O modelo de oposición do PP

Alberto Núñez Feijóo, esta semana no Congreso durante unha Sesión de Control ao Goberno CC-BY-SA PP

No conxunto de factores que inflúen no xuízo sobre a calidade existente no funcionamento do sistema democrático, hai que citar, tamén, o exercicio que practican as forzas que hexemonizan a oposición nas Cámaras lexislativas

Cando se trata de avaliar a calidade democrática dun determinado sistema político hai que considerar diversos parámetros. En primeiro lugar, aqueles que fan referencia ás características das normas legais vixentes nese país. Por citar tres criterios habitualmente invocados na literatura que analiza esta cuestión: o efectivo recoñecemento dos dereitos humanos, as garantías establecidas para asegurar a separación de poderes, o deseño adecuado de mecanismos de control que neutralicen posíbeis intentos de mutación antidemocrática por parte dunha maioría parlamentaria.

Poren, no conxunto de factores que inflúen no xuízo sobre a calidade existente no funcionamento do sistema democrático, hai que citar, tamén, o exercicio que practican as forzas que hexemonizan a oposición nas Cámaras lexislativas. Falase, en moitas ocasións, da necesidade de realizar un labor construtivo que combine un esixente control da actuación do Executivo cunha oferta de actuacións alternativas concretas. Atopar semellante equilibrio pode proporcionar réditos electorais futuros pero, sobre todo, transmite unha pedagoxía moi importante para a propia saúde democrática do corpo social.

Dende Xullo de 2023 o PP ven asumindo, cunha perseveranza digna de mellor causa, unha liña de confrontación co goberno que non se compadece cos criterios xerais que afirma defender no seu labor nas institucións do poder lexislativo do Estado. Amparándose na suposta ilexitimidade do goberno de coalición derivada de non ter acadado o PSOE a condición de forza electoral mais votada e do apoio recibido na investidura de Pedro Sánchez por parte de organizacións soberanistas e independentistas, Núñez Feijoo promoveu unha estratexia de máxima belixerancia parlamentaria, sen facer caso das especificidades e/ou importancia dos asuntos obxecto de debate e decisión.

Dende Xullo de 2023 o PP ven asumindo, cunha perseveranza digna de mellor causa, unha liña de confrontación co goberno que non se compadece cos criterios xerais que afirma defender no seu labor nas institucións do poder lexislativo do Estado

Dende a proposición de lei da amnistía para as persoas implicadas no "procés" catalán até a redución da xornada laboral, pasando por diversas medidas tendentes a neutralizar os impactos das crises enerxéticas derivadas das intervencións bélicas en Ucraína e Irán, a postura adoptada sempre buscou a derrota da maioría da investidura por riba de calquera outra consideración. Unha das máximas expresións desa orientación destrutiva está localizada no uso que está facendo da maioría absoluta no Senado. No canto de aproveitar esa circunstancia para traballar en favor dunha reforma desa institución que permitise achegala á súa pretendida condición de Cámara territorial, estase promovendo unha secuencia surrealista de Comisións de investigación que só pretenden erosionar a imaxe de Pedro Sánchez. O último exemplo desta caricatura é a iniciativa para analizar a situación pola que atravesa RTVE, obviando que xa existe dunha comisión ordinaria de control dese ente público e que, coa mesma lóxica argumental, tamén se debería investigar -nos Parlamentos correspondentes- o estado da CRTVG (agora CSAG) e de Telemadrid.

Nos case 20 anos nos que Alberto Núñez estivo na primeira liña da política galega fixo unha demostración práctica do seu xeito de entender o comportamento cando se está na oposición e no goberno: negouse a pactar a reforma do Estatuto de Autonomía no ano 2007, non ofreceu colaboración institucional para combater a vaga incendiaria do verán de 2006 e rachou o consenso legal en materia lingüística

Dous acontecementos recentes tiveron unha importante repercusión mediática e social: a intervención militar ilegal decidida por Trump e Netanyahu sobre os territorios de Irán e Líbano e os insultos xenófobos e racistas proferidos por unha boa parte das persoas asistentes ao partido de fútbol entre España e Exipto. Nos dous casos, os dirixentes do PP optaron por unha significativa prudencia declaratoria: bos desexos xenéricos sen críticas concretas aos causantes da masacre bélica e aos grupos inspiradores dos asubíos ao himno do país árabe e dos berros "musulmán o que non bote". Feijoo ten que cadrar un círculo case imposíbel: acadar a curto prazo pactos de goberno en Extremadura, Aragón e Castela e León cun partido -Vox- que está totalmente identificado cos mandatarios da Casa Branca e de Tel Aviv e que non foi quen de condenar as expresións xenófobas escoitadas en Barcelona. Unha formación política cuxo secretario xeral -Ignacio Garriga- definiu recentemente a Feijoo, Mar Sánchez e Miguel Tellado como "clan galego con prácticas de contrabandistas de ría".

Dende hai tempo, no ámbito da dereita mediática galega, construíuse unha caricatura de uso recorrente: supostamente, a liña de actuación seguida polo nacionalismo político que representaba o BNG sería un exemplo de política destrutiva -"os do non", dicíase habitualmente- fronte a un PPdG que exhibía un talante construtivo. Nos case 20 anos nos que Alberto Núñez estivo na primeira liña da política galega fixo unha demostración práctica do seu xeito de entender o comportamento cando se está na oposición e no goberno: negouse a pactar a reforma do Estatuto de Autonomía no ano 2007, non ofreceu colaboración institucional para combater a vaga incendiaria do verán de 2006 e, posteriormente, xa instalado na presidencia da Xunta, rachou o consenso legal en materia lingüística establecido no remate do mandato de Manuel Fraga.

Con estes antecedentes non cabe moita sorpresa ante a folla de ruta que nos están ofrecendo os dirixentes da rúa Génova durante os últimos catro anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.