O milagre de Pedro Sánchez segundo El País

El País é un xornal que no seu itinerario rematou desembocando no ámbito das dereitas (ou da caste) pero tivo a desvantaxe de chegar un pouco tarde cando  unha morea de diarios como El Mundo, ABC, La Razón e outros tiñan acaparado o espazo de lectores deste sector como o Partido Popular e afíns, e polo tanto  quedábase sen público. A progresía socialdemócrata que encaixaba no seu ideario, eran fundamentalmente os seus lectores e polo tanto era o factotum do PSOE co seu poderío. Porén, na nova transformación ideolóxica do xornal por claras razóns económicas fixo que mudara ese ideario por outro máis proclive a unirse na defensa sen concesións do neoliberalismo como todos os demais, de xeito que mesmo co PSOE comezou a dar unha de cal e outra de area, pero claro en definitiva soamente quedábanlle estes lectores se quería seguir sobrevivindo, de xeito que a súa desaparición significaría a desaparición do diario, polo que o bipartidismo PP-PSOE converteuse na condición necesaria e suficiente para a súa supervivencia, así que dedicarse a súa consolidación de aquí as eleccións xerais, convertíase en algo prioritario.

E dado que o PP xa tiña as súas costas cubertas cos seus medios de comunicación, El País tiña que gardalas ao PSOE porque aínda que teña algunhas veleidades progresistas para atraer a descoidados sabe que é de fiar para o sostemento da economía neoliberal, e xa hai antecedentes dabondo en toda a socialdemocracia europea para estar tranquilos nesta cuestión.

Pero estando así as cousas, o primeiro susto lévao El País cando o CIS publica unha enquisa para as eleccións xerais que lle da a vitoria ao PP  sacándolle  uns 9 puntos ao PSOE, e por riba entre Podemos e Izquierda Unida superan en votación a este partido quedando como segunda forza de oposición no caso de que aquelas dúas organizacións actúen no Parlamento español coordinada e solidariamente como é de esperar. E isto non podía ser, “onde van ir os nosos lectores” dirían. Entón apresúranse a facer a contraenquisa, Metroscopia failles o favor, e vemos nela como nuns poucos días de diferenza entre unha e outra ocorre o milagre, o PSOE sobe 10 puntos sobre a enquisa do CIS e situaríase no 31,7% de votos, pero claro si fose así superaría ao 30% que lle atribuía o CIS ao PP e a El País debeulle parecer demasiada a falcatruada polo que decidiron pórlle un pouco máis ao PP cun 32,3%, que quedaba máis fiable á vez que poderían dicir que estaban practicamente empatados. Pero a cuestión era de onde sacaban esa cantidade de subida do PSOE. Pois de quen ía ser, dos que amolaban, Podemos e IU, e deciden suprimirlles entre ambos nada menos que os 9 puntos, precisamente os que lle facían falla ao PSOE para chegar ao 31%. Todo perfecto.

-E se nos preguntan como pode ser este cambio en tan pouco tempo entre enquisas?
-Pois nada, moi doado, o milagre de Pedro Sánchez, o novo secretario xeral do PSOE.
-Pero que fixo Pedro Sánchez?.
-Home, ata agora nada
-Pois se ata agora sen facer nada e en tan pouco tempo logrou empatar co PP e deixar na marxinalidade a Podemos e Izquierda Unida que siga así sen facer nada, non vaia a meter a pata, e nas eleccións arrasará.
-Pois é verdade xa lle daremos avisos.

Epílogo: isto das enquisas electorais encargadas polos xornais de seguir así o seu desprestixio está asegurado, que vergonza!.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.