Até cando seguiremos marcados pola letra que con sangue entra? Non sei se é por revancha ou porque só acreditamos na permanencia do que aprendemos con dor, que non somos quen de pensar que outros modos son posíbeis.
Non tería sido moito mellor gastar en tres ou catro de visionado de documentais ben seleccionados e algunhas máis de traballo significativo individual e en grupo?
O meu fillo de 13 anos gosta moito da ciencia natural e non precisa gran esforzo para memorizar as 20 páxinas de datos clasificatorios que o separan dun aprobado cumprido, mais á hora de se enfrontar co mesmo número de páxinas dedicadas ás orixes do Islam e ao feudalismo, ateigadas de datas, invasións e sucesións, o conto muda. Como ten boa memoria recente, logra reter na súa cabeza durante un par de días a cantidade suficiente de datos como para seguir na partida mais, pasadomañá, que lembrará? Practicamente nada. É un esforzo tirado pola xanela que o meu fillo percibe como tal.
Poñamos que precisou unhas 15 horas de exercicio memorístico para preparar o exame. Non tería sido moito mellor gastar en tres ou catro de visionado de documentais ben seleccionados e algunhas máis de traballo significativo individual e en grupo?
Ten para alguén sentido que cada hora de aula requira, en boa parte das materias, máis unha hora de memorización na casa? Non para min.
Aprender facendo é divertido, rende máis e perdura de por vida. Por que seguimos a facelo tan mal?
Tería sentido en calquera cultura que poidésemos concibir como equilibrada que os cachorros da tribo dediquen a metade das horas de vixilia á instrución intelectual? Trátase de información relevantes, si, mais supón só unha pequena parte do que precisan aprender para se desenvolver como individuos maduros e autónomos.
Á marxe da tecnoloxía, que non é o punto nesta ocasión, aprender facendo é divertido, rende máis e perdura de por vida. Por que seguimos a facelo tan mal?