha vergoña. Pouco congruente coa posición da maioría social, que, tal e como nos din as enquisas, apoia decididamente o acollemento de persoas que foxen de conflitos armados (ata un 78% das persoas enquisadas).
Rematou o prazo, pero a realidade continúa. Milleiros de persoas seguen agardando en campos de concentración en Europa. Millóns seguen obrigadas a marchar da súa terra. Para eles, a lei nin está nin se lle espera. A dignidade, tampouco.