O legado de Iraq

Unha década despois da ilegal intervención militar en Iraq dirixida polo ex presidente George W. Bush e os seus aliados internacionais, o legado máis palpable que nos deixa o Iraq da posguerra é a dun país sen perspectivas, cun sistema político debilitado polas constantes loitas sectarias, desarticulado no seu tecido social,  institucional e de infraestruturas e notoriamente esquecido da atención internacional, incluso se tomamos en conta o contexto da Primavera árabe e a inminente retirada militar estadounidense pautada para 2014.

Non sería descartable considerar que o novo Iraq deseñado polas ambicións de Bush e do seu equipo apunta a configurar os parámetros dun Estado fracasado. Obviamente, esta perspectiva deslexitima calquera percepción relativa ao “oasis de democracia e estabilidade” que prometeu o propio Bush tras finalizar a guerra de 2003. Polo contrario, o caos do Iraq post-Saddam e, particularmente, a súa cruenta guerra entre comunidades étnicas e relixiosas, particularmente cruenta no período 2006-2008 con mais de 150.000 civís mortos, contribuíu a desestabilizar un Oriente Próximo actualmente sacudido polos embates da post-Primavera árabe e dun pulso xeopolítico identificado coas presións contra o programa nuclear iraniano.

Tanto como o Afganistán post-Talibán a partir de 2001, o Iraq actual supón a tráxica herdanza que o neoconservadurismo de Bush legou a un mundo post-11/S mais preocupado pola crise económica e financeira, curiosamente outro dos dramáticos legados dese modelo económico defendido e impulsado desde os anos de poder de Ronald Reagan e pola propia dinastía Bush trala desintegración da ex URSS.

 

O descrédito estadounidense

Un legado claramente identificado nas ambicións por construír unha nova orde internacional deseñado a partir da ruptura da legalidade existente (principalmente dentro da ONU), da polarización global e da conxunción dunha hexemonía estadounidense fraguada nunha doutrina neoimperial confeccionada pola New American Century Foundation, auténtico think tank de cabeceira do ex presidente Bush e dos seus principais colaboradores Dick Cheney e Donald Rumsfeld.

O resultado de todo isto foi un notorio e irreparable dano ao sistema internacional da denominada posguerra fría, perceptible principalmente na incapacidade, entre outros, da ONU e da Unión Europea para frear estas ambicións neoimperiais. Así, Bush asestou o descrédito e a perda de lexitimidade de EUA  a nivel mundial unha vez se determinara a inexistencia das armas de destrución masiva que presuntamente albergaba o réxime de Saddam, razón esgrimida para xustificar esta ilegal invasión militar.

Así e todo, e pautada a retirada militar estadounidense para 2014, albíscase un panorama escuro para un Iraq cada vez mais abandonado a súa sorte. De igual modo que o réxime de Hamid Karzai en Afganistán, o goberno do primeiro ministro Nourri al Maliki depende excesivamente da tutela de Washington, sen capacidade de garantir unha mínima gobernabilidade cando, precisamente, o Estado iraquí post-Saddam carece da infraestrutura necesaria para ser operativo. Desafiuzada pola ilegal intervención militar de 2003, o Iraq da posguerra deixa a sensación dunha falacia de transición democrática, ameazada constantemente polas rivalidades sectarias e a pesada herdanza de décadas de tiranía do réxime de Saddam e do partido Ba´ath.

 

A Primavera veu por outro lado

A posguerra iraquí tamén ilustra a falacia do rimbombante proxecto de Bush de construír o Gran Oriente Próximo. As consecuencias foron, por tanto, absolutamente diverxentes e contraproducentes co respecto a este proxecto imperial.

Tres son as claves principais que certifican esta realidade. O primeiro, a perspectiva de desintegración estatal de facto do Iraq actual. Un caso notorio corresponde ao grao de autonomía e semi-independencia da República do Curdistán ao norte do país, o cal transita polo seu camiño dentro dun contexto rexional sumamente inestable, principalmente pola guerra civil e as ambicións exteriores na veciña Siria e ante a presión dunha Turquía temerosa de observar un Curdistán independente.

En segundo lugar, e como efecto curiosamente contraproducente da ilegal invasión militar de 2003 e das ambicións neoimperiais de Bush, o caos iraquí de posguerra observou o fortalecemento do peso xeopolítico de Irán, o rival e inimigo de EUA e de Israel, cuxa capacidade de influencia a través da numerosa comunidade xiíta en Iraq permitiu fraguar certo nivel de estabilidade na posguerra iraquí.

Finalmente, a inesperada Primavera árabe que espallou pola rexión dende 2011 supón, de igual xeito, a resposta das sociedades árabes contra a constante intromisión occidental, así como as lexítimas demandas por construír unha democracia propia e autóctona, sen imposicións dende o exterior e moito menos a través da ruptura da legalidade internacional.

Unha rebelión popular que acabou con réximes aliados de Washington e Tel Aviv como os de Mubarak en Exipto e Ben Alí en Tunisia, así como o de Gadafi en Libia. Precisamente, Washington reproduce actualmente en Libia os mesmos erros cometidos anteriormente en Afganistán e Iraq. Ó mesmo tempo, a Primavera árabe conduciu a un leve e inédito distanciamento de actores estratéxicos como Exipto e Turquía co respecto a Occidente e Israel; e finalmente colocou como actor protagonista destes cambios aos “temidos” partidos islamitas, incluso revitalizando algunhas opcións extremistas e radicais afiliadas ou non á rede Al Qaeda.

Unha década despois, a radiografía iraquí aduce dun país practicamente sen ilusión nin perspectivas de progreso a futuro, unha realidade determinada polo caótico legado de Bush nun contexto rexional sumamente inestable e volátil. Washington non pode ocultar un desastre que nin sequera pode verse reivindicado pola desaparición de Osama bin Laden, pola perda de esfera de influencia de Al Qaeda ou incluso ante a caída de réximes incómodos aos seus intereses, como o de Gadafi en Libia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.