A traxedia dos efectos da DINA en Valencia nestes días lémbranos outro desastre que en 1885 tamén afectou a esa comunidade, unha epidemia de cólera. Alí acudiu desde A Coruña o popular “médico Rodríguez”, de solidaria traxectoria. Co pano de fondo, a nivel local e xeral, de movementos entre as elites para re-situarse no sistema da primeira Restauración borbónica
A traxedia dos efectos da DINA (Depresión Illada en Niveis Altos) en Valencia nestes días lémbranos outro desastre que en 1885 tamén afectou a esa comunidade, unha epidemia de cólera. Alí acudiu desde A Coruña o popular “médico Rodríguez”, de solidaria traxectoria. Co pano de fondo, a nivel local e xeral, de movementos entre as elites para re-situarse no sistema da primeira Restauración borbónica.
Un médico en loita cos microbios
José Rodríguez Martínez naceu en 1856 en Monelos, barrio hoxe integrado Concello da Coruña, pero que daquela era parte do municipio de Oza. Rematou os estudos de Medicina en Compostela en 1880 e dous anos despois, en setembro de 1882, creou na Coruña o Centro de Vacunación Genner, na honra de Edward Jenner, quen iniciara en 1796 o percorrido moderno da vacinación, se ben esta non acadou un amplo desenvolvemento ata a parte final do século XIX, cando tivo lugar o descubrimento do mundo dos microbios. Científicos como Louis Pasteur e Robert Koch centraron o estudo das enfermidades no contaxio de microorganismos, o que levou a unha aplicación e extensión do uso de vacinas baseadas en microbios debilitados artificialmente que permiten ao noso sistema inmunitario estar preparado para posteriores infeccións.
Rodríguez xornalista e próximo a Fernández Latorre
Neses anos José Rodríguez combinaba o seu labor sanitario co traballo como redactor en La Voz de Galicia. Lembremos que este xornal xurdira como voceiro do Partido Republicano Progresista
Neses anos José Rodríguez combinaba o seu labor sanitario co traballo como redactor en La Voz de Galicia. Lembremos que este xornal, que deu os seus primeiros pasos en xaneiro do mesmo ano no que o médico creara o seu centro de vacinación, xurdira como voceiro do Partido Republicano Progresista de Manuel Ruiz Zorrilla da man de tres militantes desa organización. Dous comerciantes de éxito, Antonio Prieto Puga e José Martínez Pérez, e Juan Fernández Latorre, quen ocupou a dirección pola súa relación coa prensa. Entrara no xornalismo desde o activismo político e formara parte dun grupo liderado por José Carvajal Hué, quen fora ministro na I República. Rodríguez mantiña nese tempo unha estreita relación persoal, profesional e política con Latorre. De feito, cando este casara en outubro de 1884 o médico actuou como testemuña, en representación de Carbajal.
Epidemia en Valencia
En setembro de 1884 a temible epidemia de cólera chegara a España provocando uns 500 mortos. Reapareceu en marzo de 1885 en Xátiva (Valencia), espallouse pola provincia e as limítrofes, causando numerosas vítimas
En setembro de 1884 a temible epidemia de cólera chegara a España provocando uns 500 mortos. Reapareceu en marzo de 1885 en Xátiva (Valencia), espallouse pola provincia e as limítrofes, causando numerosas vítimas. Robert Koch illara o microbio causante do cólera, a bacteria Vibrio cholerae, en xaneiro de 1884 o que levou á carreira por obter unha vacina eficaz, sendo o salientable médico catalán Jaume Ferrán o primeiro en elaborar unha. Con ela presentouse en Valencia, co ánimo de contribuír a deter a epidemia, se ben a vacina estaba nunha fase experimental e os resultados xeraron polémica; o propio Santiago Ramón y Cajal –catedrático na Universidade de Valencia nese momento– estaba en desacordo. Pasarían décadas ata que a contribución de Ferrán acadara recoñecemento.
Meses intensos e diversos movementos
A preocupación polo cólera estivo presente na Coruña na primavera e verán dese ano 1885 e os xornais recollían múltiples novas sobre o tema. As autoridades municipais estableceron diversas medidas preventivas, como a prohibición da venda de “mariscos y ostras” ou a preparación dunhas 50 camas para os posibles afectados pola epidemia. Á tensión provocada pola crise sanitaria sumouse, desde primeiros de maio, a xerada pola celebración das eleccións municipais. Nun contexto político xeral de recomposición, no sistema da Restauración, do republicanismo, que permanecía fragmentado e enfrontado desde a fin do Sexenio democrático. A nivel local, as disputas entre “fusionistas” (do Partido Liberal de Sagasta), republicanos federais e os republicanos de Zorrilla, e os seus respectivos xornais, eran continuas e intensas. Nese panorama, alguén que xogaría un notable papel na política galega e española, o compostelán Eugenio Montero Ríos, quen creara Izquierda Dinástica en 1882, achegábase ao Partido Liberal.
A preocupación polo cólera estivo presente na Coruña na primavera e verán dese ano 1885. As autoridades municipais estableceron diversas medidas preventivas, como a prohibición da venda de “mariscos y ostras” ou a preparación dunhas 50 camas para os posibles afectados pola epidemia
O director de La Voz de Galicia presentouse ás eleccións para concelleiro en nome do seu partido para representar o distrito de Santa Lucia e acusou ao Alcalde, Alejandro Brandao, de andar polo –daquela– popular barrio “de taberna en taberna apernando (sic) votos para los candidatos fusionistas”. Asemade, Latorre tivo unha dura disputa con Juan Mesa González, concelleiro liberal-fusionista, que puido rematar en duelo, unha acción prohibida pero que aínda se practicaba ás agachadas de cando en vez. Se non chegou a ter lugar, preto estivo, pois Augusto Cañizo e o noso médico Rodríguez foron escollidos por Latorre como padriños seus e acudiron a casa de Mesa para falar cos representantes deste. O detalle confirma, unha vez máis, a proximidade do médico –nese tempo– co director do xornal. Fernández Latorre non saíu elixido (nin en maio nin na repetición do proceso electoral en xullo), pero a cousa non rematou aí. Considerouse “gañador moral” e seguiu acusando a Evaristo Babé, tenente de alcalde, e ao Alcalde, de irregularidades, mentres –por outra banda– recibía numerosas críticas aludindo á súa soberbia.
Se a vida do director dun destacado xornal herculino non era aburrida, tamén ese verán de 1885 resultaría ben movido para dúas importantes figuras locais, as persoas de maior relevancia nos ámbitos científico e literario. Vítor López Seoane levaba anos seleccionando taxons, grupos de animais, nos que fose máis factible obter novidades, novas especies, para publicalas. Ese verán de 1885 o naturalista tomaría unha decisión transcendente: comezar a remitir a algúns colegas unha nova publicación sobre herpetos (anfibios e réptiles): Identidad de Lacerta schreiberi (Bedriaga) y Lacerta viridis var. gadovi (Boulenger) e investigaciones herpetológicas de Galicia. Un folleto que figuraba, na edición, como rematado en novembro de 1884 malia que –realmente– non se acabara de redactar ata ben avanzado 1885. A fraude estaba en marcha, o cambio de data aseguráballe a Seoane a prioridade científica sobre outros colegas.
No mundo literario o verán contemplou a volta a Coruña de Emilia Pardo Bazán dunha homenaxe en Madrid. A escritora herculina comezara a súa proxección fóra de Galicia nos anos anteriores, con publicacións como La cuestión palpitante e La Tribuna e a fins de maio dese 1885 saíra á venda un novo libro, El cisne de Vilamorta. Os tres, Latorre, Seoane e Pardo Bazán estiveran na reunión fundacional de Folk-lore Gallego o 29 de decembro de 1883. Esa entidade, presidida por Pardo Bazán, celebraría unha reunión no Consulado o 15 de xullo do activo verán de 1885.
Rodríguez a Valencia
José Rodríguez deu unha boa mostra do seu compromiso coa saúde pública cando decidiu asistir como médico voluntario á epidemia de cólera de Valencia, onde permaneceu uns dous meses e medio. Marchou o 10 de xuño como correspondente para o xornal no que traballaba, La Voz de Galicia, e semella que levaba tamén a representación da Academia de Medicina de Galicia e Asturias; o seu obxectivo era axudar aos sanitarios e estudar a enfermidade
José Rodríguez deu unha boa mostra do seu compromiso coa saúde pública cando decidiu asistir como médico voluntario á epidemia de cólera de Valencia, onde permaneceu uns dous meses e medio. Marchou o 10 de xuño como correspondente para o xornal no que traballaba, La Voz de Galicia, e semella que levaba tamén a representación da Academia de Medicina de Galicia e Asturias; o seu obxectivo era axudar aos sanitarios e estudar a enfermidade. O altruísmo, solidariedade e sentido social do médico de Monelos foi unha característica da súa biografía profesional pero tamén doutros colegas do seu tempo. Pensemos en Ramón Pérez Costales, quen sería amigo e mecenas do Pablo Picasso coruñés, o médico municipal Manuel Barbeito Segovía ou, en Ferrol, Santiago de la Iglesia.
Nas numerosas crónicas que remitiu Rodríguez para o seu xornal describiu múltiples aspectos do impacto do epidemia, accións cidadáns e medidas terapéuticas. As primeiras, correspondentes a escritos de 12 e 13 de xuño, foron publicadas o 19 dese mes. No escrito que enviou o 20 de xuño, que el mesmo denominou –acertadamente– “carta-mosaico”, mesturaba cousas ben diversas. Explicaba o seu paso por Madrid, onde un dentista lle extraera un dente san, incluía saúdos de persoas de Valencia, observacións variadas, opinións, datos de afectados e vacinados, etc. Na lista que comunica de poboacións afectadas pola epidemia aparecen nomes que agora, co da DINA, cobraron triste fama, como os de Alfafar e Paiporta.
En días sucesivos constataba o avance da epidemia (“el cólera aumenta, los casos en su mayor número son fulminantes”), criticaba a xestión do Goberno e non deixaba de expresar os seus ideais: “Nadie me puede hacer olvidar mi única religión: la religión de la ciencia y la humanidad”. En todo caso, estaba ocupado en múltiples tarefas: “viendo coléricos gravisimos que caen en la calle a impulsos del terrible azote, asistiendo al hospital, a la autopsia, al lazareto, al laboratorio...¡claro que no me queda tiempo para ordenar la caótica masa de tantas y tan distintas impresiones!”.
Homenaxe en Valencia ao médico solidario
O exemplar comportamento do médico de Monelos fixo que o Goberno lle concedera a Gran Cruz da Beneficencia. Ademais, en Valencia, Rodríguez e o seu colega Manuel Romera Otal foron obxecto de varias homenaxes
O exemplar comportamento do médico de Monelos fixo que o Goberno lle concedera a Gran Cruz da Beneficencia. Ademais, en Valencia, Rodríguez e o seu colega Manuel Romera Otal foron obxecto de varias homenaxes, como a do “Ateneo-Casino Obrero”. Asemade, o Concello da cidade do Turia declarounos, por petición de numerosas entidades, “fillos adoptivos”, xa que “los servicios que dichos médicos prestaron a Valencia, no podrá ésta olvidarlos nunca”, subliñando o “generoso esfuerzo de los intrépidos facultativos que tantos coléricos salvaron de la muerte y que tanta miseria aliviaron”.
O folleto que o Concello levantino publicou en 1886, El cólera en Valencia en 1885, permítenos coñecer importantes detalles da entrega de Rodríguez e Romera: “Así como algunos médicos huían o se negaban á visitar coléricos, ellos abrieron una lista para la asistencia gratuita e inmediatamente que se les daba aviso de una invasión, presentábanse en casa del enfermo, prodigaban a éste toda clase de cuidados, y si era preciso no lo abandonaban hasta haber conseguido que se iniciase la reacción (...) abrieron en la fonda [na que se aloxaban] una lista de suscrición, producto de la cual fueron las cuantiosas limosnas que repartieron á los coléricos pobres. Todo esto lo hacían sin estrépito de ningún género”.
Recibimento na Coruña, un baño de multitudes
A mellora da situación médica en terras levantinas na parte final de xullo levou a que a comezos de agosto xa se falara da volta de Rodríguez e dos diferentes recoñecementos públicos a realizar en Coruña polo seu desinteresado labor. Era a figura do momento e na cidade herculina xurdiron numerosas iniciativas para homenaxealo
A mellora da situación médica en terras levantinas na parte final de xullo levou a que a comezos de agosto xa se falara da volta de Rodríguez e dos diferentes recoñecementos públicos a realizar en Coruña polo seu desinteresado labor. Era a figura do momento e na cidade herculina xurdiron numerosas iniciativas –de moi diferentes entidades– para homenaxealo. Así, por exemplo, creouse unha comisión, presidida por Juan Montero Talinge, que encargou unha coroa para “el héroe de Valencia” e os médicos da cidade acordaron realizar un recibimento especial ao seu distinguido colega, ofrecéndolle “un espléndido lunch” e un pergamiño asinado por todos os facultativos herculinos.
A Coruña chegou en tren o venres 21 de agosto e a recepción tivo características propias do recibimento a un heroe. Xa no camiño, en diferentes paradas, en Monforte, en Lugo e no Burgo, distintos persoeiros pasaron a saudalo. Foguetes lanzados desde o concello de Oza celebraron a chegada do seu célebre fillo, que sobre as 5 do serán pasou na comitiva de coches que o acompañaban pola ponte de Monelos, onde oito nenas saíron ao seu paso para ofrecerlle unha coroa de flores. Polo barrio de Santa Lucia transitou ás cinco e media, onde contemplou o arco de flores no que figuraban estas palabras: “Al humanitario médico el Sr. Rodríguez, los vecinos de Santa Lucia”. Non faltaban colgaduras en balcóns, máis foguetes e moita xente na rúa. A caravana chegou ao “Circo de Artesáns”, na rúa de Santo André, onde o agardaba o seu presidente, José Quiroga. Serviuse champaña e repetíronse os berros de “héroe de Valencia”, recibindo Rodríguez numerosos agasallos de persoas e entidades. Rematado o acto, o médico foi acompañado por bastantes persoas ata a súa residencia, onde desde a rúa se lle ofreceu unha serenata.
Homenaxe a Rosalía e a unidade do republicanismo.
O 15 de xullo de 1885 unha triste nova sacudiu Galicia: Rosalía de Castro morreu. O 2 de setembro tivo lugar a seudo-homenaxe a Rosalía de Castro no Teatro Principal con dous salientables protagonistas, Emilio Castelar e Emilia Pardo Bazán
O 15 de xullo de 1885 unha triste nova sacudiu Galicia: Rosalía de Castro morreu. Segundo avanzaba o mes de agosto e os ecos das eleccións locais e da epidemia valenciana perdían presenza nos xornais da Coruña, pasaba a primeiro plano a suposta homenaxe prevista na cidade á grande escritora, que contaría coa presenza de Emilio Castelar. Este coñecido político tamén sería protagonista nas seguintes semanas nun tema de grande actualidade, a posible unidade do republicanismo. Emilia Pardo Bazán participou activamente no deseño do evento “na honra” de Rosalía promovido polo “Circo de Artesáns”, contando coa colaboración do seu marido, José Quiroga, presidente da entidade que convocou o acto. O matrimonio estaba separado como parella pero permanecía moi unido arredor de moitas ideas e intereses1.
A fins de mes chegou a Vigo, de vacacións, Emilio Castelar e xa o 27 José Quiroga, desde a cidade olívica, confirmaba a súa presenza na homenaxe prevista. Durante o mes de agosto acudiron a Vigo salientables republicanos de toda Galicia para falar co ilustre orador sobre unha futura coalición das diversas opcións republicanas. De Santiago foron Alfredo Vilas e Valentín Peña. Tamén o fixo Antonio Prieto Puga, vicepresidente do comité provincial coruñés dos republicanos progresistas e copropietario de La Voz de Galicia. O director dese xornal, Juan Fernández Latorre, mandou un telegrama ao seu medio o 27 de agosto indicando que na visita prevista a Coruña tería lugar un “banquete político” e que o famoso tribuno realizaría “importantes declaraciones”.
Castelar saíu de Vigo cara a cidade herculina o venres 28 de agosto. Pasou o sábado con Ramón Pérez Costales, na casa deste en Palavea, e o domingo tivo un gran recibimento das forzas vivas locais, acudindo pola tarde a unha corrida de touros, acompañado de Quiroga, Fernández Latorre e outros. O luns 31 visitou a Torre de Hércules e o martes 1 asistiu a unha festa na súa honra no pazo de Meirás, ofrecida por Pardo Bazán. Por fin, o 2 de setembro tivo lugar a seudo-homenaxe a Rosalía de Castro no Teatro Principal con dous salientables protagonistas, Emilio Castelar e Emilia Pardo Bazán. O denominado “rey de la palabra” falou moito no evento pero rematado este non daba entregado o texto da súa intervención para a publicación e finalmente a escritora herculina non agardou máis e deu a lume a parte que lle correspondía, dese xeito as súas mensaxes, con enorme carga cultural e política, ficaron ben claras e públicas.
Asentado o sistema da Restauración, establecido o reparto do poder entre o Partido Conservador e o Liberal, sucedéronse, entre algúns dirixentes políticos que procedían do republicanismo, as recolocacións, reflexións e/ou desercións cara ao Partido Liberal
A tan agardada intervención puramente política de Castelar tivo lugar o sábado 5 de setembro na sede do “Circo”. Como indicio do que pasaría, o público, que enchía o local tivo que agardar dúas horas, ata as dez da noite, á chegada do ilustre orador, prevista para as oito da tarde. Ademais, na súa intervención referiuse, sobre todo, á política exterior e non fixo mención específica á unidade republicana. Así, pois, a “declaración de impacto” non tivo lugar, o que debeu decepcionar aos republicanos locais, sobre todo aos seus principais interlocutores, os republicanos progresistas. Tampouco se pronunciou publicamente nos días seguintes. Podemos falar dun auténtico exercicio de “pastoreo” o que practicou o veterano líder cos republicanos galegos. Castelar, que nunha carta remitida a Latorre o 13 de agosto afirmaba que “un solo deseo guía todos mis actos, restaurar la República”, estaba ben distante do proxecto republicano, como demostraban os seus actos e a comunicación privada que mantiña na época e confirmaría a súa posterior traxectoria.
Mentres uns sectores republicanos demandaban unidade outros pasaban ás ringleiras do bipartidismo que mantería a primeira Restauración borbónica. Lembremos como en xuño dese 1885 a Izquierda Dinástica de Montero Ríos se incorporara ao Partido Liberal. Un punto clave do acordo foi a renuncia ao principio da soberanía nacional, aceptando que esta residía nas Cortes, nos deputados como representantes da vontade popular, mais tamén na Coroa, sería un poder compartido. Unha volta atrás para os que defenderan a revolución democrática de 1868. O seguinte paso na condución á “normalidade” do Réxime foi o pacto do Pardo, de novembro de 1885, polo que Cánovas, conservadores, e Sagasta, liberais, acordaron o “turnismo”.
Reorientación das elites
O activo médico retomou a súa profesión na cidade coa vista posta na creación de centros sanitarios de servizos múltiples. Sempre solidario e xeneroso no exercicio da súa profesión, vacinaba de xeito gratuíto ás persoas sen recursos, como tamén facía o seu colega Pérez Costales
Asentado o sistema da Restauración, establecido o reparto do poder entre o Partido Conservador e o Liberal, sucedéronse, entre algúns dirixentes políticos que procedían do republicanismo, as recolocacións, reflexións e/ou desercións cara ao Partido Liberal. Unha delas a de Fernández Latorre, cuxa situación económica mudara en outubro de 1884 cando casou con Teresa Galcerán, viúva e integrante dunha rica familia. Como vimos, en maio de 1885 aínda fora candidato dos republicanos progresistas; en xuño chamaba no seu xornal “transfuga” a Eugenio Montero Ríos por integrar á súa organización, Izquierda Dinástica, no Partido Liberal, e nun editorial do medio que dirixía (7 de xuño), titulado, “Vivamos prevenidos”, defendía a unidade republicana: “Hagámonos [os partidos republicanos] acreedores, por nuestro juicio, como por nuestro indomable tesón, a los favores del tiempo”.
Mais en outubro dese ano Latorre se faría co control do periódico, que deixou de xogar o papel político inicial, voceiro do partido republicano de Ruiz Zorrilla. Cesaron as críticas a Montero Ríos e, posteriormente, o xornalista integraríase no Partido Liberal, establecería unha importante amizade política e persoal con ese líder liberal e nos anos sucesivos ocuparía diversos cargos. Aquel sarxento de Infantería que en 1869 arengaba aos soldados pola República (polo que resultou expulsado do Exército) acabaría como custodio da orde pública –gobernador civil de Madrid– da Monarquía de Alfonso XIII.
Vítor López Seoane estivera a piques de abandonar o seu labor científico nos anos sesenta e vivía como médico interino no Hospital da Mariña en Ferrol cando en outubro de 1869 casou con Francisca Riobóo Álvarez, de familia fidalga, que dispuña de importantes propiedades. O seu status económico e social mudou, deixou a práctica médica e pasou a encargarse da xestión das numerosas propiedades familiares, que compartía coa súa afección, a actividade naturalista, na que cometeu fraude –como comentamos– en 1884 e posteriormente. Acadaría o cumio da súa carreira científica en 1889, cando, en París, figurou como secretario do primeiro Congreso internacional de Zooloxía. Por outra banda, integrouse no Partido Liberal e posteriormente ocupou algúns cargos administrativos na provincia, como –por exemplo– integrante e presidente do Consello provincial de Agricultura, Industria e Comercio ata a súa morte en 1900.
Na liña de preocupación pola saúde pública prestou atención a doenzas que grande impacto social, como a tuberculose, enfermidade que cidade herculina acadaba a cifra de máis de 200 defuncións ao ano, e a gripe, que causou unha importante epidemia en 1918
Emilia Pardo Bazán publicaría despois do axitado verán de 1885 dúas obras de notable impacto, Los Pazos de Ulloa (1886) e La madre naturaleza (1887), continuando posteriormente unha carreira literaria de enorme éxito e múltiples recoñecementos, agás a inxusta e misóxina decisión da Real Academia de la Lengua de non incorporala como académica. A diferencia de Latorre e Seoane o seu casamento con José Quiroga, 1868, non supuxera un cambio significativo de status económico e social, se ben a familia do marido dispuña de propiedades e títulos.
Desas tres destacadas figuras da elite coruñesa Pardo Bazán foi a última en “reorientarse”, de integrarse –de xeito peculiar– no sistema político-social da Restauración. Militante carlista desde a mocidade, partidaria da opción monárquica reaccionaria, en xaneiro de 1888 –con 37 anos– acudiu a Roma para entrevistarse con “Carlos VII”, o pretendente carlista. O líder dun grupo que defendía á familia como entidade de orixe divina, sen opcións para matrimonio civil nin divorcio mais que tivera que ser chamado á orde polo Papa polas súas relacións extra-maritais. O dirixente integrista, que Pardo Bazán denominou “el Deseado del absolutismo”, impresionou á novelista pola súa “majestad varonil”. A escritora volveu da viaxe e deixou a militancia carlista, pero, –como explicou– “no por eso cambié de casaca”, continuaría defendendo toda a súa vida un pensamento político reaccionario. Seguía insistindo na gobernación non por “hombres políticos” (de partidos), senón por “instituciones fuertes y robustas, capaces de hacer una hombrada, si a mano viene”; falaba de ditadura. Alén das intencións da salientable novelista, o certo é que o carlismo levaba perdidas tres guerras, o réxime da Restauración estaba consolidado e resultaba moito máis favorable para a súa traxectoria e intereses familiares pasar da adhesión aos Borbóns integristas á complicidade cos Borbóns “liberais”.
Posterior traxectoria do “médico Rodríguez”
No terreo político Rodríguez seguiu o resto da súa activa vida militando no republicanismo conectado co rexionalismo, foi concelleiro e desenvolveu unha notable actividade publicista. Distanciouse do periódico co que comezara a súa práctica xornalística, entendemos que pola viraxe política do seu director
Á volta do episodio levantino José Rodríguez publicou Valencia-Galicia, estudio práctico acerca del tratamiento más eficaz del cólera morbo asiático, método seguido en la epidemia colérica de Valencia del presente año. O texto foi escrito a fins de agosto e posto á venda o 17 de setembro de 1885. Xunto a diversos comentarios sobre a epidemia, trasladaba recomendacións e fórmulas para aliviar aos enfermos.
O activo médico retomou a súa profesión na cidade coa vista posta na creación de centros sanitarios de servizos múltiples. Sempre solidario e xeneroso no exercicio da súa profesión, vacinaba de xeito gratuíto ás persoas sen recursos, como tamén facía o seu colega Pérez Costales. Na liña de preocupación pola saúde pública prestou atención a doenzas que grande impacto social, como a tuberculose, enfermidade que cidade herculina acadaba a cifra de máis de 200 defuncións ao ano, e a gripe, que causou unha importante epidemia en 1918.
No terreo político Rodríguez seguiu o resto da súa activa vida militando no republicanismo conectado co rexionalismo, foi concelleiro e desenvolveu unha notable actividade publicista. Distanciouse do periódico co que comezara a súa práctica xornalística, entendemos que pola viraxe política do seu director, pero seguiu interesado pola difusión de novas e ideas. Así, creou e colaborou en varios medios escritos, como El esclavo, La Pelea, El Pueblo, El Cardenal, Lectura Popular, La Unión Republicana, El Boliche, etc.
Rodríguez, pois, optou por integrarse na mobilización das clases subalternas, a maioría social marxinada do sistema polas elites que exerceron o poder naquela Restauración da man dos partidos Conservador e Liberal. Mais eses sectores discriminados non permanecerían inactivos; organizáronse arredor do republicanismo, movemento obreiro e os nacionalismos. Así, por exemplo, desde 1890 na Coruña a maioría de concelleiros electos foron republicanos, se ben a presidencia do Concello correspondía a un dos representantes dos dous partidos do réxime (“Alcalde por Real Orden”). Así era de democrática aquela Restauración.
A cidade viviu un episodio histórico en 1893, cando o Ministerio da Guerra pretendeu trasladar a sede da Capitanía Xeral a León. O tema provocou unha gran mobilización popular e institucional, houbo dimisións de numerosos cargos públicos e formouse unha Junta de Defensa oposta ao cambio, que convocou á poboación a un mitin na praza de touros, ao que asistiron unhas 10.000 persoas
A cidade viviu un episodio histórico en 1893, cando o Ministerio da Guerra pretendeu trasladar a sede da Capitanía Xeral a León. O tema provocou unha gran mobilización popular e institucional, houbo dimisións de numerosos cargos públicos e formouse unha Junta de Defensa oposta ao cambio, que convocou á poboación a un mitin na praza de touros, ao que asistiron unhas 10.000 persoas (un coarto da poboación da cidade). En medio de bandos, manifestacións, escritos e mitins a autoridade gobernativa mandou deter aos membros da Junta e moitos foron enviados ao cuartel de Santo Domingo. O republicanismo xogou un papel protagonista nos acontecementos, cos médicos Rodríguez e Pérez Costales na vangarda do mesmo.
O exemplo destes médicos e doutros líderes e a dinámica social e política xerada polos sectores marxinados non resultaron estériles. Favoreceron que persoas que terían un salientable percorrido profesional, nadas arredor de 1885, tiveran unha referencia á hora de incorporarse á vida social. Naquel verán de 1885 veu a luz Roberto Nóvoa Santos, tamén foi o ano do nacemento de José Barbeito Rouco (fillo do médico Manuel Barbeito Segovia), María Barbeito Cerviño o fixera en 1880, Santiago Casares Quiroga en 1884 e Salvador Madariaga en 1886. Todos eles serían socializados nunha contorna crítica co réxime político da Restauración e situarían á República como o seu ideal político.
Rodríguez morreu en 1921. O seu amigo, Emilio Madariaga, irmán de Salvador, realizou un magnífico busto de bronce e o Concello decidiu expoñelo nun lugar público pero iso non se executou ata o 27 de agosto de 1933, en tempos da II República. Hoxe, na praza de Ourense, permanece como merecida homenaxe á memoria dun médico e cidadán exemplar.
Notas
1 Fraga Vázquez, X. A. (2022): A visita a Coruña en 1885 de Emilio Castelar (con Emilia Pardo Bazán e Juan Fernández Latorre ao fondo). Cornide, nº 3: 145-170. https://www.coruna.gal/descarga/1453837193599/Revista-n-3-2022.pdf