Estou parado nunha rúa de Vigo. Un home de media idade dime ao pasar ao meu carón: “Si seguimos molestando al Islam nos van a poner a todos un petardo en el culo”. Así, tal e como o reproduzo. Era a mañá dun sábado, ao pouco do atentado contra a revista Charlie Hebdo. Parara na beira rúa para botar unha ollada rápida ao exemplar de El Jueves que acababa de mercar, dedicado á revista francesa. A portada na que se simulaban pingas de sangue correndo polo papel, rezaba: “Armas del siglo XXI, cerebros medievales, socorro!!”.
A frase pronunciada significa algo. Significa que a barbarie consigue o seu obxectivo: mete o medo no corpo, e o medo condiciona o que facemos e, sobre todo, o que imos deixar de facer
Estou convencido que as anécdotas non se poden converter en categorías, pero esa afirmación, berrada ao ar por un camiñante descoñecido, serve para reflexionar sobre os efectos da barbarie nas persoas e nas comunidades.
A frase pronunciada significa algo. Significa que a barbarie consigue o seu obxectivo: mete o medo no corpo, e o medo condiciona o que facemos e, sobre todo, o que imos deixar de facer. O medo, tal e como saben os réximes totalitarios, de Stalin a Pol Pot, de Hitler a Pinochet, é a máis poderosa ferramenta de dominación. O atentado de París segou a vida dun puñado de inocentes, pero sobre todo tivo, ten e terá, un efecto en cascada sobre os comportamentos: Trala reacción inicial de apoio ás vítimas, un festival de cine en Bélxica foi suspendido por medo. Estes días sabemos que Charlie Hebdo atrasa sen data a publicación do seu próximo número. O medo está aí, sen dúbida conseguiron o seu obxectivo. As propias sociedades instauran por medo condutas e condicionan as normas de comportamento. “As vítimas fixeron algo mal... non fagamos nós o mesmo” dinos unha voceciña no noso interior. “Non queremos problemas, hai cousas que non teñen a importancia que lle damos...”.
A afirmación tamén nos leva a formularnos unha pregunta. Que significa molestar ao Islam?. Sendo algo máis preciso, que significa molestar ao fundamentalismo islámico, ou en xeral ás correntes totalitarias relixiosas, sexan cristiáns, xudías, hindús ou de calquera outra relixión?. Centrarse no extremismo musulmán xustifícase porque este é o que ten, nestes momentos, unha maior amplitude a nivel territorial, o que inflúe na vida de máis persoas (ao abarcar Europa, Asia e África), e tamén por ser o que ten acadado o maior nivel de irracionalidade nos seus posicionamentos ideolóxicos e nas súas accións. E desgraciadamente o fundamentalismo islámico, nas súas diversas versións e intensidades, é a liña hexemónica no mundo musulmán, non porque os seus preceptos sexan aceptados por unha maioría dos crentes que o conforman, senón porque os fundamentalistas son capaces de impoñelos a través do terror.
Molestar ao fundamentalismo islámico é simplemente non pensar como eles. Nin máis nin menos. Non é preciso debuxar ao profeta en ton de mofa nunha revista satírica
Molestar ao fundamentalismo islámico é simplemente non pensar como eles. Nin máis nin menos. Non é preciso debuxar ao profeta en ton de mofa nunha revista satírica. Non é preciso zapatear polo chan o seu libro sagrado, ou escribir unha novela que cuestione os fundamentos da súa fe. Escoitar música “occidental” é unha blasfemia. Beber alcohol, comer porco, bailar, ir ao cine, non deixarse barba, bicarse en público... No caso dunha muller andar coa cabeza descuberta, vestir de forma “provocativa”, conducir, pasear sen estar acompañada dun familiar masculino... Pensar que todos somos iguais... E isto non é unha caricatura. Nas versións “civilizadas”, xa institucionalizadas, existe policía relixiosa que obriga a que as condutas de todos e todas se manteñan dentro dos estritos canons que consideran lícito: falamos de Arabia Saudí, falamos de Malaisia...
Hai uns días, extremistas sunís atentaban contra unha mesquita chii en Pakistán e deixaban máis de 60 mortos. Para os sunís, os chiis son tamén infieis e branco do seu odio. Molestan ao “seu” Islam
Hai uns días, extremistas sunís atentaban contra unha mesquita chii en Pakistán e deixaban máis de 60 mortos. Para os sunís, os chiis son tamén infieis e branco do seu odio. Molestan ao “seu” Islam. Aínda que as diferenzas entre uns e outros son moito menores que as existentes entre a visión do cristianismo dun protestante e dun católico. Si nos remontamos unhas semanas máis atrás, tamén en Pakistán, os talibáns asasinaban a máis de 150 persoas, a maioría nenos e nenas, que molestaran ao “seu” Islam: o seu comportamento blasfemo merecedor de ser asasinados, era o de estudar... En Nixeria, os cristiáns son asasinados por ser cristiáns. O seu delito é grave dabondo: non profesar a fe dos seus asasinos. En Tombuctú as bibliotecas históricas son arrasadas porque son blasfemas, porque atentan contra algún dos seus principios... Non valen as explicacións de que os fundamentalistas odian Occidente e os seus valores pola razón de que os nosos gobernos apoian a Israel, xa que os campesiños nixerianos seguro que non teñen moito que ver co tema e seguro que as mulleres violadas en Irak por ser doutra corrente islámica, tampouco.
A mente dun fundamentalista non entende de negociación, non entende de consenso, non entende de pacto, non entende da riqueza da diferenza, non entende da mestizaxe de culturas... non entende de respecto
Ante a presión integrista non caben concesións. A mente dun fundamentalista non entende de negociación, non entende de consenso, non entende de pacto, non entende da riqueza da diferenza, non entende da mestizaxe de culturas... non entende de respecto. A súa meta é simple: vencer, dominar, impoñer o seu criterio, a súa Verdade... sen que no seu sistema de valores exista nin a compaixón nin a tolerancia para aqueles e aquelas que non se dobreguen. Son os extremistas relixiosos de hoxe, como o foron os de onte, os que levan a famosa afirmación de Maquiavelo “O fin xustifica os medios” ás consecuencias máis extremas. O fundamentalismo ten un arma poderosa ao seu servizo: a determinación. A determinación inquebrantable en conseguir os seus obxectivos que emana de crerse un instrumento divino, de crerse a man e o puño do todopoderoso, que pode e debe impoñer a súa vontade. Fronte a esa determinación nós temos un arma máis poderosa: a de opoñerlle a nosa propia determinación por manter en alto o facho dos valores que a Revolución Francesa sintetizou en tres palabras: “Liberdade, Igualdade, Fraternidade”. E a solidariedade.
Nós debemos ser todos eles e todas elas. Porque na súa liberdade está a nosa
Eu son Charlie Hebdo. Eu son un campesiño cristián nixeriano. Eu son unha muller iazidi irakí. Eu son unha escolar pakistaní que quere aprender a ler. Eu son unha moza pastun que quere facer a súa vida con quen o seu corazón lle dite. Nós debemos ser todos eles e todas elas. Porque na súa liberdade está a nosa.