O importante era a paz

Empecemos por deixar algunhas cousas claras. A manifestación prohibida en Bilbao celebrouse en anos anteriores sen que ninguén cuestionase con éxito o seu dereito, nin sequera cando os presos etarras rexeitaban a legalidade da política penal española. Houbo achegamentos de presos cando ETA mataba, efectuounos o goberno Aznar e tamén o goberno Zapatero porque servían como un instrumento para a paz e fixeron ben. Os manifestantes de Bilbao reclaman unha aplicación normal da política penal a reclusos que agora si aceptan a súa validez e a quen nun Estado de Dereito non se debe discriminar por motivos de oportunidade política. Defender o dereito a manifestarse non equivale a estar de acordo cos manifestantes, nin a situarse ao lado dos asasinos. Defender o dereito a manifestarse daqueles que non che gustan, ou a liberdade de expresión de quen din cousas que che desgustan, constitúe a esencia da democracia. Non sei vostedes, pero eu non estou disposto a vivir nun país onde para exercer os meus dereitos civís primeiro deba acreditar pureza de sangue, ou de ideas, ou de sentimentos.

A manifestación prohibida en Bilbao celebrouse en anos anteriores sen que ninguén cuestionase con éxito o seu dereito, nin sequera cando os presos etarras rexeitaban a legalidade da política penal española

A pregunta pertinente é por que agora se prohibiu esa convocatoria, por que non se aplica como xa se fixo antes a lexislación penal, ou por que se acusa de complicidade co terrorismo a quen se inquiete polo dereito a saír á rúa a manifestarse. A resposta é que antes o importante era a paz. Agora parecen contar máis outros cálculos aparentemente máis rendibles que un fin da violencia que se dá erroneamente como amortizado. Hai presidentes e ministros tan convencidos da derrota de ETA que lles importa máis o editorial dun xornal ou as consignas dunha manifestación. Cando o momento necesita política intelixente, xenerosidade e visión, parece que se impoñen a necidade, o tacticismo e a miopía.

Mariano Rajoy e o seu Goberno caeron prisioneiros dese discurso irresponsable cando deben facer o que hai que facer para acabar con isto dunha vez por todas

O Partido Popular utilizou o terrorismo contra Zapatero de maneira temeraria e miserable. Por tentar o mesmo que tentaran Mayor Oreja e Aznar, negociar con ETA e achegar presos, foi acusado de traidor e de faltar á memoria dos mortos. Agora Mariano Rajoy e o seu Goberno caeron prisioneiros dese discurso irresponsable cando deben facer o que hai que facer para acabar con isto dunha vez por todas. Non se pode á vez conceder o terceiro grao a presos e indignarse cando saen do cárcere. Resulta incompatible e hai que elixir. En lugar de asumir o custo e gobernar para todos, Mariano Rajoy escolleu gobernar só para unha parte de quen os votaron.

Para que serviu prohibir a manifestación celebrada o sábado en Bilbao? Para algo peor que para nada, ou para convocar a máis xente. Serviu para que hoxe esteamos peor. Para que os dirixentes abertzales poidan seguir usando os presos como causa e elemento de control e mobilización dos seus. Para que o PNV se vise empuxado polo medo a ceder terreo ante o seu competidor polo voto nacionalista. Para que o Partido Popular se enrede aínda máis na contradición entre aquilo que debe dicir para contentar a súa contorna máis radical e aquilo que debe decidir como goberno responsable.

ETA foi derrotada e non conseguiu nin un só dos seus obxectivos. Custou moita dor e sacrificio. Seguir conectando todo canto sucede en Euskadi cunha suposta vitoria do terrorismo non é un erro. Representa un acto de mala fe

ETA foi derrotada e non conseguiu nin un só dos seus obxectivos. Custou moita dor e sacrificio. Seguir conectando todo canto sucede en Euskadi cunha suposta vitoria do terrorismo non é un erro. Representa un acto de mala fe. A política non pode desfacer o dano e a perda causados ás vítimas. Pero debe tentar asegurar que non haxa máis vítimas. Un gobernante a quen lle importe a paz debería preocuparse de que así sexa e saber explicalo, non de prolongar tanto sufrimento inútil por un feixe de votos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.