A decisión do presidente francés François Hollande de impulsar voos de recoñecemento contra posicións do Estado Islámico en Siria, nun momento en que a diplomacia europea acelera os mecanismos de apertura con Irán, revela a reactiva e inoperante estratexia occidental por marcar pautas de actuación nun conflito, o de Siria, que comeza a ser moralmente incómodo polas súas repercusións rexionais e, particularmente, ante o drama humanitario derivado da masificación de refuxiados sirios cara Europa, simbolizada na fatal imaxe do neno Aylan Kurdi. A través dunha acción militar punitiva contra os yihadistas, Occidente tenta preventivamente exculpar a súa responsabilidade pola desfeita causada en Oriente Próximo dende a guerra de Iraq (2003) ó mesmo tempo que colateralmente adoptaría políticas de freo á inmigración de refuxiados sirios, actuando desta vez no terreo. Con todo, as consecuencias desta estratexia son tan incertas como errática semella ser unha decisión a todas luces reactiva e intempestiva.
Nun momento en que os gobernos europeos, por evidente instigación alemá, asisten a un inverosímil espectáculo de reparto de cotas de refuxiados sirios, a decisión francesa de actuar no terreo contra o Estado Islámico retrotrae todo tipo de dilemas de fondo, en particular daquel establecido a comezos da guerra siria en 2011, relativo a decidir que facer co réxime de Bashar al Asad. Damasco supón un incómodo actor para os intereses occidentais, en particular pola súa estratéxica alianza con Teherán, ampliada polo apoio ruso e chinés, principalmente dentro do Consello de Seguridade da ONU, que evitaría calquera intervención exterior en Siria.
A utilización de drones de recoñecemento para verificar as posicións do Estado Islámico en Siria, revelada por Hollande durante a súa recente alocución televisiva, define a adopción dunha fase acelerada destinada a derrubar aos yihadistas sirios como medida moral de exculpación. Unha operación claramente deseñada dende Washington, preventivamente adoptada pola OTAN, e cuxa perspectiva igualmente implicaría atender as preocupacións sauditas e qatarís, en particular pola persistencia do Estado Islámico como un incómodo actor xeopolítico rexional.
Neste sentido, a operación punitiva occidental contra o EI definiría igualmente un bálsamo moral de exculpación para Riad e Doha por ser anteriormente benefactores dos yihadistas sirios na súa pretensión por acabar co réxime de al Asad. No fondo está principalmente observar o grao de incidencia que tería a apertura occidental cara Irán, tradicional rival das “petromonarquías” do Golfo Pérsico, e como Teherán sairía beneficiado da actual estratexia occidental contra o EI.
Por tanto, admitir a necesidade de “axudar” ao réxime de Bashar al Asad contra o Estado Islámico implica inevitablemente para Occidente e os seus aliados un cambio de política cara Teherán. Un exemplo paradigmático desta estratexia evidenciouse coas declaracións que dende Teherán realizou esta semana o ministro español de Exteriores, García-Margallo, de recoñecer ao presidente al Asad como a “única autoridade lexítima” en Damasco, a tenor da súa representatividade ante a ONU.
Desarticulando a súa actitude indiferente cara o drama sirio, este reactivo proceso de “reaxuste” nas relacións occidentais con Damasco motivado pola incomodidade causada en Europa ante a masificación do drama humanitario dos refuxiados sirios, determinará un vértice chave para a estratexia occidental de tender pontes con Teherán. Unha estratexia impulsada e definida desde 2009 polo presidente estadounidense Barack Obama, consolidada tralo acordo nuclear co G5+1 de xullo pasado en Viena.
Para Occidente resulta vital a apertura dun apetecido mercado enerxético como o iraniano, traducida en toda serie de investimentos e na pretensión por readmitir a Teherán no mercado petroleiro a partir de 2016, unha vez finalicen oficialmente as sancións internacionais polo programa nuclear iraniano. Así, o cálculo occidental cífrase en distanciar ao país persa da súa tradicional alianza con Rusia e China, asestando así un golpe xeopolítico para Moscova e Beijing, tomando en conta os recentes problemas económicos de ambos países, traducido na caída dos prezos petroleiros e das depreciacións da moeda chinesa.
Neste sentido, o presidente ruso Vladimir Putin analizou as variables deste cálculo occidental durante unha reunión a semana pasada en Beijing co seu homólogo venezolano Nicolás Maduro, orientada a revitalizar a OPEP ante as perspectivas de regreso iraniano ao mercado enerxético internacional, particularmente pola posibilidade dunha maior caída dos prezos de cru auspiciados pola sobreoferta no mercado.
Por tanto, esta estratexia de atacar decisivamente ao Estado Islámico nun momento de apertura con Irán determinaría a EUA e Europa asegurar a cada vez mais imperiosa necesidade de manter a estabilidade en Damasco, sexa incluso baixo o réxime de Bashar al Asad no poder, agora en termos de suxección e dependencia. Con isto, Occidente tentaría evitar reproducir en Siria (ou mais ben intensificar) un caos similar ao acaecido na Libia post-Gadafi desde 2011.
Esta estratexia iría acorde cos intereses saudita e qatarí, antano benefactores do Estado Islámico pero agora temerosos de verse prexudicados pola apertura occidental con Irán. Do mesmo xeito, unha política punitiva contra o EI significaría moderar, cando menos colateralmente, a presión dunha opinión pública internacional que acusa a Riad e Doha de indolencia ante o drama dos refuxiados sirios, ao non permitir políticas de acollida e asilo nos seus países1.
Esta mesma presión internacional de acoller refuxiados sirios medra cada vez mais cara países como EUA e Canadá, cuxa responsabilidade é igualmente palpable na traxedia que vive Oriente Próximo. Polo contrario, outros países como Brasil, Arxentina, Uruguai e Venezuela xa anunciaron publicamente a súa vontade de recibir refuxiados sirios, en gran medida motorizados pola masiva presenza de inmigración árabe neses países latinoamericanos, particularmente de orixe sirio e libanés.
Pero no fondo, de forma reactiva e intempestiva, Occidente define un cálculo xeopolítico cuxa única realidade ven constatada pola súa incapacidade para reverter unha crise humanitaria inevitablemente causada polos seus erros. Unha traxedia da que non poden decatarse nin o desaparecido Aylán nin os milleiros de refuxiados que escapan do terror, vítimas colaterais dunha estratexia na que son utilizados como meras moedas de cambio.
1- Se ben ofreceron fondos de financiamento a favor dos refuxiados sirios a través de organizacións caritativas, as monarquías de Arabia Saudita, Qatar, Bahrein, Emiratos Árabes Unidos e Kuwait non permiten a entrada nos seus países de refuxiados sirios baixo o pretexto de evitar a entrada de elementos presuntamente radicais ou yihadistas (facendo así causa común coa posición oficial do Estado de Israel) así como polos temores de reproducir loitas relixiosas sectarias (sunnita, xiítas, alevís) nos seus territorios e, principalmente, ante as expectativas de alteración substancial do mapa demográfico neses países, tradicionalmente receptoras de man de obra barata estranxeira pero na que as súas respectivas poboacións nacionais a penas supera a franxa do 10-20% da poboación total. Con todo, a negativa de Qatar de permitir a entrada de refuxiados sirios contrasta, por exemplo, coa súa recente decisión de enviar tropas á veciña Iemen para axudar ás comunidades sunnitas que loitan contra as milicias houtíes, tradicionalmente apoiadas por Teherán, en particular dentro do actual conflito sectario iemenita.