O inquilinato como novo proletariado? Un debate necesario sobre a vivenda

Só cando a Vivenda deixa de ser mercadoría e volve ser dereito, a sociedade poderá dicirse libre CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Nos últimos meses está a circular polas redes un debate entre Jaime Palomera, voceiro e referente do Sindicato de Inquilinas, e Pedro Carmona, autor de Democracia de propietarios, organizado por Clepsidra

Nos últimos meses está a circular polas redes un debate entre Jaime Palomera, voceiro e referente do Sindicato de Inquilinas, e Pedro Carmona, autor de Democracia de propietarios, organizado por Clepsidra. Quen non siga de preto o movemento pola vivenda pode pensar que se trata dun intercambio académico máis. Mais non é así: neste debate discútese quen é quen no conflito da vivenda e que estratexia pode gañar dereitos sociais. Por iso paga a pena pararse un intre e escoitar con atención.

O Sindicato de Inquilinxs logrou un efecto político fundamental: transformou a vivenda nun conflito social visíbel, onde hai intereses contrapostos. Aumentaron os alugueiros, esténdese a precariedade residencial, e cada vez máis persoas —sobre todo novas— descobren que traballar non garante un fogar. Non é un fracaso persoal: é un modelo económico que extrae renda de quen non pode acceder á propiedade.

Ese enfoque permitiu unha mobilización sen precedentes en cidades como Barcelona, Madrid ou Compostela. A idea dun suxeito colectivo inquilino —expulsado, vulnerado, precarizado— funciona politicamente. Niso, Palomera ten razón.

O problema xorde cando esta hipótese se converte nun reducionismo: se es inquilina, es clase traballadora; se cobras alugueiro, es clase dominante. Na práctica, isto constrúe dous campos puros: inquilinas boas e caseros malos. E a experiencia social galega demostra que o mundo non funciona así

O problema xorde cando esta hipótese se converte nun reducionismo: se es inquilina, es clase traballadora; se cobras alugueiro, es clase dominante. Na práctica, isto constrúe dous campos puros: inquilinas boas e caseros malos. E a experiencia social galega demostra que o mundo non funciona así.

Hai hipotecadas que viven afogadas polo Euríbor, pequenas propietarias cun único piso herdado e rendas modestas, persoas migrantes ás que se lles cobra o dobre por menos dereitos, quen malvive en cuartos ou infravivendas en Vigo, A Coruña ou Ourense, e centos de persoas sen fogar que permanecen invisibles, sen nome nin voz.

Onde situamos toda esta realidade na dicotomía inquilina vs casero? A vivenda é clave na estrutura social, pero non pode ser o único criterio de clase.

Aquí é onde a intervención de Pedro Carmona resulta útil. Carmona pon enriba da mesa datos que incomodan a lectura binaria: máis dun millón de novos caseros desde 2008; entre 2 e 2,3 millóns declaran alugueiro no IRPF; e, co 40 % de alugueiro non declarado, poderían ser 3,3–3,8 millóns. En Galicia, Vigo duplicou o prezo do alugueiro en oito anos, Compostela sofre tensión universitaria e turistificación, moitas familias no rural teñen casa pero non riqueza e a infravivenda e os cuartos sen condicións van en aumento.

Hai pequenos rentistas populares, moitas veces xubilados ou con rendas medias. Hai clases medias hipotecadas que teñen débeda: a casa non é “capital acumulado”, é capital que se lle debe ao banco. Dicir que toda esta xente é “clase propietaria inimiga” é politicamente torpe e socialmente inxusto

É dicir: hai pequenos rentistas populares, moitas veces xubilados ou con rendas medias. Hai clases medias hipotecadas que teñen débeda: a casa non é “capital acumulado”, é capital que se lle debe ao banco.

Dicir que toda esta xente é “clase propietaria inimiga” é politicamente torpe e socialmente inxusto. Pero tampouco podemos esquecer que o rentismo popular, cando actúa conxuntamente, reproduce as mesmas prácticas e lóxicas do grande capital: subas abusivas, contratos leoninos, alugueiros en vivendas degradadas ou sen condicións mínimas, e discriminación locativa.

As inmobiliarias funcionan como gardas pretorianas desa orde rentista, levantando muros entre quen aluga e quen habita, convertendo a relación social —que debería basearse na confianza e na xustiza— nun campo minado de desconfianza, penalizacións e intermediarios. Alí onde hai intermediación inmobiliaria intensa é moito máis difícil o diálogo directo entre quen precisa vivenda e quen a ten.

Existe ademais unha narrativa moi estendida que presenta o pequeno casero como figura “honrada e necesaria”, un heroe que sostén o mercado do alugueiro, mentres se constrúe un novo villano: os inquilinos morosos, os “okupas”, as familias pobres. Pero esa lexitimación oculta o esencial: por imitación e por beneficio, moitos pequenos reproducen o modelo depredador dos grandes fondos. E, mentres tanto, as inquilinas seguen pagando o prezo da precariedade.

A estratexia debe ser clara: regular prezos e impedir subas abusivas, crear parque público masivo, defender ás inquilinas vulnerables, protexer a quen ten hipoteca e non chega, perseguir infravivenda e discriminación, regular inmobiliarias e plataformas, poñer límite á especulación e integrar persoas sen fogar e infravivenda na primeira liña e integrar persoas sen fogar

Se o movemento se organiza baixo a consigna “caseros malos, inquilinas boas”, corre tres riscos:

1. Perder aliadas naturais, como hipotecadas precarias e clases medias empobrecidas.

2. Non ver os márxenes do sistema: persoas sen fogar, infravivenda, migrantes discriminadas.

3. Confundir o inimigo real, quedando no individuo que cobra alugueiro e non no sistema que organiza prezos, débeda e especulación.

A estratexia debe ser clara: regular prezos e impedir subas abusivas, crear parque público masivo, defender ás inquilinas vulnerables, protexer a quen ten hipoteca e non chega, perseguir infravivenda e discriminación, regular inmobiliarias e plataformas, poñer límite á especulación e integrar persoas sen fogar e infravivenda na primeira liña e integrar persoas sen fogar ( Primero a Casa ) 

Non se trata de abandonar o discurso inquilinista. Trátase de multiplicar a súa potencia política.

O debate entre Palomera e Carmona amósanos dúas partes da verdade: si, o inquilinato pode ser un novo suxeito popular; pero non é o único actor vulnerabilizado polo mercado da vivenda.

Se a vivenda se converte nunha identidade excluínte, o movemento perde forza. Se a vivenda se converte nun punto de encontro das precariedades, o movemento pode ser a fronteira da dignidade no século XXI

Se a vivenda se converte nunha identidade excluínte, o movemento perde forza. Se a vivenda se converte nun punto de encontro das precariedades, o movemento pode ser a fronteira da dignidade no século XXI.

O dereito á vivenda non depende dun título de propiedade, senón da certeza de que ninguén te pode botar do teu fogar por non ser rendíbel.

Só cando a Vivenda deixa de ser mercadoría e volve ser dereito, a sociedade poderá dicirse libre.


 

Notas e referencias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.