O lagarteiro dos Peares

Moitos dos que pensamos que Galiza é a nosa nación e queremos que como tal se recoñeza temos a Feijoo por un descastado que só ve nela un chanzo na súa escalada cara mais altos cumes

Moitos dos que pensamos que Galiza é a nosa nación e queremos que como tal se recoñeza temos a Feijoo por un descastado que só ve nela un chanzo na súa escalada cara mais altos cumes. É un lagarteiro que pousa as patas aquí e a mirada rapaz na infinda terra chá, alén do Padornelo. Ó igual ca o seu mestre don Mariano, Alberte non é deste mundo, só está de paso. Chegará o día que levante voo e deixará para o sitio outro que tal baile. É lei de vida, que lle imos facer. A diferenza deles dous, don Manuel era elefante mais ca paxaro, e mais que marchar veu de volta, cando o escorrentaron a pedradas da cascalleira mesetaria, por vello, feo e testán. Pero os bledines de froita e verduras papados nos socalcos dos Peares fixeron o seu traballo no cativo Alberte e algo conserva da cultura indíxena agora xa de maior: certa resignación indolente fondeada na alma que nos fai parecer despistados, inseguros e ata parvos no peor dos casos. El sábeo ben, como tamén ben sabe utilizar ese coñecemento para a nosa desgraza e para o seu proveito. E ó abeiro desa resignación indolente constrúe Feijoo o seu discurso económico.

Os bledines de froita e verduras papados nos socalcos dos Peares fixeron o seu traballo no cativo Alberte e algo conserva da cultura indíxena agora xa de maior: certa resignación indolente fondeada na alma que nos fai parecer despistados, inseguros e ata parvos no peor dos casos

Un dos piares fundamentais dese discurso é o de “nunca choveu que non escampara”  ou o respecto polo ciclo natural das cousas. Despois na noite ven o día, logo do verán chega o inverno, e todo o que sube remata algún día por baixar.  Porque é lei de vida. Hai uns días, aínda de presidente en funcións, encheu as primeiras páxinas dos xornais asegurando que no 2015 Galiza crearía emprego. Esqueceuse, iso si, de precisar que estaba a ler textualmente o informe da OCDE e non un extenso e sisudo estudo do seu novo conselleiro de Economía. E cal foi a reacción do pobo galego? Pois que lle imos facer, haberá logo que esperar ó 2015 a ver se daquela. E ata daquela que?, sería lóxico preguntar, ou tamén, E logo vostede para que está aí? Pero a resignación non fai preguntas. Ata daquela Deus proverá e eu estou aquí porque alguén ten que estar, respondería el se llo preguntaran.

E cal foi a reacción do pobo galego? Pois que lle imos facer, haberá logo que esperar ó 2015 a ver se daquela. E ata daquela que?, sería lóxico preguntar

É de supor que Rajoy tamén tivo acceso ó informe e se cadra ata leu algúns parágrafos subliñados con fluorescente rosa. E se o Marca e mailo Faro non lle deixaron tempo para ningunha lectura mais, seguro que o Guindos lle mandou un resumo ó móbil. Entón, por que Rajoy non partillou unha rolda de prensa co contacontos Angel Gurría, o director da OCDE, para anunciar urbi et orbe que ata o 2015 paz e despois gloria? Porque o correrían a paus, porque en España non son todos galegos e se lles di que teñen que esperar tres anos mais pola terra prometida igual o mandan para a casa, que para non facer nada mellor non lle pagan a ninguén. Así as cousas, Rajoy saíu ó balcón e dixo que a finais do ano que ven xa colleremos costa arriba. Sabe el cousas que non sabe a OCDE? Non é que o Gurría teña pinta de moito mais listo, pero é que se Rajoy levara un as na manga, Feijoo saberíao e non situaría a recuperación no 2015 podendo anunciala para dous anos antes. Que malo é, pero non tanto.

Día si e día non sae ó balcón e danos conta do ben que levamos o asunto do déficit comparándonos con aqueles que están peor

Outro dos piares fundamentais do seu discurso económico é “hai outros que están peor” ou a relativización da miseria. En calquera manual de autoxuda para ser feliz atopamos este mecanismo de defensa: se queres sentirte ben, compárate cos de abaixo e non cos de arriba. Non se conforma o que non quere, que tamén se podería dicir, e sen gastar un peso. Nesa liña, o presidente Feijoo, unha e outra vez, lémbranos aquelas cousas nas que estamos por riba doutros, obviando aqueloutras nas que estamos por debaixo ou xa nin estamos. E unha das súas teimas recorrentes é o mantemento das cifras do déficit. Día si e día non sae ó balcón e danos conta do ben que levamos o asunto do déficit comparándonos con aqueles que están peor. E logo por que é cousa tan boa e inescusable controlar o déficit ese? Homepordeus, porque non podemos gastar mais do que ingresamos, iso é de primeiro da ESO. E logo o que non ingrese nada non poderá gastar nada? Equilicuá, cae de caixón. Xa, pero se non gasta nada para min que morre. Seguramente, pero é lei de vida, uns van antes e outros despois, pero aquí ninguén vai quedar. Aquí só estamos de paso. E Galiza é, mais que nada, unha terra de paso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.