O mérito é de Podemos

A horas que de que se faga público o estudo do CIS máis anunciado da historia, enquisas menos potentes pero suficientemente válidas sitúan xa a Podemos como a primeira opción política entre os electores españois, tanto en intención directa como cociñada. Exexetas e sabios de todo o mundo lanzáronse a analizar este ascenso irresistible en termos alarmados e preocupantes, coma se estivesen a explicar a epidemia do ébola.

É porque saen moito na televisión e sábeno aproveitar, sosteñen algúns concedendo aos medios tanto poder como estupidez á audiencia. É porque lle din á xente aquilo que quere escoitar, argumentan outros coma se as restantes forzas políticas se dedicaran a dicir sempre a verdade por dolorosa que resulte. Débese á ira cidadá pola corrupción, apuntan outros dando a entender que o votante desenganado se comporta como un amante resentido; non pensa o que fai, igual tírase á bebida, que á droga, que se fai cartuxo, que vota a Podemos.

En política a explicación máis sinxela adoita ser a boa. Igual que a inacción de Rajoy se debe á súa fe absoluta en que aos seus votantes o que de verdade lles importa é a economía, o ascenso de Podemos ben podería deberse en gran medida á calidade da súa oferta e aos acertos da súa estratexia.

Podemos acertou a construír un marco interpretativo alternativo para entender a realidade que levamos ollando abraiados desde que comezou este engano masivo ao que chaman crise. No seu relato, a crise non é culpa nosa, senón das mesmas elites que primeiro a provocaron e agora se benefician. A política e os gobernos non só non o evitaron, senón que se volveron cómplices en mans dunha caste de políticos corruptos. A rexeneración é a saída e a elección xa non é entre dereita e esquerda, senón entre o novo e o vello. Cada día que pasa, ese relato parece compartido por máis xente e parece explicar mellor o que está a pasar.

As enquisas que imos coñecendo efectuáronse durante as semanas negras dos cartóns black e a operación Púnica. Pero tamén foron as semanas durante as que Podemos definiu o seu modelo de partido entre prognósticos interesados de crises e fractura, evitou a trampa mortal das municipais, puxo en marcha as súas propias primarias e aumentou espectacularmente os seus militantes. Algo deberon de facer ben uns e mal outros para que se premie a Podemos e se castigue a todos os demais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.